A Real Academia discutirá o sábado as candidaturas ó Día das Letras

Decidir as letras

A Real Academia Galega (RAG) discutirá no plenario do vindeiro sábado se algún dos candidatos propostos por colectivos e institucións de todo o país será homenaxado con ocasión do Día das Letras Galegas do 2003. Ademais, os académicos escollerán o académico que substituirá a Marino Dónega nesta institución.

A polas letras




As propostas arrecian, e a Academia debe decidir quen será o homenaxeado no vindeiro Día das Letras. Esta fin de semana o plenario debate varias candidaturas. Por unha banda está Florencio Delgado Gurriarán, poeta exiliado que desenvolveu un intenso labor cultural na segunda metade do século XX. Onda el os académicos falan de Ramón Lugrís, un dos cofundadores da Real Academia Galega, que chegou a ser presidente da institución e que foi un dos primeiros oradores que empregaron o galego nun acto público.
Tamén se valora especialmente a figura de Antón Avilés de Taramancos, destacado poeta noiés do que se está a cumprir o décimo cabodano. Outros candidatos que están a ser valorados son Labarta Pose, poeta costumista de finais do século XIX e o Cura de Fruime.













Encher as cadeiras




A xuntanza do sábado tamén servirá para que a RAG escolla o académico que ocupará a vacante que deixou a morte de Marino Dónega. Logo do retraso nesta decisión que se tomou por problemas co regulamento, repítense as candidaturas de Manuel María, Daniel Cortezón e Xosé González para seren os novos académicos.
Como curiosidade hai que sinalar que Xosé Luís Franco Grande está entre os tres académicos que avalían cada unha das candidaturas, polo que terá que escoller un dos candidatos. Segundo apuntou o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, os que queden descartados na xuntanza do sábado non poderán postularse con posterioridade para cubrir a vacante que deixou a morte de Carlos Casares.