Pensamento

O epistolario de Ramón Piñeiro centra as principais publicacións do Día das Letras

Cada ano, as editoriais anticípanse ao Día das Letras Galegas sacando do prelo diferentes publicacións sobre o homenaxeado. Reedicións, estudos sobre a súa obra e biografía son os traballos que se acostuman a editar nestas datas. Pero este ano, o perfil de Ramón Piñeiro (1915-1990), esa figura decisiva da Historia recente, marca as publicacións que se poderán atopar nas librarías. A abondosa correspondencia que mantivo coa pléiade da intelectualidade galega da época marca o carácter dos libros destas datas.

Ramón Piñeiro é unha das personalidades claves para entender a cultura (e tamén a política) recente do país. A Real Academia Galega decidiu concederlle este ano a honra de ser o homenaxeado no Día das Letras ao tempo que alegaba que “a dedicación, total e desinteresada, da súa vida na defensa de Galicia e da súa cultura debe ser unha referencia moral indiscutible e necesaria cara ás novas xeracións”. E iso serviu para destapar numerosas publicacións.

Os estudos
É a editorial Galaxia, da que foi membro fundador, a que dedica un maior número de publicacións. Cinco títulos de estudo, a reedicións de dúas das súas obras e un monográfico da revista Grial. Vida, obra, conciencia galega, cultura galega, revisión do nacionalismo son algúns dos conceptos que se achegan nos seus títulos e que serven para dar conta do carácter dos estudos. A primeira en facelo foi Beatriz García Turnes que, baixo o título Vida e obra de Ramón Piñeiro, amosa as distintas facetas da biografía do escritor e achega unha selección de textos que abranguen a súa importante actividade epistolar, a súa concepción do papel da lingua na sociedade, os ensaios sobre a saudade e a función da literatura como expresión da cultura dun pobo.

Ten previsto saír nas próximas semanas Ramón Piñeiro. O espertar da conciencia galega. Galeguismo, cultura e identidade nos que Henrique Monteagudo recolle ensaios e artigos dispersos do autor entre 1950-1990. Como tamén Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo.1934-1980 de Miguel Barros. O autor desta última publicación defende a tese de que “Piñeiro é o primeiro político nacionalista que, sen embargo propón a revisión do principio das nacionalidades”. Para iso recorreu á súa documentación persoal, á revisión de cartas que inclúe no propio texto que, na súa opinión, “é necesario que retomemos porque é fundamental para a reflexión política de hoxe”. Nunha liña de pensamento semellante está Xosé Ramón Rodríguez Polo que publica en Xerais Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo(1939-1982). O autor recolle na publicación que os galeguistas, liderados por Ramón Piñeiro, inauguraron unha vía alternativa que recuperou para a sociedade os valores e ideais do galeguismo, e construíu para a política un marco de xogo que todos os partidos debían asumir. Tal e como figura no prólogo da publicación “O seu obxectivo era evitar que o sentimento galego fose instrumentalizado por ningún partido político, para permitir que todos os galegos, á marxe da súas posicións ideolóxicas, puidesen sentirse plenamente integrados”.

Tendo en conta que Ramón Piñeiro foi o primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, esta institución tamén achega o gran de area na difusión da súa figura. Faino, entre outras actividades, co libro Ramón Otero Pedrayo, mestre da cultura galega. Tal e como asegura Ramón Villares no Limiar, atouse “nun único monllo unha conferencia, breves ensaios e artigos de xornal que Piñeiro dedicou a un dos grandes mestres da cultura galega como foi Ramón Otero Pedrayo, ficando deste modo anoadas dúas figuras maiores do Parnaso galaico”. Un libro-CD que tamén achega a gravación da conferencia que Piñeiro dedicou á figura de Otero no ano da súa morte (1976).

Canda estas publicacións C3C edita o seu habitual dicionario do homenaxeado. Xoán Pastor Rodríguez Santamaría foi o encargado de recuperar, dun xeito divulgativo, a súa biografía, bibliografía así como incorporar imaxes, recursos didácticos e testemuños da xente que o coñeceu.

A correspondencia
O Pleno da Real Academia Galega destacou, en xullo de 2008 cando decidiu que sería o homenaxeado no 2009, que “non menos importante, foi o seu labor socrático, exemplarizado nas conversas na súa mesa camilla, na súa intensa e xenerosa correspondencia epistolar dentro e fóra de Galicia, moi en concreto en relación coa xuventude, tanto nos escuros tempos inmediatos á posguerra como, posteriormente, con toda persoa que tivese Galicia como referente das súas actividades ou ideais”. Daba aquí outra das claves da súa figura.

Helena González é coeditora de Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia (1961-1990) de Ramón Piñeiro e Basilio Losada (Galaxia, 2009) e asegura que “son cartas socráticas no sentido de ensinar e dar directrices pero tamén é unha crónica daquel tempo”. A publicación recolle de xeito ordenado as cartas que Piñeiro e Losada se enviaron durante trinta anos. As misivas estaban facían parte do fondo que Basilio Losada lle vendera á Xunta no seu momento. Helena González asegura que non “é un epistolario político. É unha crónica de dous homes de diferente idade que tiñan en común unha idea de Galicia”. Na súa opinión hai unha cousa aínda máis importante, “a partir deste epistolario se establecen as relacións entre a cultura galega e a cultura e a política catalá”.

Pero o epistolario máis importante é o que editará o Centro Ramón Piñeiro ao longo deste ano. Para o Día das Letras Galegas estará lista a correspondencia co galeguista Filgueira Valverde, a do filólogo José Luis Pensado e nun terceiro volume, en edición de José Luis Cochón e Miro Villar, o epistolario dirixido ao profesor Isidoro Millán, estudoso da lingua e da cultura galegas. Canda estas publicacións novas, encargarase de reeditar a correspondencia do autor con Ricardo Carvalho Calero. Para o segundo semestre do ano, está previsto a edición dun novo libro de cartas a outros autores como Marina Mayoral ou Pilar Vázquez Cuesta. Ademais, en colaboración coa Fundación Penzol editaranse as cartas que persoeiros lugueses como Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole ou Álvaro Cunqueiro lle enviaron a Ramón Piñeiro. Tamén para este ano, estará lista a reedición de dúas entrevistas que lle fixeron Manuel Rico e Luís Rei Núñez a Piñeiro (transcritas e en CD).