A distancia entre dous mundos

A separación entre humanidades e ciencias xera debate cincuenta anos despois de As dúas culturas

Hai cincuenta anos, unha conferencia en Cambridge sacudiu o estatus das ciencias e mais das disciplinas humanísticas. C.P. Snow denunciaba a separación abismal entre estes dous ámbitos en As dúas culturas, un texto que aínda hoxe ecoa. O Consello da Cultura Galega presentaba onte a tradución ao galego desta obra fundamental. Da man de José Manuel Sánchez Ron analizamos a vixencia deste texto.

O feito de que as letras e as ciencias son mundos separados é nesta altura un lugar común. No entanto, non foi ata hai cincuenta anos que o físico e escritor C.P. Snow puxo en evidencia este feito ante as comunidades das dúas bandas. A súa conferencia As dúas culturas creou unha ampla polémica ao explicar ata que punto existía unha distancia entre os “intelectuais” centrados na literatura e mais os científicos. Malia a que desde aquela mudaron en boa medida os puntos de vista, e da auxe que nos últimos anos teñen ideas coma a interdisciplinaridade, continúa a se manter unha clara separación entre estes mundos do saber. Con vistas a achegar este debate a Galicia, o Consello da Cultura galega presentaba onte a tradución á nosa lingua de As dúas culturas dentro do ciclo que a institución dedicará ao longo de todo este ano a reflexionar sobre ese conflito entre letras e ciencias. Entre os relatores desa presentación, estaba José Manuel Sánchez Ron, físico, historiador da ciencia e membro da Real Academia Española, que reflexiona con nós sobre a situación actual deste debate.

¿Ata que punto está vixente este debate?
Para a miña sorpresa segue a estar vixente. E digo para a miña sorpresa porque a pregunta que facía Snow e a súa crítica é evidente. Hai que ir cara a un achegamento e debía ter sido un obxectivo histórico tanto educativo coma político. É certo que a situación ten mellorado, non vou dicir que estamos peor, pero por todas partes atopas persoas, e non só da rúa, senón en todos os ámbitos da sociedade, aos que se lles pode aplicar o que dicía Snow, viven en mundos afastados da ciencia. Eu penso que a separación é sobre todo dos humanistas a respecto da ciencia.

¿Que iniciativas de achegamento destacaría?
Certamente os suplementos de ciencia dos xornais. Son ouro líquido. Canda a eles, hai algúns programas coma Cosmos de Sagan ou o seu filme Contacto. Tamén é moi interesante o filme Unha mente marabillosa que fala do matemático John Nash, que desenvolveu a teoría de xogos non cooperativos e despois tivo eses problemas mentais. Logo hai no noso país dúas coleccións de divulgación científica, Metatemas de TusQuest e Drakontos de Crítica, que dirixo eu. Agora mesmo non se me ocorren moitas máis.

¿Todas son iniciativas de difusión, estamos aínda nunha fase inicial nese achegamento?
As tentativas xa teñen tempo, Sagan mesmo está morto, e os seus traballos xa teñen anos. Os suplementos científicos na prensa, aínda que son recentes, tamén teñen uns anos, o que acontece é que en vez de se expandir están a se contraer, entón estamos sempre a comezar. O problema é que todas esta iniciativas son parches. Desde o meu punto de vista, a solución está na educación non universitaria. Aí é onde se establecen os gustos e os intereses das persoas cando son adultas e cando se lle dota a xente dun idioma e duns conceptos básicos que son importantes á hora de ler un libro de divulgación científica. Tamén é cando se provoca que sintan que existe unha cultura da que deben coñecer algo. A maioría das persoas sinten que serían mellores persoas de teren lido A divina comedia de Dante, pero iso non lles acontece se non leron A orixe das especies de Darwin ou por non saber cales son as tres leis da mecánica de Newton. E ese desasosego a respecto da ciencia, debe xerarse na escola.

¿Como pensa que melloraría a situación nese sentido?
Habería que mellorar a ensinanza a nivel de primaria e secundaria en materia científica. Hai que empregar todo tipo de recursos audiovisuais, que xa os hai, e agora se poden explorar. Hai un lote de instrumentos pedagóxicos aos que recorrer, e tamén se pode ir a Historia da Ciencia, que é un instrumento estupendo para atraer a atención porque conta historias dentro contexto científico. Non é descubrir a pólvora, pero acontece que moitos dos educadores non proceden da ciencias. Do mesmo xeito que moitos dos políticos que establecen programas culturais e exposicións artísticas e que ignorar esoutro mundo vencellado á ciencia e á tecnoloxía. E ese desequilibrio que aínda existe vén da propia experiencia educativa que tiveron eses políticos, no máis amplo sentido da palabra. É un pouco a pescada de morde a cola.