
A partir dunha explotación dos datos da enquisa Navegantes en la Red, o Observatorio da Cultura realizou unha análise dos costumes culturais dos internautas galegos. Segundo os datos de 2008, as redes sociais aínda non chegaron á maioría dos usuarios, os blogs continúan a medrar e está a diminuir o emprego de redes de intercambio.

Actividades culturais
A transferencia de ficheiros, o intercambio de arquivos en redes P2P, os chats e a mensaxería instantánea están de capa caída entre os internautas galegos. Fronte a isto, mantense o emprego de navegadores web e de correo electrónico. Á hora de realizar actividades culturais na rede mantense como a máis habitual a lectura de novas de actualidade, que desenvolve o 90% dos internautas. A visualización de videos on line rolda o 70% dos usuarios, a descarga de música chega case ao 60%, mentres a de películas supera lixeiramente o 50%. Como novidades, incorporouse en 2008 a descarga de emisións televisivas aos datos da enquisa, cun 15,5% de usuarios.
Consulta
A nivel de páxinas máis visitadas, no noso país continúa La Voz de Galicia coma líder das webs galegas e só por detrás de Google entre todos os contidos da rede. Síguena Faro de Vigo e mais do web da Xunta. No entanto, as versións electrónicas destes xornais están a detectar un descenso nas súas visitas, mentres o web do goberno mantense a nivel de usuarios.
Participación
Tal e como viña sucedendo nos últimos anos, continúa o seu ancenso o emprego de blogs, que foron visitados nos 30 días previos á enquisa por un 65% dos navigantes e que están a substituír os webs como xeito de publicación na rede. Un 42,5% dos enquisados colgaban en 2008 información en Internet, fundamentalmente fotografías (un 31,2%), textos (un 19%), videos (8,4%) e música (6,8%). Canda ao incremento dos blogs, xa en 2008 se detecta a grande importancia das redes sociais, nas que participaban un 45,5% dos internautas.

Cultura fóra da rede
A actividade cultural que se desenvolve na rede afecta tamén a aqueloutra que se desenvolve na vida real. Deste xeito, case un 70% dos internautas recoñece que a navegación lle tira tempo de ver a televisión, algo máis dun 40% di que por navigar perde de ir buscar información a bibliotecas, e arredor dun 20% le menos por andar en Internet. Escoitar a radio e ir ao cinema son outras actividades que se ven afectadas, aínda que en menor medida, pola navegación.