Historias do volframio

Biografías do máis curioso crúzanse na explotación deste mineral no Barbanza

Nobres rusos, gardas civís da peor especie, médicos bondadosos, testaferros, contrabando ou guerrilla son só algúns dos elementos que atopamos a pouco que escavemos nas pegadas que deixou a explotación do volframio no Barbanza. Agora, un proxecto interdisciplinar de investigación quere recuperar de xeito sistemático as historias que se agochan arredor das minas e que ata o de agora ficaban fundamentalmente na memoria popular. A xeito de adianto deste ambicioso proxecto, presentamos as historias dalgúns dos personaxes que confluíron arredor das minas.

“A investigación etnoarqueolóxica da minaría do volframio no Barbanza é un proxecto financiado pola Dirección Xeral de Investigación que executa a empresa de xestión cultural Alicerce en colaboración co Laboratorio de Patrimonio do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento”, explica Xurxo Ayán, un dos responsables desta iniciativa. “A intención é facer unha investigación interdisciplinar sobre o que supuxo a explotación do volframio na zona do Barbanza”. Isto inclúe un inventariado de todos os puntos de extracción, con vistas a posibles aproveitamentos turísticos, pero a proposta vai moi para alén. Segundo explica Ayán, desde unha perspectiva multidisciplinar, quérese “estudar todos os procesos que se deron no Barbanza nos anos corenta que afectaron a todas as comunidades locais”. Arquitectura e procesos da represión, guerrilla ou sindicalismo converxen arredor deste mineral. “Trátase de ver como unha sociedade rural tradicional, que só vira a industrialización da man das conserveiras, entra na modernidade por mor dunha conxuntura histórica”, lembra este investigador. Arquitectura moderna, cinemas, luz eléctrica e novos materiais incorporáronse a esta zona naqueles anos. “Aquel impacto quedou alí e deuse despois un impasse desde o final da Guerra de Corea ata os anos sesenta”, conclúe. Como unha primeira achega a este proxecto, Ayán preséntanos breves retallos biográficos dalgúns personaxes destacados vencellados a este mundo.


O nobre ruso
“O conde Alexander Tichetsky era un enxeñeiro de minas que fuxiu coa súa muller da revolución rusa e acabou no Barbanza xa nos anos 20. Traballou coma xestor da Estañífera de Arousa nos anos 20 e 30, ata que a empresa foi á creba polo ano 38. Para pagar unhas débedas regaloulle varias explotacións na zona de Boiro a Don Fernando González Conde de Borbón, que foi quen investiu despois bastantes cartos nestas explotacións. Logo foron as que estiveron en uso nos anos corenta, durante a febre. O conde Alexander era moi amigo de Raimundo López Couze, un cazador que coñecía moita a zona, e entre os dous foron dos primeiros en se interesar pola riqueza mineralóxica do Barbanza e en calibrar as posibilidades da súa explotación. A neta de Raimundo aínda conserva o microscopio que lle regalara o ruso. En xeral foi un personaxe bastante coñecido no Barbanza”.


Teodomiro Hidalgo en Rusia e na inauguración do cruceiro de Sanfíns


O médico bo
“Outro personaxe é Teodomiro Hidalgo Iglesias, o médico da mina de San Finx, en Lousame. Naceu en Cáceres, era orfo, e medrou cos seus parentes da Coruña, que eran farmacéuticos. Comezou a traballar na mina de San Finx en 1935, e naquela época era un clásico nas tertulias do Liceo de Noia. El mantivo sempre unha relación moi estreita cos donos daquela, que era unha compañía inglesa, e mesmo ao se nacionalizar a mina en 1940 mantivo unha certa cultura anglófona. Vvía en Rego, nunha casa rodeada de eucaliptos que trouxeran precisamente os ingleses. Todas as informacións que temos lémbrano coma alguén cun grande perfil humanitario. Tiña un cabalo branco que se chamaba Wolfram, e non lle cobraba aos pobres. Percorría o Barbanza para pasar consulta e era paternalista xa non só cos empregados senón tamén coa xente que buscaba volframio de xeito ilegal. De feito sábese que era bastante filocomunista e os falanxistas tíñano controlado. Consérvase unha foto del en Moscova, diante dun monumento dedicado á figura da nai. Lembraba os accidentes que houbo, tamén estivo na comisión que ergueu un cruceiro en 1940, e mesmo dicía que durante a guerra tivera que certificar varias mortes de soldados fusilados polos republicanos. É todo un testemuño sobre as condicións de traballo da mina. Estivo a traballar alí ata os anos sesenta e quedou coma o personaxe bo de toda a historia, co referente do cabalo branco e do seu comportamento”.

O nobre español
“Don Fernando González Conde de Borbón era familia dos Borbóns, obviamente. Posuía minas en Porto do Son, Boiro e mesmo Badaxoz. Non se sabe moito del, pero era bastante coñecido. Xa desde novo veraneaba na Pobra do Caramiñal, e lembraba que ao viren desde Madrid en coche sufrían corenta ou cincuenta pinchazos polo camiño. Naquelas vacacións paseaba moito pola comarca e de aí tirou un coñecemento moi grande das zonas onde había mineral. Era tenente coronel de artillaría e suponse que actuaba tamén coma testaferro de compañías estranxeiras, pero non se puido demostrar.”.

O garda civil malo
“O Marelo era un garda civil corrupto, e aparece en calquera entrevista que se lle fai á xente do Barbanza como o malo da historia. Lémbrase especialmente as tundas que lles daba á xente á hora de requisar volframio. Controlaba todas as saídas de mineral e especulaba el mesmo. Facía unha parella bastante terrorífica co Cabo Ríos, que cometeu bastantes homicidios e encargábase de perseguir os fuxidos. Había mesmo un dito que era “eu á zona libre non quero volver que vén o Marelo e me pode coller”. A zona libre era un espazo que quedaba fóra da concesión mineira e podía ir xente á marxe da explotación legal. Ao ver a cantidade de xente que se achegaba, os propietarios da mina estableceron un cuartel da Garda Civil e da Falanxe da propia mina, onde estaba o Marelo. Se alguén collía dez quilos de mineral, a metade había que lla dar aos gardas. O propio Avilés describe nun texto a lembranza que deixou este personaxe na memoria popular”.

A vítima inocente
“María de Cruido era unha desas mulleres que se botaron ao monte en San Finx para coller uns quilos de volframio. Tiña 22 anos e unha filla de quince meses e foi con moitas outras mulleres coller algo de mineral. O 5 de outubro do 43 había unha maré de xente, chegaron os gardas civís e o cabo Ríos comezou a disparar, suponse que cara ao ceo. Pero a esta muller déronlle polas costas, atravesáronlle o estómago e morreu alí mesmo. Este feito deixou unha grande pegada na memoria popular, mesmo se puxo unha cruz na escombreira. Todo o mundo coincide en que non fixera nada malo e que foi unha morte gratuíta”.


Curuxás, fotografiado trala súa morte

O guerrilleiro
“Curuxás chamábase Ramón Rodríguez Varela. Comezou sendo lexionario pero xa nos anos trinta meteuse a mineiro en San Finx. Alí entrou en contacto co anarcosindicalismo galego. Cando foi o golpe de estado foi á Coruña cos outros mineiros para actuar contra os rebeldes sen éxito, e tivo que se botar ao monte. Foi o artífice dun dos grande triunfos da Guerrilla durante a Guerra Civil. O 14 de abril de 1937, no aniversario da proclamación da república, roubou os cartos das nóminas da mina. A partir do 37, coas loitas que houbo na guerrilla cos intentos do Partido Comunista por controlar todo, seguiu de fuxido pola súa conta na zona de Toques. Morreu por causas naturais no 67, coa aureola de non ter sido nunca atrapado por Franco”.



O soldado fotógrafo
“Como último teriamos a García Trevisani, de Vilagarcía, que ten 94 anos. Podería definirse coma un combatente da Cruzada. É unha persoa moi de dereitas, que marchou no ano 37 a facer a guerra cunha cámara de fotos. Conserva un álbum impresionante. Case non hai fotos en xeral sobre Galicia na retagarda, e el ten imaxes de adestramentos nas praias de Valdoviño, por exemplo. Era consciente de que estaba a facer historia, e o álbum é coma un percorrido pola Guerra, remata coa entrada na Cidade Universitaria, en Barcelona no Acto do Triunfo ou en Sevilla no Desfile da Victoria. Contábanos que nos anos 40 ou 41 os submarinos alemáns entraban pola Ría de Arousa tranquilamente. E el sacou fotografía nun destes U-Boot coa bandeira nazi. Isto amosa como daquela Alemaña se consideraba a grande potencia mundial que ía gañar a guerra. E moita xente pensou que o tema do volframio ía durar toda a vida”.

Son só unhas poucas historias de todas as que hai, e as que han saír, ao ollar polo miúdo as pegadas do volframio nesta zona mineira. A investigación ten aínda un longo percorrido por diante, xa que está previsto que remate en 2011, pero de certo ha tirar á luz un bo feixe de narracións que ata o de agora ficaban gardadas na memoria e nas casas dos veciños, ou soterradas no medio do monte.