Morre Ramiro Cartelle, intelectual e músico coruñés

Adeus a Ramiro

Ramiro Cartelle, destacado compositor e intelectual, morreu onte en A Coruña logo dunha longa enfermidade. Desde hai 30 anos, Cartelle ocupou un lugar destacado na animación da vida cultural coruñesa, especialmente no eido musical.

Compromiso galeguista




Desde o seu nacemento en 1935, Cartelle traballou en diferentes eidos da cultura, adoptando moi pronto unha óptica galeguista que xa non abandonaría. En 1970 participou na creación dos cantares de cego "A nave espacial" e "O Marqués de Sargadelos" con textos e debuxos de Isaac Díaz Pardo. Ademais, adaptou a versión escénica da primeira destas obras e musicalizou un romance de Celso Emilio para a primeira campaña electoral do PSG.












Obras



En 1966, Ramiro Cartelle fundou a orla Galicia Nova, que dirixiu ata o seu pasamento e coa que interpretaba música sacra nas igrexas de Capuchinas e San Nicolás. Nos anos 70 a coral gravou "Galicia canta a Deus" e "Panxoliñas do Nadal". Ademais das adaptacións e harmonizacións de autores clásicos que realizou para esta coral, Cartelle realizou un grande labor de difusión do repertorio lírico galego como pianista e compositor.






Colaboracións



Na súa faceta de musicólogo e de crítico, Cartelle escribiu diversos estudios sobre o músico galego Andrés Gaos e fundou a asociación musical do mesmo nome. Nos últimos tempos colaboraba com crítico de música de El Ideal Gallego e da revista da Orquestra Sinfónica de Galicia, formación para a que colaborou desde o seu nacemento.