“Se é tipo test poderán elixir as preguntas en galego ou castelán” asegurou onte Alberto Núñez Feijoo nunha entrevista que concedeu á canle Antena 3. Non foi a única nova relativa ao idioma, xa que o Goberno estatal anunciou que volverá propoñer que a Eurocámara admita o uso do galego no pleno. Unha petición que a mesa desa entidade xa rexeitou na anterior lexislatura. Agora mesmo, son sete as administracións europeas que permiten o galego nas comunicacións oficiais (a Comisión Europea, o Defensor do Pobo, o Comité Económico e Social, O Tribunal de Xustiza, o Consello da Unión Europea, o Comité das Rexións e o Tribunal de Xustiza das Comisións Europeas).