Últimas novas da guerrilla

O Congreso sobre a Guerrilla Antifranquista recupera a memoria dos fuxidos galegos

O primeiro libro sobre a guerrilla antifranquista en Galicia apareceu aínda nos anos oitenta. Ata entón, a actividade destes homes e mulleres que se botaron ao monte para loitar contra a dictadura ficara relegada á memoria popular e á propaganda que os calificaba coma bandidos. Agora, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CMRH) reivindica este período e amosa os últimos avances que diferentes investigadores fixeron neste ámbito co congreso que comeza esta tarde na Coruña. Canda a isto achegámosche a testemuña de Juan Vázquez, un dos protagonistas desta historia.

“O tema da guerrilla non foi esquecido na nosa historia nin na nosa literatura. Ao contrario, inspirou un bo número de investigacións dos nosos historiadores e historiadoras e tamén serviu de fío condutor de obras importantes da nosa literatura. E aínda hoxe permanece de xeito imborrable na memoria da nosa sociedade”, explica o texto de presentación do congreso. “Mais tamén ficaron na memoria colectiva os mitos creados naqueles anos escuros, dunha banda e doutra, que hoxe, coas ferramentas da investigación histórica e con novas fontes de documentación ao alcance dos historiadores, deben ser superados”. Segundo nos explica Rubén Afonso Lobato, responsable de comunicación da CMRH, “o congreso supón o colofón das actividades que estivemos a desenvolver ao longo de 2008 a coincidir co centenario do nacemento do Foucellas”. Roteiros, homenaxes e outras iniciativas reivindicaron a figura dun dos guerrilleiros máis coñecidos no país. Agora, durante tres días, dezanove relatorios analizarán a experiencia guerrilleira galega desde diferentes puntos de vista no paraninfo da Univesidade da Coruña. Entre os participantes atópanse algúns dos últimos guerrilleiros vivos ou Harmut Haine, autor daquela obra fundacional sobre esta cuestión, que achegará unha visión de conxunto sobre este movemento.

Anido
Unha das testemuñas que se participarán no congreso é Juan Vázquez Loureda, Anido, que participou nas actividades da guerrilla facendo un refuxio na súa casa en Mugardos. Co tempo, este espazo serviría de base para o incipiente movemento obreiro da comarca ata que foi descuberto. O propio Anido explícanos brevemente esta historia. Para el “non cabe dúbida de que hai que facer algo coma este congreso de vez en cando, sobre todo porque moitos mozos non coñecen todo este movemento”.


Anido

Últimas análises
Segundo explica a CMRH, “grazas á apertura de arquivos e documentación, logrouse reconstruír con maior veracidad esta historia”. As investigacións que se amosarán no encontro abordan a cuestión desde diferentes visións, nalgúns casos moi poucas tratadas. “O profesor Bernardo Máiz tratará o aspecto lexislativo da cuestión guerrilleira, analizando a lexislación represiva previa á creación do Tribunal de Orde Pública”. A complementar esta achega, “Xosé Luís Rodríguez Pardo tratará a cuestión legal desde a creación do Tribunal ata o xuízo dos 23 de Ferrol”. Tamén haberá tempo para a análise da orientación ideolóxica da guerrilla galega. Ata o de agora era coñecida a preeminencia do Partido Comunista de España, especialmente na organización dos grupos activos a partir da Segunda Guerra Mundial, e sobre esta cuestión e as posibilidades que achegan os arquivos deste partido para coñecer aqueles feitos haberá senllas conferencias. Ao tempo, haberá unha intervención sobre a influencia nacionalista na resistencia armada e outra na que se explicará a importancia que neste campo tivo o fecundo anarquismo galego.

Historias locais e novas olladas
A historia local está a demostrar que é un dos ámbitos que máis peso ten á hora de achegar novas sobre a actividade guerrilleira en Galicia. Deste xeito, “haberá xente que fale sobre a represión na Mariña Lucense, da guerrilla na Mariña ou na Ulloa, co caso destacado de Curuxás, os primeiros fuxidos ourensáns ou a actividade na Costa da Morte e en Bergantiños”, explica Rubén Afonso. Fóra do marco especificamente galego, o profesor Secundino Serrano achegará unha visión de conxunto da guerrilla estatal, e Béchir Yazidi explicará unha cuestión tan pouco coñecida coma o exilio de republicanos na África do Norte baixo soberanía francesa. E é que, ao fuxir a flota republicana da base de Cartaxena en 1939, moitos tripulantes destes buques (en grande parte galegos), acabaron do outro lado do estreito. Tamén a importancia que tiveron as mulleres na organización guerrilleira, un tema aínda por explorar, terá a súa presenza no programa.

“Estamos a ver que o traballo dos investigadores é impagable. É unha mágoa que en todos estas anos de democracia esas historias de resistencia non sexan debidamente recoñecidas. Existen moitas investigacións, pero hai que agardar a que remate o congreso para valorar as novas achegas”, lembra o responsable de comunicación do CRMH da Coruña. Ademais das intervencións máis académicas, o congreso contará con actuacións musicais coma as de Miro Casavella e a Quenlla. Ademais, “o sábado 17 celebrarase unha cea homenaxe aos guerrilleiros no hotel Finisterre da Coruña. A inscrición está aberta no teléfono 645029338 e o prezo por cuberto é de 25 euros”, anima Afonso.
Tríptico do Congreso Guerrilla Antifranquista Galega.