Rock, cantos corais e música electrónica enchen de sons en vivo o país

A pola música

Roxy Music e Paul Young en Compostela. Un festival de música electrónica en Vigo. Os Suaves voltan a Vigo logo de catro anos. Un festival de canto no Camiño de Santiago. Son só algunhas das ofertas musicais que se concentran en Galicia para as vindeiras datas, para todos os gustos e a todos os volumes.

Clásicos do Rock



A única oportunidade de ver en vivo a Roxy Music onda Paul Young no Estado Español é acudir o vindeiro venres ó pabillón multiusos do Sar en Compostela. O conerto, organizado dentro do programa "Galicia, Viva o Milenio", aproveita a xira europea do mítico grupo inglés, que vén a Compostela da man do seu teloneiro, que os animou a coñecer a cidade. Onda estes monstros do rock internacional, Vigo acolle unha actuación dun mito do rock feito en Galicia. Los Suaves" voltan á cidade olívica logo de catro anos co concerto de presentación do seu último álbum "Víspera de Todos Los Santos". O concerto, previsto nun comezo para o día trinta deste mes, realizarase finalmente o día seis de xullo para que non coincida coa final da Copa do Rei que xoga o Celta contra o Zaragoza. O pavillón das travesas vibrará cun directo que inclúe, ademais de cento sesenta mil vatios de luz e de son, un espectáculo de fogos artificiais deseñado especialmente para a ocasión.












Xente eléctrica



"Technological 2001" é o nome do primeiro festival vigués de música electrónica, que comezará o día sete de xullo e reunirá durante vintetrés horas a algúns dos máis destacados artistas da música e da arte deste tipo. Ademais das actuacións de destacados disjockeys internacionais coma James Ruskin, Julian Liberator ou Dylan Drazer, poderá escoitarse o bo facer dos alumnos do curso de pinchadiscos que imparte Elite Musical, empresa organizadora do concerto en colaboración co Concello. Todas as sesións estrán amenizadas con proxeccións en tres dimensión, pantallas xigantes e luces láser. Será no estadio de Balaídos. As entradas para o festival poderán adquirirse por mil cincocentas pesetas en venda anticipada e por dúas mil no día do festival, que está previsto que se desenvolva sen interrupción durante vintetrés horas cun único descanso entre as sete e as oito da noite.




Canto no camiño



Xa mediado o vindeiro mes, entre os días quince e vintetrés de xullo, Compostela acollerá o curso "O Camiño de Santiago. Cánticos, Cantigas e Cantos" que ademais de analizar diferentes aspectos desta arte en relación co camiño, inclúe cinco concertos. As actuacións correrán a cargo de profesores e alumnos do seminario e desenvolveranse en San Paio o día 15, na escola de música Berenguela o 16, a igrexia de San Bieito o 17 e o Salón de Teatro o 19. Todos os concertos comezarán ás nove da noite e incluirán música renacentista e barroca. Entre os participantes do encontro hai especialistas internacionais en música antiga coma Tu Shi-Chiao, Isabel Serrano ou Antoine Ladrette, que impartirán clases prácticas de instrumentos antigos. A parte teórica irá a cargo de investigadores españois coma o profesor Díaz e Díaz, de Compostela, Carmen Rodríguez, de Euskadi ou Emilio Ros de Granada. Neste apartado analizarase o Códice Calixtino e outros documentos medievais desde o punto de vista da música. O curso, organizado pola Xerencia de Promoción do Camiño, celebrarase na Facultade de Historia e conta xa con setenta persoas inscritas. O interesados en participar poderán inscribirse no Vicerrectorado de Extensión Cultural da Universidade de Santiago.