Para despois do Xacobeo

Unhas xornadas poñen en valor o papel das cidades como destinos turísticos

Todo o mundo sabe que o 2010 será Ano Xubilar e que despois haberá que agardar máis dunha década ata a vindeira celebración. O Xacobeo foi unha marca turística pero, coma todos, o modelo esgótase. ¿Qué pasará despois? Santiago acolle estes días un congreso que pode dar a clave: turismo cultural urbano.

Ata o vindeiro 13 de maio terá lugar o VI Seminario Intensivo “Urbes Europeae”. Unhas xornadas que teñen por subtítulo “Cidades europeas ante a globalización. Identidades, hibridación e posibilidades da cultura”, un encontro dirixido por Anxo Abuín e Javier Gómez-Montero que conta coa colaboración de seis universidades europeas (Christian-Albretch Universität de Kiel, a de París 8, Tartu Ulikööl de Estonia; a Universität Paderborn de Alemaña e a Università degli studi di Napoli L´Orientale de Italia).O encontro analizará a cidade histórica na globalización, o impacto das peregrinacións e os vencellos coa cultura. Neste marco, os profesores Xosé Manuel Santos Solla e José Antonio Aldrey achegarán unha conferencia sobre “Turismo(s) cultural(es) e desenvolvemento urbano”. Un relatorio no que farán unha panorámica do turismo no Estado, en Galicia en Santiago, e o papel das cidades como dinamizador cultural.

Do turismo relixioso e de sol e praiaÂ…
“Ata década dos oitenta era o Goberno do Estado o encargado de establecer as políticas dedicadas a turismo” explica Xosé Santos, doutor en Xeografía e director do Centro de Estudos Turísticos da USC. “A imaxe que se potenciou nese momento respondía a dous modelos: un de sol e de praia e logo outra dun certo turismo relixioso”, apunta Santos. Hai que esperar ata a década dos oitenta, e mesmo a de principios dos noventa, coa crise do turismo, cando comeza a diversificarse a oferta e a mudar a imaxe turística española”, engade. Este cambio de tendencia coincide coa creación das autonomías, e as Comunidades Autónomas comezan a querer dar unha imaxe máis diferenciada.

“No caso galego o que se fixo foi imitar o modelo español de sol e praia que se puido comproban en Sanxenxo, Nigrán, Oleiros, Sada… e algo de turismo relixioso centrado en Santiago” explica Xosé Santos. Para este doutor en Xeografía, coas competencias de turismo en mans da Comunidade Autónoma, non houbo demasiados cambios con respecto ás liñas establecidas desde o Estado e déuselle máis importancia ao Camiño de Santiago pero vencellado á imaxe relixiosa. “Estaba máis próxima á idea de país que tiña o presidente da Xunta daquel entón que era Fraga” asume Santos. Foi o momento do Xacobeo. “Levamos desde o ano 89 con este modelo como motor turístico de Galicia. Pero todos os produtos teñen un ciclo de vida e creo que ou ese ciclo termina ou hai que reflexionar moito por onde temos que reorientalo”. Na súa opinión, estamos a movernos nun contexto diferente, xa que as liñas aéreas de baixo custe están a abrir novos destinos, máis baratos, máis atípicos que hai que suplir co que el chama “imaxinación e creatividade”. E iso pasa por potenciar as urbes. “As cidades continúan a ser o motor económico e social do país e isto non se reflicte nunha actividade tan dinámica como é o turismo, que debería reflectir o que é a nosa propia sociedade” apunta Xosé Santos

...ao modelo cultural das cidades
O turismo cultural urbano é moi recente. Os primeiros planos de excelencia e dinamización turística relacionados con núcleos urbanos comezaron hai cinco ou seis anos. O primeiro de todos foi Baiona, seguiulle Santiago e neste momento están a desenvolver os seus Pontevedra, Lugo, Ferrol e a Coruña. Xosé Santos considera que andamos a golpe de modas. “Agora está de moda o turismo termal, antes foi o rural, e no medio entre rural e o termal, apareceu o turismo urbano, pero creo que tampouco se lle deu a importancia que se merece” afirma. E niso terá moito que ver o momento actual. A finais da última lexislatura aprobouse unha nova lei de turismo que introducía bastantes cambios. Entre eles, destacaba a potenciación do turismo urbano. Pero non é o único, ínstase á creación dunha Rede de Oficinas de Información que quere coordinar todos os establecementos deste tipo que existen no país, tanto a nivel público coma privado; a estipulación dun réxime de sancións e dunha categorización de territorios con diferentes prioridades de actuación; e establece cambios tipolóxicos para vencellar as casas de turismo rural a núcleos de poboación que non excedan os cincocentos habitantes. “Pero todo isto dependerá de cómo o goberno desenvolva a lei” apunta Xosé Santos.

Para ese futuro inminente, Santos cre que haberá que atender “ao desenvolvemento das novas tecnoloxías, e á profesionalización do sector”. Pero tamén aos ámbitos de competencia do turismo (que afecta a medio ambiente, turismo, pesca, medio rural..) e actuar de xeito coordinado. Ademais, de descentralizar o turismo. “É absurdo que unha comarca compita con outra por atraer a máis xente, debérase actuar coordinadamente na Xunta e este é un papel que falta por definir porque todos queren facer algo no ámbito de turismo” conclúe.