A Universidade de Santiago estudia un sistema dialogal de busca na rede

Pregúntalle á rede

Un buscador que acepta preguntas directas, capaz de recoñecer palabras sinónimas e que nos pregunta cando non ten algo claro é o proxecto no que está traballar o Departamento de Lóxica da Universidade de Santiago. A base deste proxecto é a reproducción nunha máquina das estructuras conversacionais entre persoas, e con el preténdese acadar un acceso máis fácil e máis estructurado á información que circula pola rede.

Preguntas flexibles



Perfeccionar as ferrementas de busca a través de Internet, mellorar a súa efectividade e facilitar o seu emprego por persoas sen coñecementos de informática é o obxectivo do Departamento de Lóxica da USC. Para isto, traballan nun sistema que acade que o computador imite as reaccións humanas nas conversas, o que permitirá unha maior flexibilidade á hora de realizar consultas.
Con este sistema agárdase que os usuarios poidan realizar as súas buscas formulando preguntas directas ó ordenador, e que este sexa quen de interpretar as frases completas recoñecendo na rede expresións cun significado igual ou semellante ás incluídas na pregunta.
Así, o computador sería capaz de detectar a sinonimia dunha frase en voz activa ou dunha en voz pasiva, ou de ampliar a súa busca a expresións contrarias que veñen a dicir o mesmo. Deste xeito, unha consulta sobre "exportacións desde Italia a Grecia" levaría á máquina a buscar tamén aquelas páxinas sobre "importacións a Grecia desde Italia".











Diálogo



Segundo explica Alejandro Sobrino, responsable do equipo de investigación, no futuro "os usuarios poderán dialogar coa rede de forma razoable". Isto quere dicir que o buscadores preguntaranlle ó usuario aquelas cuestións que non comprenda directamente e este terá que aclarar os termos da súa busca. Estas respostas axeitaríanse ós diferentes parámetros introducidos polo usuario e ás respostas que este fose dando.
Nesta mesma liña de investigación, este equipo está desenvolvendo o primeiro diccionario electrónico de sinónimos, que permitirá ós computadores buscar aqueles termos que signifiquen o mesmo que aqueles que estamos buscando.
Este ano rematará a primeira parte da investigación, o desenvolvemento dunha base de datos, que foi financiada pola Xunta. De aquí a dous anos prevese que esté finalizada a segunda parte do estudio que consistirá na aplicación desta base a Internet e que conta co apoio do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía.
Segundo sinala Alejandro Sobrino, a pesar da existencia de moitos centros investigando sistemas semellantes a este, o de Compostela é un dos poucos que aborda o problema desde a perspectiva da flexibilidade da linguaxe, campo no que destacan especialmente os investigadores españois.