Crónica de Barcelona

A presenza galega bate novas marcas no Saló del Còmic

A BD galega cumpriu. Aínda con ben menos premios dos agardados, o noso país conseguiu marcar en boa medida a 27 edición do Saló del Còmic de Barcelona. A cantidade de obras dispoñibles, a calidade das exposicións, a visible presenza de responsables políticos a apoiar o sector e a grande cantidade de autores que se desprazaron á Cidade Condal, amosaron o peso dos nosos cadriños no panorama estatal.

Malia a que os escasos resultados nos premios (2 galardóns á edición galega de sete candidaturas) deron nunha certa desilusión entre os galegos presentes no Saló de Barcelona, en xeral os debuxantes presentes no evento, que finaliza hoxe, amosaron ao longo da fin de semana unha visión positiva. Boa parte do optimismo veu da man do anuncio do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, da convocatoria de cinco bolsas de creación de banda deseñada e mais do interese do seu departamento de manter estrutras estables de diálogo co sector. Canda a Varela, tamén o director xeral de Promocion e Difusión da Cutura, Francisco López Rodríguez, apuntou o seu interese en manter o apoio público ao sector. “Semella que hai xa unha inercia do traballo de anos que leva á Administración a contar con nós”, sinalaba Javi Montes, da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.

O posto
A espectacularidade do posto galego de 150 metros cadrados conseguiu numerosas felicitacións de visitantes e profesionais do sector e mantívose cheo. No entanto, diferentes autores comentaban que se deu unha concentración da presenza galega fronte á anterior edición, na que tres mostras de autores do noso país, organizadas polo propio Saló daban unha impresión de omnipresenza dos nosos autores. A dispoñibilidade dun espazo de lectura e de descanso animaba a moitos a pousar neste espazo e coñecer polo miúdo as obras dos nosos autores. “Houbo aí dous rapaces que estiveron preto de dúas horas lendo o Harry Pórrez de Víctor Rivas a dúas mans”, sinalaba GoChi, encargado de xestionar este espazo. O lugar recibiu as visitas de encargados de diferentes eventos de BD estatais e mesmo internacionais interesados en contar con presenza galega nas súas citas, propostas que se han concretar nos vindeiros meses. Foi no momento da degustación de produtos galegos, como non, cando máis xente se puido atopar no recinto e cando se produciu unha maior e máis informal interacción entre responsables políticos e membros do sector.

Reflexións
O evento deu tamén para reflexionar sobre a situación da BD tanto a nivel galego coma estatal. Tanto na mesa redonda galega (Xaquín Marín, Xoán Carlos Sanmiguel, GoChi, Xosé Tomás e Javi Montes) coma a rolda de prensa na que se presentaron os premiados nesta edición coincidiuse en afirmar que a situación da BD está a mellorar. Como exemplo destacado desta mellora, apuntouse a especial atención que os medios de comunicación están a prestar á novena arte. “Eu sorprendinme moito co caso que lle fixeron a Os lobos de Moeche na prensa” explica Manel Cráneo. De xeito semellante, o crítico Álvaro Pons (premio ao mellor labor de difusión do cómic) coincidiu en afirmar a importancia deste campo. O recente apoio que desde as bibliotecas, tanto a nivel estatal coma galego, está a se dar á novena arte revélase tamén coma un factor destacado da normalización do sector.

Vendas
Malia a que a crise fai temer posibles descensos das vendas, atopamos exemplos positivos para os creadores e editores do noso país. Pendente de fechar o resultado final, Sanmiguel, responsable do posto de venda, sinala que “está a se vender máis do que o ano pasado. Nótase o premio para As serpes cegas”, apunta. Canda a este, destaca como sorpresa Trafalgar, título con cor de Javi Montes que se editou en Cádiz. Tamén Barsowia, distintos números de Retranca, o Carne Líquida ou as publicación de Xosé Tomás, Tolos e Compañeiros son, nunha primeira ollada algúns dos títulos que máis éxito están a ter. Fóra das cifras específicas do posto, confírmase no evento o éxito de Carlos Portela, que se mantén este ano coma guionista do maior éxito editorial da BD estatal. Las nuevas aventuras de Esther que realiza coa debuxante Purita Campos, acumula máis de 40.000 exemplares vendidos das súas dúas primeiras entregas, o que garante polo momento a continuidade da serie. Tamén Manel Cráneo se amosa sorprendido pola boa acollida que está a ter Os lobos de Moeche no noso país.

Eivas
Alén das melloras, no evento tamén se apuntaron as necesidades do sector. “Falta moita BD infantil”, lembraba Xosé Tomás, “iso pode dificultar conseguir novos lectores. Hai que traballar tamén cos profesores e introducir a BD na escola”. Coincidiu con el Pío Barreiro, responsable da libraría Kómic, na rolda de preguntas da mesa redonda. "é importante o traballo no ensino. En xeral, visto desde o pé do mostrador a situación mellorou pero tamén porque non podía empeorar. Claro que tampouco se pode pensar que Galicia sexa moi diferente doutros sitios, hai moitos outros lugares onde tamén se está a traballar moito". Na presentación de novedades galegas deuse tamén coincidencia en afirmar as posibilidades de traballar as BDs a nivel didáctico, sinalando que cómpre facer obras que funcionen por si mesmas antes do que caer en cómics feitos únicamente con fins didácticos. Ao tempo, para o caso galego, falouse da falta de industria e do “medo dos editores”, segundo Xosé Tomás, para apostar pola novena arte. Malia a recoñecer que a situación é positiva "hai unha chea de autores cunha calidade gráfica enorme, que xa para min quixera", recoñece Xaquín Marín, ao tempo que advirte que "non son optimista, non sei se esta situación chegará moi lonxe". Quizais se pode encadrar nese camiño de consolidación da nosa incipiente industria editorial o recoñecemento ao traballo de edición feito en Galicia por BD Banda con As serpes cegas.

Autores
Malia a ausencia este ano de axudas institucionais para o desprazamento, unha grande cantidade de autores do noso país se achegaron ao Saló con intención, na súa maior parte, de establecer contactos profesionais. “Vémonos máis aquí que en Galicia”, sinalaba Manel Cráneo. E é que semella que o interese dos nosos autores por conseguir traballo alén das nosas fronteiras está a coller forza e, ano a ano, provoca maiores desprazamentos á Cidade Condal. Máis de 25 autores participaron no encontro, desde nomes xa consagrados coma Carlos Portela, Miguelanxo Prado, David Rubín ou Alberto Vázquez a aqueloutros coma Jacobo Fernández, José Domingo ou Víctor Rivas, que viñeron promocionar as súas recentes publicacións. Canda a eles, este ano atopamos un grupo que se achegaba por primeira vez ao evento, na súa maior parte veteráns dos cadriños coma Xosé Tomás, que presentou o seu Tolos, Xaquín Marín, coma parte da delegación galega, ou Primitivo Marcos e Macaco, que asistiron da man de El Patito Editorial para realizar sesión de sinaturas. De feito, este foi o ano no que máis autores no noso país asinaban exemplares das súas obras, con entre outros, Alex Cal, Jacobo Fernández ou Alberto Guitián. Canda a estes, tamén están os que se achegaron da man das candidaturas dos seus proxectos aos premios, coma Roque Romero, Brais Rodríguez ou Kiko da Silva.

Coa edición
Segundo a maior parte das opinión recollidas, o contacto cos editores foi en xeral positivo. “A verdade é que atopas receptividade. Danche consellos sobre o traballo ou dinche o tipo de debuxo que lles pode interesar”, explica Xosé Tomás logo dos seus primeiros contactos. Tamén deron unha visión positiva dos seus encontros autores coma José Domingo, que aproveitou para asinar o seu Cuimhne, David Rubín ou Fran Jaraba, que aproveitou o evento para establecer uns primeiros contactos de cara a vindeiros proxectos. Obviamente, cada un fala da feira como lle vai nela, e hai tamén testemuños que apuntan a dificultade de contactar con editores sen contar con cita previa. Dun xeito ou doutro, son xa varios os proxectos que están en marcha a raíz destes días e sobre os que saberemos máis ao longo dos vindeiros meses. Polo momento Xaquín Marín sinala que, logo das reedicións das súas obras de BD que se están a facer nos últimos anos "xa non me queda nada por editar", e que está pensando e iniciar un novo proxecto de cadriños contando con guións do seu fillo. "Trátase de recuperar un personaxe, o Home de Pedra, que facía para Xatentendo.com".

Resumos
A resumir o encontro, pódese dicir que Galicia cumpriu dignamente coma país convidado, amosando unha selección de títulos máis ampla do que nunca. Arredor dun cento de volumes editado nos últimos anos, incluíndo material editado por autores galegos fóra do noso país, amosan un crecemento constante na edición e sorprendeu moitos dos visitantes. Mesmo a presenza dunha editora profesional coma El Patito con posto propio, ou o premio á edición galega que supón o duplo recoñecemento de As serpes cegas poden ser as primeiras mostras dunha consolidación industrial amplamente desexada. Aínda pendente de concretar (alén das xa anunciadas bolsas) o interese da Consellaría de Cultura por manter o apoio ao sector e mais os avances de diferentes proxectos que coñecemos no Saló, fan prometer un destacado crecemento e consolidación da nosa BD para os vindeiros meses.

Exemplares expostos

Exemplares expostos

Franciso López Rodríguez, Roberto Varela e Xaquín Marín

Franciso López Rodríguez, Roberto Varela e Xaquín Marín

Posto de O Catalizador

Posto de O Catalizador

Roberto Varela no stand

Roberto Varela no stand

Xaquín Marín onda a exposición de Alex Raymond

Xaquín Marín onda a exposición de Alex Raymond

Xaquín Marín lembra os seus tempos de porteiro na mostra sobre fútbol e BD

Xaquín Marín lembra os seus tempos de porteiro na mostra sobre fútbol e BD

Víctor Rivas asina exemplares de Harry Pórrez

Víctor Rivas asina exemplares de Harry Pórrez

Posto promocional da BD galega

Posto promocional da BD galega

Posto promocional da BD galega

Posto promocional da BD galega

Posto promocional da BD galega

Posto promocional da BD galega

Posto promocional da BD galega

Posto promocional da BD galega

Lectores a encher o posto galego

Lectores a encher o posto galego

Kiko da Silva e Víctor Rivas

Kiko da Silva e Víctor Rivas

Jacobo Fernández asina Aventuras de Cacauequi

Jacobo Fernández asina Aventuras de Cacauequi

Bartolomé Seguí e Kiko da Silve recollen o premio a mellor obra para As serpes cegas

Bartolomé Seguí e Kiko da Silve recollen o premio a mellor obra para As serpes cegas