Camiño de 2010

Unha serie audiovisual recupera os sete trazados xacobeos do Camiño de Santiago

É o percorrido máis popular de todos cantos hai en Europa. Tendo en conta que o obxectivo era chegar a Compostela e que cada peregrino partía dun lugar distinto, o resultado é que o Camiño de Santiago son, en realidade, múltiples vías que se foron facendo coa forza do uso e o costume. Na véspera do Ano Santo (que se celebrará no 2010) revisamos os sete trazados delimitados da man de Os Camiños da Concordia o produto audiovisual que se poderá ver a partir de mañá en Culturagalega.tv.

“Foi unha idea pensada para televisión, coa axuda do arquivo e do equipo da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo que nos facilitou a información necesaria para poder planificar e programar os sete documentais”. Deste xeito explica Xerardo Rodríguez cal foi a xénese de Os Camiños da Concordia, o produto audiovisual que mañá comezará a emitirse a través de Culturagalega.tv. Unha serie Rodríguez dirixiu e que se divide en sete capítulos, un por cada variante do percorrido: a Vía da Prata, o Camiño Primitivo, o Portugués, o Inglés, o do Norte, o Francés e o de Fisterra-Muxía. Son os sete percorrido oficiais recoñecidos a día de hoxe, pero non son os únicos.

Os oficiais
Existe abondosa lexislación para protexer o Camiño de Santiago, pero aínda non existe unha delimitación das diferentes rutas por lei. Este é o obxectivo que se persegue desde a Consellaría de Cultura. En todo caso, en 1993 a UNESCO declarou o Camiño de Santiago Patrimonio de Humanidade e acoutou o tramo máis coñecido: o Camiño Francés que vai entre Roncesvalles e Compostela. Esta é a ruta principal, pero hai seis máis que se enmarcan na denominación xeral de “Camiño de Santiago” aos que lle rexe a protección prevista na Lei do patrimonio cultural de Galicia para os bens catalogados.

A serie Os Camiños da Concordia percorrerá cada un deses itinerarios explicando onde comezan e rematan, incorporando datos históricos con apuntamentos xeográficos e consellos de carácter práctico. Información organizada en sete capítulos de 60 minutos de duración nos que se incorpora testemuños de camiñantes de diferentes países en plena peregrinaxe a Compostela.

Outros itinerarios
Algunhas das outras vías que se foron facendo co paso do tempo reclaman a súa condición de Xacobeos e queren tamén recoñecemento e apoio. Son o Camiño de Inverno, o Camiño Portugués da Costa, o Inglés, o de Fisterra, a ruta do Sueste ou a Vía Marítima pola Ría de Arousa. Outros trazados que a Consellaría de Cultura está a valorar e estudar incluir na denominación xeral, con todo o que iso supón a nivel de protección e delimitación.