A segunda edición do Premio Compostela de Álbums Ilustrados, que convocan a editorial Kalandraka e mais o Concello de Santiago, xa ten gañador. O mexicano Felipe Ugalde levou o galardón coa obra presentada co lema Sueños de grandeza, que conta a historia dun crocodilo que medra en tamaño e pretensións. Alén de facerse con 12.000 euros, o gañador verá a súa obra editada nas cinco linguas peninsulares. Canda a Ugalde, o xurado seleccionou finalista a obra do italiano Tomasso Nava e fixo unha mención especial para o traballo de Cecilia Alonso, arxentina. En total presentáronse a esta segunda edición 280 traballos procedentes de 22 países.