O grupo Noitébregos e Daniel Bellón obteñen senllos premios á súa música

Os premios do folk

A fin de semana veu cargada de premios para o folk e a música tradicional. Mentres o grupo Noitébregos facíase co certame "Galicia Sonsfolk" en Sarria o pasado sábado, o gaiteiro Daniel Bellón obtiña o venres pola noite o máximo galardón do certame "Constantino Bellón" organizado polo Ateneo de Ferrol.

Noitébregos



O grupo Noitébregos, de Pobra de Trives, fíxose o sábado co primeiro premio do certame "Galicia Sonsfolk 2001" na súa terceira edición. A final deste encontro celebrouse en Sarria o pasado sábado, e a ela chegaron tamén os grupos Nubeira, de Catoira, Lume Fatuo de Viveiro e Árdelle o Eixo de Compostela. Con este premio, Noitébregos acada trescentas mil pesetas e o dereito a gravar un disco que destribuirá a compañía Sons Galicia. Os finalistas tamén terán ocasión de participar nun dicso compartido e recivirán cincuenta mil pesetas cada un. O certame está organizado polo Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) e conta coa colaboración da Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) e de Estrella Galicia, entre outras entidades. O xurado do certame estivo composto pola Concelleira de Cultura de Sarria, Elena Corujo; o xefe de programas musiciais de Radio Galega, Xosé Lois Freire, o promotor musical Liberto Gambino, e o músico de Milladoiro Juan Prego.












Daniel Bellón


O participante máis novo foi o que levou o premio. Daniel Bellón, con só dezaseis anos, fíxose co premio da XI Edición do Concurso de Gaita "Constantino Bellón", que organiza anualmente o Ateneo de Ferrol. Bellón, que competía na final celebrada o venres con outros sete gaiteiros de toda Galicia, fíxose coa victoria ó interpretar as pezas "A codea de pan" de composición propia, e "O bicho que furaba na cenoria xogando a base de muiñeira",de Pedro Lamas Varela. Mentres Bellón obtiña as trescentas mil pesetas do primeiro premio,Víctor Iglesias García e Agustín Sánchez Iglesias, fixéronse con senllos accésits de cen mil pesetas. No acto, que se celebrou no salón de actos do recinto da Feira Internacional de Mostras, tamén se entregaron os premios de recoñecemento ó traballo a prol do desenvolvemento da música tradicional. Así, a "Gaita de prata" recaeu no grupo de Catoira "Faíscas do Xabre", mentres que o luthier Luciano Pérez Díaz foi galardoado coa "Gaita de ouro".