Non todo é o que parece

Talía Teatro achégase ao xogo de verdades e mentiras en Palabras encadeadas

Talía Teatro cambia o seu rexistro habitual, para tratar a tensión que se xera entre un secuestrador e a súa vítima. Palabras encadeadas é un thriller psicolóxico que se desenvolve nun espazo claustrofóbico no que se descubre un xogo de verdades e mentiras que envolve ao espectador.

CRÍTICA
Palabras encadeadas, de Talía Teatro.

Por andrea a. pino


Talía Teatro estivo na Sala Nasa con Palabras encadeadas, unha adaptación do texto homónimo de Jordi Galceran dirixida por Artur Trillo e interpretada por María Ordóñez e Toño Casais.

A dinámica do xogo de palabras estrutura a acción deste thriller psicolóxico. Fechados nun soto, psicópata e vítima intercambiarán unha e outra vez os seus roles nunha sucesión de xiros de guión inesperados. A posta en escena limita o foco ao desenrolo realista da trama, isto é, á historia, ao conto; á narrativa. Como en todo filme de suspense que se prece, o obxectivo básico de Palabras encadeadas é regular a emoción e o suspense até liberar a tensión do espectador mediante a sorpresa final.
No fondo, a obra indaga as tensións e puntos de sutura entre nocións abondo explotadas tanto polo teatro como polo cinema: onde están os límites entre a ficción e a realidade? Que é a verdade e que é a mentira? Onde empezo eu e onde remata o outro?. Dada a natureza do conflito, se ben a dimensión metateatral é de por si interesante, a pretensión de fidelidade extrema á linguaxe cinematográfica anula a posibilidade de solucións dramáticas coherentes coa especificidade do medio teatral. Como entrar no bucle de tensión que propón Palabras encadeadas cando o público sabe que a peor das súas expectativas (o asasinato) só podería verse cumprida na superficie plana da pantalla e nunca (hoxe xa non, non desta maneira) sobre as táboas dun teatro?
Non é que o teatro non poida empregar os códigos realistas do cinema, pero xestionalos no seu beneficio implicaría repensar as posibilidades do seu tratamento escénico, e isto aínda cando se trate de artellar espectáculos que, como é o caso, aposten pola experimentación con fórmulas sinxelas encamiñadas a entreter e coa intención última de chegar a todo tipo de públicos.