O Teatro Rosalía acolle un espectáculo a partir da última novela de Manuel Rivas

O escritor actuará como narrador da historia que rende unha homenaxe á cidade

Poesía e tangos únense esta fin de semana no Teatro Rosalía da Coruña para presentar un atípico espectáculo. Trátase dunha produción poético-musical inspirada en Os libros arden mal, a última novela de Manuel Rivas. Será precisamente o escritor quen fará as veces de narrador dun espectáculo no que estarán Marcos Meléndez (voz tangos), Gastón Rodríguez (guitarra), Pulpiño Viascon (voz, gaita, serrucho) e outros convidados. Chámase Homenaxe á cidade da liberdade, os libros arden mal e toma como punto de partida da historia a queima de libros que tivo lugar na dársena coruñesa en agosto de 1936.