A partir do vindeiro 3 de abril, Galicia contará cunha nova publicación dedicada á banda deseñada. Galimatias é o título da revista que produce El Patito Editorial e que se distribuirá con periodicidade quincenal xunto co xornal El Correo Gallego. O proxecto, que achegará en cada número dúas historias, conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do progama Bocaberta. A dirección da publicación corre a cargo de Gemma Sésar, e arrinca cunha historia de Fran Bueno e Jay Faerber que ía saír na editora americana Image. Canda a esta, completa o número un traballo con guión e cor de Fausto e debuxo de Macaco. Para vindeiros números adiantan a colaboración de autores coma Álex Cal. En total serán dezaseis páxinas por cada número, cunha tiraxe de 30.000 exemplares que van dirixidos a un público fundamentalmente xuvenil.