Emigración bibliográfica dixital

Entidades foráneas achegan á rede destacados exemplos de libros históricos galegos

Aínda que existe un amplo traballo de dixitalización de patrimonio bibliográfico galego por parte de organismos no noso país, a dispoñibilidade de obras da nosa cultura non remata, nin moito menos aí. Diferentes entidades internacionais contan nos seus fondos on line cunha ampla e curiosa mostra de obras que fan parte das nosas letras, desde cantigas medievais ata os títulos máis coñecidos. Facemos un pequeno repaso por estas letras electrónicas.

Se xa facer un plano do patrimonio bibliográfico galego dispoñíbel en webs galegas é difícil, se o asunto é revisar webs internacionais a cousa é aínda máis complexa. Os diferentes procesos de dixitalización nos que se atopan as práctica totalidade das bibliotecas mundiais de referencia a miúdo poñen en liña os máis curiosos libros da nosa historia. Por exemplo, as Cantigas de Martin Códax consérvanse na biblioteca de Berkeley, e a prestixiosa Hispanic Society emprega unha imaxe tomada no noso país por Ruth Mathilda Anderson para ilustrar a súa sección de fotografía, aínda que en ningún dos dous casos estes fondos son accesible en liña. Deste xeito, cumpriría facer un peneirado profundo da rede para localizar todas as obras galegas que hoxe podemos ler en webs foráneas.

Google Books
Fóra destes espazos con obras puntuais, un dos lugares máis obvios para atopar na rede libros galegos é, como non, o Google Books. A ferramenta de publicación en liña deste popular buscador aliméntase desde o pasado ano cos fondos históricos da Editorial Galaxia, dispoñibles de xeito restrinxido, e desde hai xa tempo coas publicacións do Consello da Cultura Galega, que se poden ler íntegras. Só buscando “Galicia” nesta aplicación atopamos 9.302 obras, ás que se poden sumar as 1,709 que xorden procurando “Galiza”. Deste xeito, están dispoñibles desde anacos de novelas coma Merlín e familia de Cunqueiro ata parte do Estatuto de Autonomía.

Publicacións restrinxidas
No entanto, en moitos casos non existe vista previa das obras, e boa parte dos fondos galegos dispoñibles neste buscador só aparecen na opción “Vista de fragmentos”. Isto quere dicir que Google achega resultado do interior destas obras nas súas buscas contextualizando o termo, pero que non se pode realizar unha lectura das mesmas. Acontece que boa partes destes fondos son propiedade de universidades estadounidenses como, por exemplo, a de Harvard, que achega obras coma a edición do Cancioneiro da Vaticana de Carolina Michaëlis de Vasconcellos ou o libro Galicia de Juan Rivero e Xán Carmona Badía entre outros. Tamén na universidade de Michigan, atopamos obras coma La arquitectura barroca en Galicia de Manuel Chamoso Lamas. No entanto, ao non contar coa cesión de dereitos por parte dos seus titulares, estas obras, malia a estar totalmente dixitalizadas, non se poden ler en liña.

Europeana
En Europeana.eu, un dos máis recentes e ambiciosos proxectos de bibliotecas virtuais localizamos 228 con este mesmo termo, procedentes de distintas webs da UE que achegan os seus propios fondos dixitais. Deste xeito, atopamos aquí fondos achegados das coleccións dixitais do Centro Superior Bibliográfico de Galicia, as imaxes de Gerry Mc Cann sobre o camiño de Santiago ou mesmo reproducións de obras que realizou Pablo Picasso na Coruña, achegadas polo museo francés dedicado ao pintor. Unha das webs que achega máis fondos sobre Galicia a este proxecto é a Biblioteca Virtual do Patrimonio Bibliográfico Español. De xeito curioso, neste web non podemos buscar obras en galego, aínda que as hai dispoñibles en asturiano, catalán e, por separado, valencián. Alí podemos atopar obras coma Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia de José Villa-Amil e Castro ou a Historia de Galicia de Murguía.

Outras bibliotecas estatais
Tamén a nivel estatal, a Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes dispón dunha sección específica sobre letras galegas, na que se pode atopar unha ampla selección de textos e autores, en liña, incluíndo algunhas da publicacións do Centro Ramón Piñeiro, facsímiles de cantigas e amigo e estudos filolóxicos, incluíndo mesmo textos recitados. Pola súa banda, o Centro Virtual Cervantes achega cadanseu monográfico dedicado a Álvaro Cunqueiro e mais a Ramiro Fonte, con distintos textos dixitalizados destes autores. Por se fosen poucas as páxinas españolas nas que se poden atopar fondos centrados no noso país, tamén existe a Biblioteca Digital Hispánica, na que de novo podemos atopar sobre todo obras antigas, mapas, tratados de xeoloxía ou botánica ou un gravado de Julio Prieto Nespereira.

Proxectos mundiais
De xeito curioso, o termo Galicia non dá resultados na Biblioteca Dixital Mundial que puxo en marcha a UNESCO. A escaseza de achegas de fondos internacionais (a entidade cun maior número de fondos é a Biblioteca do Congreso de Estados Unidos con algo máis de quiñentos), dá en que a nosa presenza neste web se reduza a algún mapa illado. Tampouco contamos cunha ampla presenza no web do Proxecto Gutenberg, que pretende achegar unha listaxe de todos os libros electrónicos dispoñibles na rede. O catecismo do labrego de Lamas Carvajal, é a única obra que se pode consultar na nosa lingua neste web, que non achega resultados relevantes para o termo Galicia.

É obvio, no entanto, que fóra das grandes coleccións, achegas de particulares ou de entidades illadas han multiplicar con moito a presenza do noso patrimonio bibliográfico na rede. Os interesados, poden continuar a busca pola súa conta.