A Asociación de Amigos do Couto Mixto nomea os xuices honorarios deste ano

Xuíces de honra

A Asociación de Amigos do Couto Mixto vén de dar a coñecer o nome dos homenaxeados co título de Xuíz Honorario deste territorio polo seu traballo a prol da cultura do país Nesta terceira edición foron o académico Constantino García, o alcalde de Calvos de Randín Antonio López Martín e o presidente da Fundación Premios da Crítica, Xosé González, os galardoados. Onda este, e tamén polo sur, recibiron esta primeira fin de semana de xuño homenaxes o párroco de Tui Ricardo García e o historiador da Guarda Manuel Fernández. Xa no Norte coñecéronse os gañadores do certame Mnauel Murguía de narracións breves, que recaeu en Enma Pedreira e en Daniel Asorey.

Xuíces de honra


O Couto Mixto foi un pequeno territorio da Raia Seca que entre a Idade Media e 1864 non pertenceu nin a Galicia nin a Portugal e se rexía por códigos propios, gobernado por tres xuíces que posuían cada un unha chave do cofre no que se custodiaban os documentos da comunidade e un bastón que representaba o seu cargo.
Desde hai tres anos a Asociación de Amigos do Couto Mixto decidiu recuperar a figura de Xuíz de Honra deste territorio para homenaxear aquelas persoas que desenvolven un especial traballo a prol da cultura do país. Así, nesta terceira edición a homenaxe recaeu en Constantino García, académico e primeiro director do Instituto da Lingua Galega e do Centro Ramón Piñeiro. Onda el, foi nomeado Xuíz Xosé González "Pepiño de Redondela", presidente da Fundación Premios da Crítica e creador do Premio Blanco Amor de Novela, así como promotor da campaña "Galegos de por vida" a prol da normalización do idioma. Finalmente, o terceiro homenaxeado foi Antonio López Martín, alcalde de Calvos de Randín, que promoveu a posta en marcha dun Museo Aberto no Couto Mixto e outras iniciativas a prol da conservación do legado deste territorio.












Homenaxes do Sur



O Concello de Tui outorgará súa Medalla de Ouro ó párroco Ricardo García, que vén de facer corenta anos de traballo nesta parroquia. Ricardo García é tamén coengo da fábrica da catedral tudense e arcipreste. Ademais, o Consello Pastoral Parroquial e a Asociación Amigos da Catedral están a preparar unha homenaxe para o vindeiro quince de xuño. Dentro dos actos de homenaxe prevese a edición dun libro no que se recollen diferentes testemuños sobre o traballo realizado polo párroco ó longo da súa carreira.
Por outra banda, o pasado sábado dous de xuño a Agrupación Cultural Guardesa pechou os actos de celebración do Día das Letras cunha homenaxe ó arqueólogo e historiador Manuel Fernández, recoñecendo o seu traballo a prol do desenvolvemento cultural da comarca do Baixo Miño.












Premio Manuel Murguía

O concello de Arteixo entregou o sábado os premios do X Certame de Narracións Breves Maneul Murguía. Os gañadores desta edición foron Emma Pedreira polo seu relato "A flor perfeita" e Daniel Asorey por "Soñar pedras con fútbol". O xurado desta edición estaba formado polo gañador do último ano, Xosé Lois Martínez Pereiro, a profesora Cristina Galán e o escritor Francisco Fernández Naval. Os gañadores levaron senllos premios de tres mil euros e verán publicadas as súas obras no boletín que edita o Concello de Arteixo. No acto de enrega realizouse unha homenaxe o recentemente falecido escritor Carlos Casares.