Compostela opta ó premio Boas Prácticas de Rehabilitación da ONU

Patrimonio para premio

O Plan Especial do Casco histórico compostelán é un dos corenta proxectos seleccionados de entre cincocentas candidaturas para optar a algun dos premios Boas Prácticas de Rehabilitación que outorga anualmente a Organización das Nacións Unidas (ONU). Tamén Lugo leva o seu patrimonio ó estranxeiro ó participar nun encontro internacional sobre conservación que se celebrará en Hungría este mesmo mes. E saen tamén, aínda que non ó estranxeiro, sete imaxes relixiosas que estaban no almacén do mosteiro de Oseira e que agora serán restauradas.

Boas prácticas


Cincocentos proxectos de todo o mundo presentaron a súa candidatura para facerse cun dos dez premios que outorga a anualmente a ONU a diferentes proxectos de urbanismo. Só corenta dos aspirantes chegaron á final, e entre eles atópase o Plan Especial do Casco Histórico de Compostela, que agarda facerse co premio Boas Prácticas en Rehabilitación polo traballo desenvolvido nesta zona da cidade. A entrega dos galardóns celebrarase o vindeiro mes de xullo en China e no acto haberá dous representantes da cidade. O premio consiste en trinta e seis mil euros e, segundo a concelleira Encarna Otero, permitirá dar a coñecer mundialmente o traballo de recuperación desenvolvido nesta zona. Onda Compostela, A coruña está tamén presente neste certame polo seu traballo a prol a integración social dos seus habitantes a través do urbanismo. Segundo sinala Encarna Otero, Compostela é a única cidade presente na súa categoría. A concelleira sinalou que, de acadar o premio, o concello investiría os cartos na rehabilitación da praza do Matadoiro, na que pretende abrir un novo espacio para peóns ademais de arranxar o firme e instalar novo mobiliario urbán.












Lugo a Hungría


Representantes do Concello de Lugo acudirán a vindeira semana a un encontro que se celebrará na cidade húngara de Pesc e no que participan diferentes cidades europeas con bens declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Onda Lugo acudirán a este encontro rperesentantes de Verona, Tanun (Suiza), Mons(Bélxica) e Pesc. Este encontro forma parte dun proxecto no que participan todas estas cidades e que pretende elaborar estratexias para a promoción e protección destes bens. Lugo presentará neste encontro o seu traballo para elaborar unha guía de boas prácticas de conservación, que se elaborou a partir dunha serie fixa de preguntas na que se tenta coñecer polo miúdo a situación dos monumentos, a a súa xesión, propiedade, recursos financeiros con que contan e medidas de protección que se lle aplican.
O encontro de Hungría tamén acollerá a inauguración dunha mostra cos traballos de narración e debuxo que escolares de cada unha das cidades realizaron sobre os seus monumentos. Esta mostra trasladarase con posterioridade por todas as cidades implicadas.












Saida de Oseira


Sete imaxes de santos sairán en breve dos almacéns do mosteiro de Oseira onde permanecen desde hai anos para enfrontarse a unha necesaria rehabilitación. Esta actuación realizarase gracias ó apoio de Caianova que cederá máis de nove mil euros para pagar as tarefas de restauración. As tallas están datadas entre os séculos XVII e XVIII e son algunhas das máis importantes que se conservan no mosteiro. Ademais, tamén se restaurarán as imaxes de dous papas, unha columna salomónica e varios restos do baldaquino do mosteiro. A entidade bancaria xa financiara con anterioridade a restauración de catro retablos da igrexa, cun orzamento de sete corenta e dous mil euros.