Unha ducia de conferenciantes salientaron o esforzo dun home entregado á súa terra é á recuperación da cultura galega
Baixo o título de Ramón Piñeiro na Galicia do século XX, a Fundación Carlos Casares celebrou na Deputación Provincial de Lugo unhas xornadas dedicadas ao intelectual nado na parroquia da Armea, encravada no val de Láncara. Coa perspectiva que da o transcorrer do tempo, unha ducia de conferenciantes analizaron polo miúdo a traxectoria deste senlleiro galeguista, que nunca perdeu de vista a Europa, ao longo de case trinta horas de exposición e vivos debates nalgúns momentos que mesmo saíron do salón de actos para rematar dentro da cordialidade nos corredores da sé provincial.
Escudriñar na traxectoria de Ramón Piñeiro para saber quen foi en realidade, entender con perspectiva e xustiza que había no seu maxín así como albiscar como sentía e vía aquel as cousas nunha situación política e social tan imposible para uns como difícil e complexa para todos foron algunhas das cuestións que intentaron despexar os conferenciantes ao longo destas tres xornadas.
Galaxia naceu para a Colección Grial
Galaxia foi o rodicio que puxo a andar o proxecto vital de Ramón Piñeiro nos tempos da ditadura. O actual director, Víctor Fernández Freixanes, recordou a data do 25 de xullo de 1950. «Ese día diversos persoeiros do galeguismo se xuntaron no hotel Compostela para celebrar a Asemblea fundacional da editorial baixo os auspicios de Ramón Otero Pedrayo», explicou deseguido o profesor de Ciencias da Comunicación da USC e académico da Real Academia Galega (RAG).
A partires dese momento tres figuras encabezadas por Ramón Piñeiro López prepararon a trama [referido ao tear] da recuperación da lingua e a cultura galega, que non era pouco e o único que se podía facer entón. As outras dúas persoas foron Francisco Fernández del Riego e Xaime Illa Couto, que en opinión do académico e profesor emérito da USC Xesús Alonso Montero non resultaron tan decisivas. «Del Riego e Xaime Isla tiveron a súa importancia pero nin sendo eles os mellores do grupo restante estaban aseverou el en disposición de chegar ao proxecto que ideou Piñeiro». Pese a todo, a labor desenvolvida por Fernández del Riego e Xaime Illa Couto punto de encontro entre a Xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos foi importante e a súa contribución veu a sumarse ao facer de outros persoeiros mergullados no galeguismo cultural de posguerra.
Como se fose un tear, de Galaxia saíron os mellores lenzos que se podían sacar nunha época hostil para todas as culturas que non lle servían ao réxime para perpetuarse. «Galaxia naceu para publicar Grial», afirmou contundente o editor Víctor F. Freixanes na súa quenda de intervención. Comentou asemade que non foi por casualidade que no ánimo de Piñeiro un humanista con conviccións relixiosas estivera atopar un nome coma ese, vencellado de cheo co Cebreiro, a lenda do Santo Grial e o Camiño de Santiago.
«Piñeiro e Galaxia trataron de salientar os parecidos existentes entre Galicia e Europa para reconstruír unha política cultural galega e europeísta», indicou o filósofo Carlos Fernández, quen de forma gráfica tamén dixo que Piñeiro viu en Europa a «vía de flotación para o futuro de Galicia». Fernández concluíu este apartado dicindo que para entender a Galaxia e a Piñeiro «é fundamental contemplar o europeísmo, político e cultural, da Xeración Nós».
As actividades de Galaxia editorial dirixida por Piñeiro ata 1966, data na que se trasladaría a Estados Unidos para exercer como profesor non se cinguiron, en definitiva, a «unha soa dirección nin limitaron a unha única función», tal e como sinalou o ex presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor. O mellor enfeite para esa ardua labor de Galaxia e dos que sucaron o océano con vento nas velas púxoo Freixanes ao concluír: «Décadas despois, a misión daquel proxecto segue tendo vixencia».
Nunha década de escuridade, cincuenta publicacións
«O primeiro libro de Galaxia foi un libro subalterno. Antífona da Cantiga de Ramón Cabanillas, era o tipo de publicacións que agardaban as autoridades», afirmou o académico e profesor Xesús Alonso Montero, engadindo axiña: «Simultaneamente e de xeito moi hábil, Piñeiro tratou de que saíran os catro primeiros tomos da colección Grial onde había un texto que o réxime non podía tolerar», explicou o académico da RAG.
A revista cultural quedou prohibida e Grial xa non reaparecería ata 1963. Mais, esa eiva non había impedir ao editor Piñeiro e a Galaxia sacar do prelo un bo feixe de publicacións de gran relevancia. Por non nomear todas as que mencionou Freixanes, xa que se poden ollar mesmo na web da editorial Galaxia, entre as edicións máis significativas atópanse os tres tomos do Dicionario Enciclopédico gallego-castellano de Don Eladio Rodríguez González (1958-1960-1962), unha publicación que o profesor de Filoloxía Galega da USC Henrique Monteagudo despois de reparar no prólogo de Otero Pedrayo cualificou como «a obra historiográfica máis importante que se fixo ata o momento». O dicionario engade ao valor enciclopédico o lexicográfico e converteuse axiña nun referente para lingüistas, filólogos e escritores.
Anos antes, en 1953, Galaxia publicaba a obra teatral de Rodríguez Castelao titulada Os vellos non deben namorarse e cómpre non esquecer tampouco as Cantigas de Escarnio e Maldicer. En definitiva, as publicacións realizadas por Galaxia entre 1951 e 1961 suman un total de medio cento, segundo constatou o responsable da editorial.
En 1956, Galaxia traducía ao galego Da esencia da verdade, unha conferencia do filósofo alemán Martin Heidegger. «Mentres Piñeiro e Celestino Fernández artífices da tradución paseaban collidos do brazo polo adarve da Muralla xa cavilaban sobre a filosofía do alemán», relatou Alonso Montero, concluindo: «Coa publicación desta obra e outras como Cancioeiro da Poesía Céltiga de Julius Pokorny rompíase a diglosia e demostrábaselle ao mundo que o galego era unha lingua literaria e culta».
Unha lingua culta
«Ata as Irmandades da Fala non se caeu na conta de que para facer rexurdir o sentimento galeguista era necesario reivindicar e falar na nosa propia lingua», afirmou Miguel Barros, autor da primeira tese sobre Ramón Piñeiro que publicará en breve a editorial Galaxia. Este traballo foi distinguido coa máxima cualificación pola Facultade de Ciencias Políticas de Santiago, sobresaliente cum laude. Categórico dixo que «onde uns poñían nación, Piñeiro poñía lingua».
Ramón Piñeiro autor de Olladas no futuro, Lembrando a Castelao e Da miña acordanza continuou por esa senda e tirou abaixo cos prexuízos que relegaban a literatura galega a un lugar secundario con respecto ás linguas dominantes. «Piñeiro tiña unha visión da lingua non como un mero instrumento de comunicación, senón como un órgano espiritual de coñecemento», explicou Henrique Monteagudo, secretario do Consello da Cultura Galega e autor de Historia Social da Lingua Galega (1999). No seu día, recordou este investigador, Ramón Piñeiro freou unha iniciativa que pretendía crear unhas normas ortográficas e publicar unha morfoloxía baixo o argumento de que «as cousas non estaban aínda maduras nin o galego era suficientemente coñecido en todos os ámbitos». Posteriormente, segundo Monteagudo, aquel cambiaría de postura unha vez que o galego xa ía ser estudado nos colexios de forma moi deficitaria, subliñou e iso facía xa imprescindible o ter que elaborar uns manuais.
Ramón Piñeiro López ingresou na Real Academia Galega en 1967. Foi este o único órgano da preguerra civil que non acabou como os demais laminado polo réxime de Franco, motivo abondo para que o entorno de Galaxia se propuxera salvalo, unha circunstancia que todos os conferenciantes tiveron en conta e aplaudiron polo significado que contiña.
O discurso de Piñeiro diante da RAG que foi respondido por García-Sabell titulouse A lingoaxe e as Lingoas. Monteagudo considera que no texto albíscanse retallos dos estudos de sociolingüística emerxentes nas universidades norteamericanas e fixo fincapé en que ese discurso constituíu «a primeira vez que se enfocaron os problemas do idioma cunha visión case antropolóxica». Unha das teimas de Piñeiro, explicou o profesor de Filoloxía, foi desfacer un por un todos os prexuízos «ideolóxicos, sociolóxicos e idiomáticos» que había arredor do galego, intentando sistematizar que había detrás desa visión reducionista.
Pola súa parte, o escritor e filósofo Carlos Fernández sinalou que a cultura é sobretodo creación individual transmitida de xeración en xeración. «O individuo crea e a comunidade conserva», apostilou aquel. Neste senso, situou a Piñeiro alén incluso da Xeración Nós da que formaron parte notables como Vicente Risco e Otero Pedrayo. Precisamente a este último Alonso Montero atribuíulle o mérito de evitar que o da Armea abandonara nun momento de debilidade o obxectivo que tiña tan ben trazado para a nosa cultura e o pensamento galeguista. O autor de Ramón Piñeiro ou a Reinvención da Cultura Galega relatou que: «Otero Pedrayo comunicoulle por carta ao entón responsable de Grial que non podía cesar no seu empeño porque era, nin máis nin menos, que «o que mellor representaba e dirixía o proxecto».
O catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC Darío Villanueva dixo que «para Piñeiro existe un país cunha lingua, cunha creación singular, onde a literatura é a expresión directa da lingua ao tempo que a expresión do pobo». Recordou que segundo García-Sabell, Piñeiro era un kantiano auténtico, é dicir, un racionalista, un ilustrado a quen o ex rector da USC cualificou de «xermanófilo», ao mesmo tempo que considera que Otero Pedrayo é un «afrancesado típico». Por outra parte, Monteagudo referiuse a que «Piñeiro, seguindo a tradición da lingüística alemá encabezada por Heidegger, falou de personalidade colectiva ata o último momento».
A resposta a Rodrigues Lapa
Henrique Monteagudo, quen ademais de pertencer ao Consello da Cultura Galega é co director da revista cultural Grial, recordou as razóns formuladas por Ramón Piñeiro nesa devandita publicación, rexeitando e dando réplica así aos argumentos ofrecidos por Manuel Rodrigues Lapa do reintegracionismo sobre cal era ou por onde debería ir o futuro do galego.
Baixo o epígrafe A situación literaria do galego, Piñeiro responde a Lapa contrarrestando o que este escribira con anterioridade no número 13 da revista Coloquio/Letras. Entre outras consideracións, o da Armea critica nese artigo a postura do portugués, argumentando que agora, en 1973, se amose tan pesimista ao respecto do noso idioma cando non era así algunhas décadas antes, en 1952, logo da tradución da obra de Julius Pokorny, Cancioeiro da Poesía Céltiga, realizada por Piñeiro e Celestino F. de la Vega. Rodrigues Lapa afirmara daquela que «estamos chegando á fixación do galego literario».
En resposta, Piñeiro cualificou eses dous decenios de «espléndida agromada literaria» na nosa lingua, e máis adiante engadiría: «Para que o galego literario teña que ser o portugués, cómpre negar as posibilidades literarias do propio galego. E prosegue: «O galego contou e conta con cultivadores de talento e sensibilidade que fai que sexa unha lingua literaria».
Contundente ao afirmar que é unha lingua «apta» para tódalas aventuras da creación cultural, negando así o criterio de Lapa, o intelectual galego recoñece o problema «da unificación morfolóxica, da regularización gramatical e da fixación do vocabulario culto». «Problemas que engade na carta publicada en Grial, onde tamén se reproducía o escrito de Lapa non teñen que ver coa aptitude da lingua. Problemas, ao cabo de solución convencional continuaba Piñeiro e que xa están en curso». Mais eses asuntos «como ben se comprobaría despois advertiu o académico Víctor Freixanes, resultaron ser de non tan fácil solución como se pensaba nese momento».
Batallas como a de Montevideo
Víctor Freixanes puxo o til noutro dos grandes acertos do intelectual da Armea (Láncara) ao recordar que Piñeiro e Rodolfo Prada promoveron en 1954 unha denuncia diante da Unesco que amosaba a «persecución do idioma galego polo estado español». Freixanes explicou que o documento, asinado por diversos centros galegos de América, foi redactado en galego, inglés e francés, e que causou desconcerto entre a delegación española, encabezada polo ministro de Educación. Xesús Alonso Montero cualificou este episodio como «batalla de Montevideo», pola súa grande relevancia.
Tempo despois, un punto de non retorno con respecto á lingua suporíao a aprobación da Lei da Normalización Lingüística de 1983, en boa medida grazas ao traballo de Ramón Piñeiro e Carlos Casares, segundo salientou Henrique Monteagudo. A raíz disto, o galeguista e ex conselleiro Benxamín Casal afirmou que o de Láncara soubo establecer como ninguén a conexión entre a lingua e a realidade de Galicia. Cómpre dicir que a devandita Lei de Normalización foi promovida en sé parlamentaria por Camilo Nogueira e contou coa unanimidade de todo o parlamento galego, como ben acertou a recordar na súa quenda de intervención o ex presidente da Xunta de Galicia Xerardo Fernández Albor.
Albor fixo referencia a outro dos anhelos de Piñeiro que só foi posible des que a Xunta de Galicia creou o Centro para Investigacións Lingüísticas e Literarias, posteriormente denominado Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. A incorporación para a investigación lingüística do Instituto da Lingua Galega é unha realidade grazas «á xenerosidade da Fundación Pedro Barrié de la Maza e a Universidade de Santiago», subliñou Fernández Albor.
Os libros desaparecidos
A finais dos anos 40, Alonso Montero interesouse polos libros editados en galego que non atopaba por ningures. «Rematei o instituto sen ver nunca un libro escrito en galego e sen oír falar, nin ben nin mal, de Castelao, anque si, mal, de Azaña e a Pasionaria», revelou o ensaísta durante as xornadas que a Fundación Carlos Casares celebrou na Deputación de Lugo. Comentou, asemade, que sendo de fala galega, tanto el como Horacio Estevez empregaban o castelán para dirixirse aos profesores, e outro tanto facían no instituto e na rúa.
Alonso Montero recordou que entre 1936 e 1948 non se publicou en Galicia ningún libro en galego, se exceptuamos os publicados no continente americano e desvelou que buscou sen éxito libros en galego polas librarías de Vigo. «Mentres eu facía iso, Piñeiro, aínda no cárcere xunto a Koldo Michelena, cismaba sobre todas estas cousas», apostilou o insigne académico. E apuntou outro dato, que á saída da prisión, Piñeiro admirado polo profesor de Ventosela (Ribadavia) por consideralo un «diamante moral» cesou no seu empeño de reivindicar a República, dado que xa nese momento nacía a causa monárquica. «Piñeiro opta entón por formular unha nova estratexia que vai consistir na utilización das vías legais para deste xeito poder contactar coa xente nova e seguir defendendo os valores nos que cría», sinalou Alonso Montero.
Comparanza con Murguía
O escritor Xosé Luís Franco-Grande comparou a Ramón Piñeiro con Manuel Murguía promotor e primeiro presidente da Real Academia Galega, cuxos antecedentes nos levarían a Emilia Pardo Bazán e Pérez Costales, alegando que ámbolos dous tiveron actitudes moi semellantes en séculos distintos.
Referíndose ao de Arteixo e o de Láncara, citou as datas de 1846 e 1946 para recordar dous fitos históricos que deseguido orixinarían a labor de recuperación da nosa propia cultura. «Non deixa de ser curioso e interesante que Piñeiro entrara un século despois no activismo militante do galeguismo igual ca fixera Murguía», expresou o escritor, recordando que un e outro demostraron de sobra a capacidade para reincorporar á xente a prol da cultura. «Murguía lembrou aquel dicía que os soldados estaban dispersos e que había que xuntalos. E xustamente iso foi o que apostilou fixo Piñeiro».
Un político de raza
Ramón Piñeiro foi ante todo un político, así o afirmaron dunha ou outra maneira todos os conferenciantes. «Piñeiro falounos de cousas que nunca se nos falaran. Dicía que había que facer conciencia galeguista, de país, porque Galicia carecía de conciencia de si mesma», sinalou o escritor Xosé Luís Franco-Grande, autor do memorial Os anos escuros. Por esta razón, engadiu este mesmo, o intelectual galeguista consideraba fundamental a creación dunha «fronte cultural que nos distinguira como pobo».
«A min díxome moitas veces que o máis intelixente era aproveitar o tempo (da ditadura) en ir incorporando a toda a xente que o día de mañá debería poñer en marcha o país», comentou durante a súa intervención Franco-Grande, quen engadiu convencido: «Piñeiro foi de sempre un político, un home cunha gran cabeza filosófica».
Para o académico da RAG Xesús Alonso Montero, non hai dúbidas: Piñeiro é o «Sócrates lugués», así o definiu recordando que o deixou plasmado nun dos artigos que publica semanalmente no suplemento Culturas de La Voz de Galicia. «Piñeiro reinventou e foi o gran deseñador do discurso intelectual galego». Para o catedrático de Historia Contemporánea da USC Justo Beramendi, Ramón Piñeiro foi «un nacionalista non separatista», mentres que o filósofo Carlos Fernández considerouno un «nacionalista de corazón e galeguista de acción».
Segundo puxo de relevo Víctor F. Freixanes, «Piñeiro tiña moi clara a necesidade de crear un grupo de elite con proxección exterior». E para ese cometido seu axiña contaría con Celestino Fernández de la Vega, Rof Carballo, Domingo García-Sabell, Ánxel Fole e Luís Pimentel, nomes todos eles citados por Xesús Alonso Montero.
Sen a axuda destes e outros galeguistas así como da xente que se sentía próxima ás súas ideas, Piñeiro non tería conseguido facer o que fixo. Así o conviñeron algúns conferenciantes. Nesa difícil labor, o escritor e xornalista Antón Baamonde sinalou que «Piñeiro xogou no campo que tiña para xogar e fíxoo cos xogadores que tiña para xogar». Por iso alertou que calquera xuízo que se faga sobre o intelectual da Armea «hai que relacionalo co grupo humano ao que pertencía».
Naqueles autobuses da época
Xosé Luís Franco revelou que Piñeiro pretendía encher o territorio galego de asociacións culturais a fin de poder espallar os obxectivos que tan ben esbozara aquel, cousa que, proseguiu Franco-Grande, só se puido facer «a partir dos anos 60».
«Cos medios que había naquela época empezamos a percorrer Galicia enteira para que o galeguismo tivera a presenza que necesitaba na sociedade», explicou o escritor de Tebra (Tomiño). Valorou moi positivamente que aquel tivera todo o coidado de facerlles ver, a el incluído, que todos estaban traballando arreo e de xeito coordinado. «Piñeiro foi quen de artellar unha rede que cambiou o panorama cultural de Galicia en moi pouco tempo», concluíu o intelectual. Franco-Grande non deixou de advertir que o día que se coñeza toda a correspondencia de Piñeiro, entón si «veremos de xeito moi aproximado a incansable labor del á hora de preparar o país».
Unha visión económica distinta
«Ramón Piñeiro quería dar unha visión económica moi distinta da ofrecida pola prensa da época, e dicía que había que ensinar a realidade material de Galicia», salientou Xosé Luís Franco-Grande. Lembrou nese senso o nacemento da Revista de Economía de Galicia, que había de servir de outeiro para analizar o desenvolvemento económico do país, e deseguido referiuse tamén á labor desenvolvida pola Fundación Penzol nos anos 60. «Nesta década iríase materializando todo o proxecto elaborado por Ramón Piñeiro en 1957», salientou o doutor en Filoloxía Galega da USC Henrique Monteagudo.
Críticas dende o exterior
Trala caída do goberno republicano no exilio que presidía Giral substituído polo gabinete de Rodolfo Llopis houbo un intento de restaurar, co apoio británico, a democracia en España. A fórmula sería a da monarquía parlamentaria, pero Castelao negouse. O Partido Galeguista mandou un informe redactado por Fermín Penzol onde se lle advertía da súa postura; escrito que tamén rexeitou.
Dende o galeguismo do exterior patroneado por Castelao chegaban voces críticas contra o galeguismo do interior encabezado por Piñeiro, discordancias que en paga de minguar medrarían trala morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en 1950. E mentres que a loita política pola restauración da democracia fracasaba en boa medida por discrepancias internas, o réxime do ditador Franco xa se consolidaba. Con todas e esas, Ramón Piñeiro foi quen de reconstruír e poñer a traballar ao seu lado a un grupo de persoeiros destacados que fixeron causa común do seu proxecto. Un deseño que o historiador Justo Beramendi, «non entendeu o nacionalismo do exilio», o cal fixo aumentar, engadiu, as diferenzas que xa había con anterioridade, incluso antes da morte de Castelao (1950). Beramendi referiuse neste punto a algunhas infamias vertidas contra a figura de Piñeiro para desprestixialo; unha delas, aumentou, relacionábao cunha marquesa.
Con ese ambiente borrascoso de fondo, o escritor Antón Baamonde referiuse a que os galeguistas do interior seguiron a traballar «coa forza que lles daba o feito de estar loitando aquí contra as adversidades», conscientes de que, proseguiu, «incluso se xogaban a vida». Pola súa banda, o historiador Justo Beramendi referiuse a ese enfrontamento como «axuste de contas entre o exterior e o interior». E touxo a colación ao escritor Carlos Casares coidador ata a súa morte da obra de Piñeiro para lembrar unhas afirmacións del sobre os motivos expresados por aquel para obrar como obrou. Beramendi indicou en relación nese documento «vese que todos os argumentos usados por Piñeiro sobre o que se fixera nos anos 50 son convincentes». O historiador veu a interpretar que nesa actuación albiscábase a fenda co nacionalismo que se manifestaría, sinalou, posteriormente.
Un revisionista no bo sentido
Justo Beramendi, autor De provincia a nación, optou por centrar a súa disertación establecendo catro etapas ben diferenciadas na traxectoria de Ramón Piñeiro. Sinalou a data de 1936 para botar o pecho á primeira etapa. Relatou que nesta fase o intelectual toma contacto co galeguismo con tan só 16 anos, despois de escoitar a Lois Peña Novo nun mitin que deu o Partido Galeguista (PG) na vila de Sarria. Miguel Barros subliñou ao respecto da mocidade de Piñeiro que con 17 anos xa escribía na revista de vangarda bilingüe Yunque, asinando un artigo no que afirmaba que «a política é un instrumento de transmutación do estado estruturado como resultado da forza e alleo á conveniencia dos pobos». Alonso Montero precisou que Piñeiro aínda era daquela «máis teórico que activista».
Xa na capital, en plena Segunda República, participa na creación das Mocidades Galeguistas de Lugo e nese momento entra en contacto con Alexandre Bóveda, Castelao, Gómez Román e Otero Pedrayo, quen chega a dicir: «coñecín un rapaz en Lugo que é un auténtico Erasmo». Así o relatou o profesor Alonso Montero, sinalando a data de 1934.
«Nos anos 30 explicou Justo Beramendi, o galeguismo e o nacionalismo galego aínda eran a mesma cousa». O historiador asegurou que nos albores do ano 36 época na que o da Armea foi designado secretario do comité provincial para o Estatuto de Autonomía de 1936, Piñeiro era un «nacionalista galego» e non un «non nacionalista galego». Carlos Fernández advertiu, en troques, que o intelectual de Láncara «nunca foi un nacionalista político», nin tan sequera un «prenacionalista», senón un «non nacionalista». «Se acaso puido ser un «posnacionalista», admitiuse logo do intercambio dialéctico mantido entre el mesmo e Justo Beramendi, no que tamén interveu Miguel Barros.
A segunda etapa abrangue dende 1936 ata chegado o ano 48 segundo Justo Beramendi. Este aclarou que neste momento emerxe na historia unha categoría política nova: o galeguismo distinto do nacionalismo. Estableceu que para o nacionalista o concepto de nación propia é «o cerne» do seu pensamento e preguntouse en voz alta que había diso no maxín de Piñeiro. Despois argumentou que Piñeiro «denomina a Galicia fundamentalmente como un pobo. E un pobo explicou é un conxunto de individuos que fala a mesma lingua e crea unha cultura específica. (...) Unha etnia», sentenciou o historiador.
A raíz diso, o catedrático de Historia Contemporánea da USC fixo tamén fincapé en que o galeguista tan só empregou a palabra nación unha vez, cando Piñeiro deixa para a posteridade: «Somos galegos por nación, españois por historia e europeos por cultura». Frase que Justo Beramendi razoou da seguinte maneira: «Nación aquí, para el, refírese ao concepto organicista, non ao concepto político de nación, é dicir recalcou, que non estaba aludindo a un suxeito de dereitos políticos máximos». Anque iso, dilucidou deseguida, non significaba en absoluto que Galicia como pobo quedara sen os seus dereitos políticos.
O historiador Justo Beramendi comentou, por outra banda, que se ten falado de si Piñeiro foi ou non un revisionista e concluíu: «Si, foi un revisionista, pero isto non debe ser entendido de xeito pexorativo», postura compartida, entre outros, polo profesor de Ciencias Políticas Miguel Barros.
A viraxe teórica e política
Despois da Guerra Civil, Ramón Piñeiro participou activamente na política, promovendo na clandestinidade a reorganización do galeguismo. Alonso Montero subliñou o trunfo das tropas soviéticas en Estalingrado (1943) como un suceso que fixo albergar aos de aquí unha esperanza de que a derrota de Hitler suporía tamén o fin da ditadura de Franco. Ramón Piñeiro intentou reconstruír o Partido Galeguista se ben, como recordou el e outros conferenciantes, des que xa se comprobou que as potencias europeas non ían facer nada por restaurar a II República sen esquecer, advertiu Alonso Montero, que xa daquela a penas quedaban pegadas dos republicanos da ORGA, dos anarquistas ou dos militantes de Izquierda Republicana, entón é cando si, os galeguistas optan por deixar morrer o partido, sen disolvelo formalmente.
Cómpre recordar aquí que Ramón Piñeiro xunto a Orxajes Pita, Salvador Rei, García Bodaño, Rodríguez Pardo, Manuel Caamaño e Cesáreo Saco fundaron na clandestinidade dun 23 de agosto de 1963 o Partido Socialista Galego (PSG). Outros dos membros máis destacados foron: Francisco Fernández del Riego (antigo membro do Partido Galeguista), Amado Losada, Domingo Pombo, Rodríguez Pardo, Ramón Lugrís e Xosé Manuel Beiras, aludido noutro apartado.
Acertada ou non a opción que tomou Ramón Piñeiro, o historiador Justo Beramendi amosouse convencido de que «talvez esa foi a solución máis intelixente». Non obstante, dende ese momento, tal como explicou el mesmo, principiaría unha etapa distinta, na que tanto Piñeiro como García-Sabell decidiron dedicarse ao facer cultural a prol do galeguismo, anque o «nacionalismo do exilio non o quixo entender». Aínda hoxe persoeiros como Xosé Luís Méndez Ferrín critican cun severidade aquela decisión súa.
Beramendi dixo que naquel tempo «resultaba imposible facer aquí nada politicamente» e afirmou que «Piñeiro camiñou dentro dos posibles, sen renunciar nunca ao galeguismo», unha idea desenvolvida e apoiada por algúns outros conferenciantes.
O catedrático de Historia trazou despois unha terceira etapa na traxectoria do galeguista que comezou a fraguarse a partir de 1948. É aquí onde Beramendi cre que o pensamento de Piñeiro sofre unha «gran viraxe teórica e política». Tamén opina que ao final o intelectual da mesa camiña acabou «contradicíndose a si mesmo ao votar a candidatura de Fernández Albor». Esta fase correspondería segundo a súa propia clasificación á cuarta e derradeira etapa na traxectoria de Ramón Piñeiro.
Beramendi opina que froito desa viraxe Piñeiro acabaría «enfrontándose ao nacionalismo galego polo que tanto pelexara nos momentos máis duros». O filósofo Carlos Fernández non se amosou de todo conforme con esa forma afirmación nin co xeito de narrar a historia. «Como ben se sabe advertiu os mesmos feitos pódense contar de moi distintas maneiras e facelos parecer distintos»;
Fernández, autor de O vento do espírito, deu por boa a cronoloxía dos feitos retratados por Beramendi e en posesión da palabra defendeu que Piñeiro «non era en absoluto nacionalista en 1950». Reafirmándose dixo que xa entón, aquel, se definía como «federalista e autonomista». Beramendi no momento en que esmigallaba a terceira etapa da traxectoria do galeguista expresou que «Piñeiro defendía un galeguismo demócrata; autonomista ou federalista».
A colación destes asuntos cómpre referirse á unha afirmación realizada por Miguel Barros nalgunha das súas múltiples intervencións: «A Ramón Piñeiro non lle repugnaba nada que Galicia se convertera nun estado». Barros mencionou que incluso cando aquel escribe sobre o problema peninsular fala sen recato de «confederación peninsular».
Licenciado en Ciencias Políticas e autor da tese sobre Ramón Piñeiro homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Miguel Barros asegurou que «o estado era para Piñeiro, como para Castelao, unha fonte conflitiva» e referiuse despois a que o insigne galeguista de Láncara se liberara «do axioma que di que a cada nación lle corresponde un estado». Para entendelo, explicou, «é preciso ter en conta o contexto bélico da Guerra Civil e a II Guerra Mundial».
Chegados á Transición
Durante a transición (1977), Piñeiro asinou o Manifesto dos 29 cuarta etapa segundo a clasificación exposta por Beramendi; no mesmo demandábase un pacto galego para que os partidos con representación parlamentaria nas Cortes defenderan a Galicia coa finalidade de situala á altura das nacionalidades catalá e vasca, asumindo no posible o federalismo. Antes disto, en 1977 reunírase na súa casa de Xelmírez con Lorenzo Varela que foi o da idea, Díaz Pardo, Celestino Fernández, Paz Andrade, Rodríguez Pardo e Luís Seoane para fundar a Sociedade Anónima Instituto Galego da Información.
Xerardo Fernández Albor reproduciu as palabras de Piñeiro que radiografan a inquedanza de aqueles momentos de esperanza: «O que máis importa é que teñamos unha Galicia galeguista e non que só haxa un único partido galeguista». Tamén explicou que a aqueloutro preocupáballe que os demais partidos quedaran absorbidos polos partidos centralistas. «Nese contexto sinalou deseguido o ex presidente da Xunta xurdiu Realidade Galega (1980) coa intención de reclamar o Estatuto de Autonomía». Decidiu formar parte dese grupo de intelectuais galeguistas, encabezados por Ramón Piñeiro, para impedir que dalgún xeito o Estatuto nacera mutilado. Ou que incluso non chegara a nacer, suxeriu o político. Cabería recordar neste intre unha frase de Piñeiro pronunciada por Carlos Fernández: «Porque Autonomía ou nada».
Fernández Albor referiuse tamén ao proceso do referendo e ás primeiras eleccións ao Parlamento. Cargado de solemnidade sentenciou: «O destino tiña reservado para min ser o primeiro presidente de Galicia».
Por outra banda, Miguel Barros subliñou que o primeiro Parlamento de Galicia tivo a sorte de contar coa participación de Antonio Rosón (UCD) como presidente da Mesa, quen xunto a Xosé Luís Barreiro e Fernández Albor souberon buscar e favorecer o diálogo. Hai que lembrar que Barros, presidente da editora A Nosa Terra, compartiu escano na primeira lexislatura do Parlamento de Galicia con Piñeiro, de quen dixo que dicía sempre o que pensaba e que actuaba de igual maneira. Tamén asegurou que o da Armea Piñeiro «falaba de socialismo, nunca de socialdemocracia». Recordou asemade que Piñeiro López concorreu pola provincia de A Coruña ás primeiras eleccións nas listas do PSdeG-PSOE canda Alfredo Conde, Carlos Casares e Benxamín Casal, todos eles concorreron como independentes e representando a unha provincia galega.
Cómpre facer aquí un inciso para dicir que este último participou nas xornadas que tiveron lugar na Deputación nunha mesa redonda canda o alcalde de Monterroso e actual deputado provincial Antón Gato Soengas. Na mesma participou Miguel Barros e como en todas as demais sesións actuou como mestre de cerimonias Gustavo Adolfo Garrido García. Este debate xurdiu de forma imprevista para suplir a ausencia dun dos conferenciantes invitados, Ramón Máiz, quen non puido asistir por causa dunha enfermidade gripal.
O deputado provincial destacou a «comprensión» de Xosé Luís Barreiro Rivas para chegar a acordos importantes e dixo de Piñeiro que «serviu de catalizador non só dentro do PSdeG-PSOE senón en todos os demais». Benxamín Casal manifestou que o de Láncara «non perdera de vista a realidade». O ex político lugués contou ademais nesa mesa que Piñeiro adoitaba dicir que Xosé Manuel Beiras en 1977 abandonou o cargo de secretario xeral do PSG, tralos malos resultados electorais cometera un grave erro ao non acceder a un pacto semellante ao que si aceptou Joan Reventós no PSC.
Ao fío disto, ben moi ben un comentario de Xosé Luís Franco-Grande, quen sinalou que Piñeiro pensaba que había que facer «política a longo prazo, asentando as bases para o futuro». No seu pensamento estaba a creación dunha Galicia galeguista, tanto pola dereita como pola esquerda.
A saudade cultural e mística
A saudade foi un motivo recorrente na tradición galaico-portuguesa, ben reflectida na literatura galega. O teólogo Andrés Torres Queiruga explicou que Ramón Piñeiro foi consciente de que mediante a saudade «Galicia podía aportar algo á cultura, unha preocupación que lle viña a el engadiu dende o pobo».
O fundador da revista de pensamento cristián Encrucillada explicou deste xeito que a Europa de 1950 estaba dominada polo existencialismo (Jean-Paul Sartre, Simone de Beauvoir, entre outros) e que xa daquela Piñeiro reparara no feito de que en Galicia tamén había algo que se podía poñer á altura europea: a saudade. Ese sentimento, explicou Torres, quedou moi ben descrito na obra de Rosalía de Castro que tanto influíu no de Láncara, ao igual que a filosofía existencialista do alemán Martin Heidegger.
O académico da Real Academia Galega referiuse á saudade como «metáfora de Galicia pero tamén como filosofía» e advertiu que non conviña facer un xuízo academicista. Torres Queiruga citou a Castelao para recordar aquela frase del onde se di que hai necesidades que non se senten coa barriga, polo tanto, veu a dicir o teólogo, hai que sentilas doutra forma, en clara referencia á saudade. Torres nomeou a Rafael Dieste para recordar que este propugnaba a necesidade de atopar «un concepto que mobilizara á sociedade». Piñeiro, afirmou o teólogo, era moi consciente diso.
«Piñeiro quixo construír unha antropoloxía filosófica galega onde o lirismo, a saudade, a paisaxe e o humor conformaban a esencia do home galego», expresou durante a súa exposición o filósofo Carlos Fernández. «A saudade de Piñeiro engadiu o mesmo contén añoranza (do amor ausente), nostalxia (da terra ausente) e arela de felicidade. E tamén implica para el «universalidade», apostilou.
Torres Queiruga sinalou, pola súa banda, que Piñeiro autor de Siñificado metafísico da Saudade, Filosofía da Saudade e A saudade e Rosalía distinguiu a saudade (Galicia) da nostalxia, a angustia (Europa), a morriña ou a acordanza. O teólogo afirmou que «a primeira achega de Piñeiro é ver que todos eses sentimentos son manifestacións de algo que está aí debaixo diso», é dicir, nun plano de inferioridade coa saudade que en palabras do propio Piñeiro sería o sentimento da soidade ontolóxica.
Teorizando sobre estes aspectos, o teólogo de Aguiño comentou que «pensar na saudade é facelo en Rosalía, na angustia», pero onde tamén podía haber, dixo, «esperanza». «Logo trátase de algo máis fondo», concluíu aquel. Torres afirmou que «o Ser non é un concepto» e citando a Amor Ruibal engadiu que «o ser está en todo pero non é definible». Dixo tamén que para Ramón Piñeiro un humanista a saudade era «limitación e transcendencia», e aseverou que nese caso «a saudade pode ser tanto cultura como mística».
Trala conclusión da conferencia de Andrés Torres, Miguel Barros tomou a palabra dende o público para afirmar que «Ramón Piñeiro era un individualista na procura da singularidade colectiva», sen dúbida un dos aspectos centrais na temática destas xornadas.
NOTA: Todas as declaracións que se verteron e atribúen aos conferenciantes neste pequeno traballo, a non ser algunhas excepcións que xa se lle especifican ao lector, foron feitas na súa quenda de intervención; é dicir, o feito de que aparezan aquí seguidas non quere dicir que o fixeran así, senón que se debe a unha composición do asinante deste pequeno ensaio.
Listado de conferenciantes nas xornadas
Director: Carlos Fernández e Damián Villalaín. Coordinación: Gustavo Garrido
Martes, 24 marzo de 2009
Mércores, 25 marzo
Xoves, 26 marzo
Carlos Vázquez González é escritor, forma parte da AELG e dedícase ao xornalismo. Dende hai unha década traballa para a Corporación de La Voz de Galicia, empresa da que formou parte como redactor, fotoxornalista, articulista e locutor de Radio Voz. Na actualidade compaxina o seu traballo en La Voz co que realiza para a revista de nova creación Trasluz. Vázquez é autor de Unha de romanos (2001), realizou unha xira poética a través das Galerías Sargadelos, imparte obradoiros de creación literaria nos centros educativos e dende o ano 2002 creou e organiza xunto co Concello de Lugo unha demostración de oficios tradicionais na que participan ata 40 artesáns de toda Galicia.

Ramón Piñeiro na Galicia do século XX
Director: Carlos Fernández e Damián Villalaín. Coordinación: Gustavo Garrido
Martes, 24 marzo de 2009
- Miguel Barros (Licenciado en Ciencias Políticas)
- Justo Beramendi (Catedrático de Historia Contemporánea USC)
- Carlos Fernández (Filósofo e escritor)
- Andrés Torres Queiruga (Teólogo, escritor e membro da RAG)
Mércores, 25 marzo
- Víctor F. Freixanes (xornalista, director da editorial Galaxia)
- Ramón Máiz (non puido intervir por gripe) e cambiouse por un coloquio do que formaron parte Benxamín Casal [ex parlamentario galego], Antón Gato Soengas [alcalde de Monterroso] e Miguel Barros.
- Darío Villanueva (Catedrático de Teoría da Literatura USC, académico da RAG)
- Antón Baamonde (Escritor e Xornalista)
Xoves, 26 marzo
- Henrique Monteagudo (Profesor de Filoloxía Galega USC e secretario Consello da Cultura Galega)
- Xosé Luís Franco-Grande (Avogado e escritor)
- Gerardo Fernández Albor (Ex presidente da Xunta de Galicia)
- Xesús Alonso Montero (Catedrático de Literatura Galega da USC e membro da RAG)