O país énchese de encontros sobre a nosa tradición musical

Fin de semana folk

A música tradicional centra a actividade musical da fin de semana. Ademais do primeiro congreso de Antropoloxía Musical que se celebra en Lalín e do que informamos máis polo miúdo na nosa revista fin de semana, diferentes encontros e celebracións enchen Galicia dos sons máis nosos. Así, Vedra acolle o IV Memorial de Grupos Tradicionais Manuel Texo. Mentre a asociación folclórica O Pedrón programa diferentes actos en Padrón e o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol celebra o seu oitenta e seis aniversarios.

Vedra



Once grupos tradicionais participarán mañá no IV Memorial de Grupos Tradicionais Manuel Texo que se celebra anualmente en Vedra. O certame, que organiza a asociación cultural Ullán e colectivo folklórico de Santa cruz de Ribadulla pretende promover a conservación do noso patrimonio musical e estase a consolidar coma un dos máis importantes do seu tipo. Cada ano dedícase o memorial a algún persoeiro destacado na conservación da música tradicional, sendo os homenaxados este ano os dous compoñentes vivos do grupo Airiños da Ulla de Berre. No concurso participan cuartetos e quintetos tradicionais, aínda que este ano se aceptou por primeira vez a participación de dous sextetos de gaitas, requintas, bombo e tamboril. Os grupos asistentes interpreterán as súas pezas a partir das sete da tarde, cun mínimo de cinco minutos e un máximo de oito para cada formación. O gañador recibirá un premio de 115.000 pesetas.












O Pedrón



A asociación folklórica O Pedrón de Padrón realiza durante esta fin de semana un festival de música tradicional e inaugura unha exposición sobre o traxe galego. O grupo musical da asociación actuará mañá ás sete da tarde no auditorio municipal da vila, e onda eles actuará o grupo Os Castros de Ames. Ademais, os memebros da asociación realizarán na mañá do domingo un desfile no que vestirán medio cento de traxes populares. Outra das actividades previstas para estes días é a inauguración no auditorio municipal dunha mostra sobre o traxe rexional na que poderán verse máis de noventa bonecas vestidas con estes aduvíos, e que se veñen confeccionando desde hai máis de cinco anos. Esta exposición incluirá reproduccións a escala de teares, feiras e ferramentas da sociedade rural.




Toxos e froles



O Real Coro Toxos e Froles de Ferrol comeza hoxe mesmo os actos de conmemoración do seu 86 aniversario. Con esta ocasión inautura unha exposición pictórica que reune obras de doce artistas ferroláns e ademais amosa os traballos de palillado e bordados realizados no seo da asociación. Para mañá está previsto un acto institucional no que intervirán o presidente do Coro, Pedro Sanz, e representantes do Concello e da Xunta. Durante o mesmo poderá verse unha actuación do Real Coro, ó que acompañarán o grupo de instrumentos musicais Terra de Trasancos, as pandeireteiras de Gradaílle e o grupo de baile Perfecto Feijóo.