Derivas da paisaxe

Unha exposición reflexiona sobre a evolución da paisaxe a partir dun documental de 1929

Todo se remonta a 1929, cando un palentino, Luís R Alonso, recibe unha encarga para facer un vídeo promocional de Galicia á exposición iberoaméricana que se celebrará en Sevilla nese ano. Nace así Un viaje por Galicia, o primeiro documental subvencionado pola administración. Oitenta anos despois, Pablo Gallego sérvese del para reflexionar sobre a paisaxe e a evolución do territorio nunha exposición que mañá abre as súas portas na Fundación Torrente Ballester. Achégate á exposición no vídeo que hai nesta reportaxe.




“Un viaje por Galicia non ten valor cinematográfico, senón o valor documental que supón ter rexistrado boa parte do territorio galego” explica Manolo González, un dos promotores da recuperación deste vídeo que acometeu o Centro Galego de Artes da Imaxe. A produción tamén encerra múltiples singularidades: foi a primeira produción que restaurou o CGAI, a que se proxectou no acto de inauguración do centro no ano 90 e, a primeira subvención pública.

A historia de Un viaje por Galicia
No ano 1929 en Sevilla tivo lugar unha Exposición Internacional Hispano-Americana (9 de maio ata 21 de xuño de 1930) para a que o pintor Llorens promoveu a creación dun documental que exhibira con fidelidade a paisaxe e a monumentalidade de Galicia. “Malia que o pintor Llorens foi o impulsor, as catro deputacións achegaron unha parte do financiamento de tal xeito que se converteu na primeira película integramente subvencionada con cartos públicos galegos” explica Manolo González.

Á hora de decidir quen facía a película, acabou optándose por Luís R Alonso, un palentino que tiña traballado en Galicia como director de fotografía de Rei Soto. “A decisión de contratar a Luís R Alonso pola módica cantidade de 7 ptas/metros, provocou unha carta moi amarga de José Gil (que levaba facendo cine en Galicia desde 1910 e que estaba a sufrir graves problemas económicos pola transición do mudo ao sonoro) criticando a decisión” explica Manolo González.

O resultado foi un documental extenso e moi laborioso que recolle imaxes da xeografía galega. Non hai romarías, nin grandes feiras, de feito, salvo nalgunha ocasión, na que aparece retratado o propio autor.

Manolo González advirte que “pensamos que Luís R. Alonso morreu xusto despois de facer as gravacións e que os seus amigos foron os encargados de facer unha montaxe en 1930, tal e como aparece escrito nalgún documento”

A deriva de Pablo Gallego
Oitenta anos despois, chega ás mans de Pablo Gallego Picard unha copia de Un viaje por Galicia e inicia a súa peculiar viaxe. Cámara en man inicia un percorrido de identificación e localización de todos e cada uns deses espazos que foron gravados no Luís R Alonso no 1929. Cos mesmos encadres, cos mesmos movementos de cámara e cos mesmos espazos Pablo Gallego inicia un proxecto de procura da paisaxe e das súas formas de representación. Non é exclusivamente a recuperación plano a plano dese traballo, senón que é o punto de partida dunha reflexión moito máis fonda que ten que ver coa idea de paisaxe, de representación e de transformación. “A idea de país que me contaban a través dos medios de comunicación non tiña moito que ver co que eu percibía e foi a partir de aí como iniciei esta viaxe de sucesivas derivas”.