Co pensamento na escrita

A creación ensaística galega afirma a súa importancia no panorama editorial

A celebración do Día das Letras dedicado a Ramón Piñeiro pon de actualidade o xénero no que este pensador desenvolveu a súa obra. Relativamente marxinado fronte ás obras de narrativa, o ensaio está a vivir nos últimos anos unha transformación en Galicia. Premios, editoras especializadas e un maior abano de temas tratados marcan a escrita de non-ficción no comezo do século XXI.

Economía, filosofía, comunicación, antropoloxía, política internacional... O ensaio galego atrévese cada vez con máis temas. E é que estamos a falar dun xénero que ten unha importancia fundamental na construción dunha cultura e que representa un nicho editorial ben superior ao que se pode pensar nun primeiro momento. Segundo explica Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, “A nivel cuantitativo, dentro da edición literaria en galego ten unha presenza que non é pequena, e mesmo superior á de xéneros minoritarios coma poesía ou o teatro”. Ao seu ver, as peculiaridades da nosa cultura inciden en boa medida na existencia dunha creación destacada neste campo. “Aínda que sendo un xénero menor na atención do público, que se concentra no xénero narrativo, ao se incluír no ensaio os estudos literarios e mais os que reflexionan sobre a identidade galega, atopamos unha produción de certa importancia”.

En galego sobre o mundo
A amosar a relativa vitalidade do ensaio no noso país, atopamos nos últimos anos casos de editoriais que centran a súa produción neste ámbito, como é o caso de Lóstrego. Ana Suárez, unha das súas responsables, explícanos que vivir da edición de ensaio en Galicia “é viable, aínda que non é un grande negocio, como tampouco o é o libro noutros xéneros. Nós pensamos hai espazo para o ensaio galego, especialmente para o dedicado a temas xerais e non centrado en Galicia, que foi moi pouco tratado. Ademais, é esencial para normalizar unha lingua abordar en galego temas de calquera ámbito”. Coincide coa apreciación sobre a necesidade deste xénero Bragado, quen lembra que “precisamente estamos a falar da contribución da Xeración Galaxia e de Piñeiro, que empregou o ensaio coma a primeira ferramenta de normalización e dignificación da cultura de noso. Traducir a Heidegger e que o propio filósofo fixese a introdución á obra foi de grande importancia, do mesmo xeito que agora é fundamental traducir a Simone de Beauvoir, a Wittgenstein ou a Maalouf, que o publicaremos en setembro”. Segundo o director de Xerais, “o xénero ten que se abrir ao exterior e traducirmos máis textos do ensaio contemporáneo ao galego. Aínda estamos por baixo do 20% de traducións sobre o total editado, que sería o desexable”.

Temas tradicionais
Encol da situación actual deste tema, Suárez lembra desde Lóstrego que “hai moita produción nas Humanidades, e sobre todo da Historia, que é tamén o que máis traballamos. Tamén é o que ten máis lectores fieis, pero esta é unha situación que se dá a nivel global, non só en Galicia. En xeral a situación mellorou nos últimos anos. Nós temos a colección Memoria de Galicia, centrada na divulgación historia no noso país, que vemos que pode ter máis saída. Tamén vemos que hai outras editoras que se están a centrar neste eido. Non podemos dedicarnos todos a publicar literatura infantil e xuvenil, aínda que sexa a que ten máis vendas”. Pola súa banda, Bragado coincide no predominio da Historia e da Lingua neste ámbito. “Encol da cuestión científico-tecnolóxica hai un menos obras que nas Humanidades. Onde si aumentaron as contribucións foi sobre comunicación, coa actualidade da sociedade do coñecemento”. En xeral para el “é alentador o que se está a facer no xénero. Desde a miña experiencia coma editor, o que entendemos convencionalmente por ensaio coma creación de pensamento, de reflexión e de beleza, na actualidade está en proceso de refundación no noso país. Nese sentido penso que nos últimos anos estamos a vivir o renacer deste xénero, que foi decisivo para a normalización da cultura galega”.

O factor universitario
Dentro dos ámbitos que promoven a produción do ensaio no noso país, non cabe dúbida que a Universidade ten un importante papel neste tipo de obra, tanto á hora de producir textos coma de os editar. “Se falamos de ensaio científico, atopamos autores que están vencellados á Universidade. Pero se imos ao ensaio de divulgación, no que pensamos que hai moito que facer e é un campo moi digno, aparece menos xente deste ámbito. Ao contrario do que acontece noutros países, en España non se valora que un profesor universitario faga un traballo de divulgación. Entón este ámbito corresponde a profesores de secundaria ou a xente que non se dedica ao ensino”, explica Ana Suárez. Coincide con ela Bragado, para quen “a universidade foi sempre a que animou máis o ensaio académico e está engrosando esas cifras de edición, pero non todo o ensaio está vencellado á universidade. Aínda que hai unha nova xeración de autores relacionada coa institución académica, na miña opinión supera ese ámbito e chega a un mercado de lectores máis amplo”.

Certames e Día das Letras
Alén dos ámbitos académicos, a aparición nos últimos anos de diferentes certames de ensaio e investigación tamén están a ter o seu papel na evolución deste tipo de obras. Segundo explica Bragado, “é moi importante o premio Ramón Piñeiro de Ensaio que ten Galaxia en colaboración con Fenosa. Iso permite que cada ano estean a saír dúas obras de calidade notable, e o feito de que nos últimos anos aparecese unha nova xeración de ensaístas naceu en boa medida disto. Falamos de casos coma Teresa Moure ou Rebeca Baceiredo. Canda a eles mantéñense ensaístas máis veteráns coma o último premio da Crítica, Camilo Nogueira con O continente pensado”. Ademais dos certames, este editor recoñece o peso que ten a celebración do propio Día das Letras coma engado para editar obras deste tipo. “O Día das Letras xera arredor de dez ou quince títulos cada ano. Podemos considerar iso coma algo positivo, ao xeito dunha contribución do sector editorial privado á celebración. Tamén é verdade que en ocasións estas achegas non son especialmente novidosas, pero tamén depende dos anos. Este ano, por exemplo, só pola recuperación das obras do propio Piñeiro, xa valeu a pena para o sector”.

Signos de madureza
A amosar a madureza do xénero podemos lembrar a xa mentada experiencia de editoras centradas nel ou a existencia doutras cunha ampla experiencia no xénero, coma Toxosoutos, A Nosa Terra ou Ediciós do Castro entre outras. Pola súa banda, Bragado destaca a recente edición por parte de Xerais e mais do Consello da Cultura do Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego. “Dalgún xeito a obra recolle un primeiro censo de ensaístas galegos con libro publicado ata o ano 2005, e amosa máis dun cento de nomes”. A resumir a situación actual, este editor conclúe “estamos a contribuír a un proceso de refundación, máis nun momento non que non hai certezas e os modelos de interpretación e os paradigmas están en crisa. Entón este xénero faise fundamental”.


O peso
Un problema para coñecer o peso específico do ensaio na nosa edición é que non existe en estudo ningún este epígrafe específico. A ollar dos datos do Comercio Interior do Libro en Galicia, en 2007 saíron 62 títulos que se poden incluír neste xénero, baixo o epígrafe “Outros en Literatura”. A cifra supón, a nivel de exemplares un o 33,67% da produción dese ano. Segundo esta mesma fonte, mantíñanse no catálogo da editoras galegas 1026 obras deste tipo, con tiraxes medias de 1.581 exemplares. Mesmo a nivel de facturación, os 430.000 euros que deixaron estas obras supón o 1,9% do que tirou o sector este ano. Do mesmo xeito, os datos da Federación de Gremios de Editores referidos a Galicia amosan porcentaxes semellantes. Maia a que o ensaio coma xénero non figura nas súas análises, sumando os ámbitos científico/técnico, ciencias sociais e humanidades e mais divulgación dános que en 2007 un 19,8% dos fondos vivos en catálogo das nosas editoras correspondían a este ámbito. En cifras absolutas detéctase un incremento destacado no número de títulos deste tipo dispoñibles. Deste xeito, na temática “científico/técnica” pasouse de 135 a 423, en “ciencias sociais e humanidades” de 341 a 965 e en “divulgación” de 646 a 891. No entanto, o incremento xeral no número de títulos editados en Galicia reduciron nos primeiros anos do século XXI a importancia do xénero no total das letras, que pasou do 25,7% dos títulos en catálogo en 2000 ao xa mentado 19,8%. Finalmente, nunha ollada nos volumes recollidos no soportal Lg3 comprobamos que na categoría Ensaio e Investigación hai 336 obras, ás que se suman 44 de contidos xornalísticos, e 102 de carácter biográfico. En total, 482 obras responden ao perfil de Ensaio sobre as 1644 incluídas no catálogo.