200 anos de Elviña

Comeza a conmemoración da batalla que situou A Coruña nas guerras napoleónicas

Hai douscentos anos, o destino de Europa xogouse á portas da Coruña. A Batalla de Elviña permitiulle a Inglaterra salvar o seu exército e continuar a loita contra Napoleón. Este mes de xaneiro fanse douscentos anos daquel enfrontamento histórico, e desde a Coruña lémbrase a ocasión cun bo feixe de actos. O programa inicia así as homenaxes que en todo o país rememorarán a Guerra da Independencia ao longo do ano.

Unha peculiaridade da batalla de Elviña é que non é un deses encontros bélicos no que se definan claramente vencedores e vencidos. É certo que no final da loita os ingleses abandonaron o campo e que os franceses puideron ocupar a cidade. No entanto, o que pretendían realmente os primeiros non era defender o posto, senón garantir o embarque do exército peninsular de volta a Gran Bretaña, obxectivo que lograron. Aínda que visto así pode semellar que o encontro non foi especialmente decisivo, a realidade é que o éxito da retirada mudou o curso das guerras napoleónicas.

A importancia de Elviña
Segundo explica Manuel Santiago Arenas, membro da asociación Royal Green Jackets e presidente do Comité Organizador da Batalla da Coruña 1809-2009, o enfrontamento “tivo unha grande importancia dentro da guerra. A retirada tiña a intención de salvagardar o exército británico na Península Ibérica, que desembarcara en Lisboa e que deixara Gran Bretaña practicamente sen tropas”. O feito de que o propio Napoleón se dirixise á Península cun continxente de 300.000 soldados coa intención de aniquilar as tropas inglesas dá unha indea da importancia que tiña para Francia acabar coa forza que comandaba Sir John Moore. Ante tal despregue galo, os ingleses optaron por facer todo o posible por conservar as súas forzas, e iniciaron a retirada. “Moitos historiadores falaron da posible covardía de Moore, pero foi lóxica pura. A forza que o perseguía era maior e máis poderosa, así que o mellor era salvagardar todo o exército, gornecer Gran Bretaña e pensar despois un xeito de voltar á Península”. Fóra do plano internacional, Elviña tamén tivo o seu eco a nivel galego. “Foi o comezo da Guerra da Independencia en Galicia e da expulsión dos franceses só seis meses despois”, explica Arenas.

A persecucións
Logo de que Napoleón voltase a París, foi o mariscal Soult o responsable da persecución. “Os meses de decembro e xaneiro de 1808 e 1809 foron de moita neve, choiva e saraiba. Ao longo da retirada, o exército inglés tivo máis baixas do que na propia batalla. Pedrafita ou os montes de Lugo supuxeron moito desgaste e unha perda de tropas por parte dos dous exércitos”, explica Arenas. A carreira, verdadeiramente infartante a través da nosa xeografía, tiña A Coruña coma meta clara. Alí debía estar agardando a flota inglesa para levar os soldados á súa terra. O dous exércitos fixeron o percorrido con apenas un día de diferenza nos últimos tramos. “Ao chegar á Coruña cun día de refresco, os ingleses puideron mudar armas e uniformes e iniciar o embarque, aínda que parte da flota aínda non chegara”, lembra este especialista.

O combate
En canto á batalla en si, tivo dúas partes claramente diferenciadas. Un primeiro enfrontamento entre a vangarda francesa e os ingleses tivo lugar na Ponte do Burgo, no actual Concello de Culleredo, cando os ingleses tentaron, con éxito, voar a ponte para atrasar o avance francés obrigándoos a cruzar por Cambre. Malia a iso, os galos asomaron aos montes próximos á cidade “á altura do Peñasquedo, onda Eirís e Elviña”, cando os ingleses só embarcaran a artillaría e parte da cabalaría. “Tiveron que matar moitos dos cabalos na Pescadería para que non caesen en mans inimigas. As testemuñas da época din que estaba todo cuberto de sangue”, explica Arenas. Ante a situación Sir John Moore optou por enfrontarse ás tropas napoleónicas coa intención de atrasar de novo o seu avance mentres os británicos continuaban o seu embarque. “Situou a infantería e a artillaría en liña, os enfrontamentos concentráronse na zona central e duraron case todo o día. Houbo combates con intentos polos dous bandos de controlar o centro de Elviña. Ao final do día cesaron os enfrontamentos e os ingleses montaron campamentos ficticios que lle fixeron crer ao inimigo que seguían no campo de batalla, cando na realidade voltaron á Coruña e conseguiron embarcar máis tropas”. Entre as baixas do encontro estivo a do propio Sir John Moore, alcanzado cando estaba algo máis adiantado “pola zona do Carrefour”, explica Arenas, por unha batería francesa.


O final
Foi ao día seguinte que, descuberto o engano, o exército francés entrou na cidade. “Houbo un segundo combate canda a zona de costa, xa que puxeron as pezas de artillaría en San Diego e desde alí atacaron os buques que embarcaban tropas no porto, afundindo tres ou catro”. De calquera xeito, xa era tarde de máis para impedir a fuga inglesa, o 90% das tropas de Moore conseguían voltar a casa, aínda que sen o seu xefe. “A ocupación francesa da cidade foi completamente pacífica, non houbo represalias e mesmo Soult ordenou un Te Deum de grazas na igrexa de San Francisco e mesmo ordenou inscribir unha placa en lembranza do contrincante falecido”. O enfrontamento tamén quedou gravado no Arco do Triunfo de París (co seu nome internacional de Batalla da Coruña), coma unha das victorias napoleónicas.

Os galegos
A ausencia na zona do exército regular deu en que a participación galega no combate fose mínima, segundo explica o presidente do comité organizador. “Dise que as unidades de artillaría, que eran as únicas que había na cidade, participaron disparando desde as murallas, pero non se sabe con certeza. Logo no campo de batalla houbo seis ou sete baixas, pero foron civís que vivían na zona e que se viron alcanzados pola artillaría ou polos combates, e que aparecen coma mortos durante a batalla nos rexistros”.

A homenaxe
O feito de que este mes de xaneiro se celebren os 200 anos daquela loita deu nun bo feixe de actividades que se concentran entre o 13 e o 18, organizadas pola Asociación The Royal Green Jackets e a Asociación Napoleónica Española co apoio do Concello da Coruña. Do intenso programa, Arenas destaca “o concerto do Bicentenario. A Banda de Música do Memorial do Rei que tocará no Teatro Rosalía ten a súa importancia. Logo haberá tamén conferencias, unha exposición de miniaturas, a ofrenda floral no xardín de San Carlos, as concesións das medallas e oro da Batalla da Coruña de 1809 e, o sábado 17 ás seis e media, unha pequena recreación nos xardíns de Méndez Núñez que amosará os uniformes, as armas, ou as cores dos exércitos. No domingo farase outra representando o combate na Ponte do Burgo, que será espectacular”. Ofrendas florais, unha charla con abundante material gráfico sobre as conmemoración desta batalla que se fixeron ao longo dos últimos cen anos e a presentación dun libro sobre o labor dos galegos na guerra son algunhas das propostas que se inclúen no programa.

O que queda
Malia á grande cantidade de actividades presentadas, que supoñen o comezo dos actos que conmemorarán ao longo do ano o Bicentenario da Guerra da Independencia en Galicia, Arenas considera que “non é un programa moi ambicioso, aínda que o Concello fixo un grande esforzo e podemos manter vivo e con dignidade este recordo. A crise nótase tanto aquí como noutras programacións que se están a traballar”. A situación, segundo Arenas, é máis ou menos xeral en toda Galicia. “Os concellos recortaron moitos gastos. Sabemos que tamén en Pontesampaio queren facer algo. Tamén en Allariz e Finisterre preparan actividades, en Vigo preparan cousas coa festa da Reconquista. Agardo que tamén Compostela continúe con iniciativas como a que tivo o ano pasado, que fixo unha exposición sobre o Batallón Literario”. Na propia Coruña desenvolverase os días 30 e 31 de xullo e o mes de agosto unha grande recreación da batalla coa presenza de máis de 1500 persoas. Temos Napoleón para un anaco.

Fonte: The Royal Green Jackets

Fonte: The Royal Green Jackets

Fonte: The Royal Green Jackets

Fonte: The Royal Green Jackets

Fonte: The Royal Green Jackets

Fonte: The Royal Green Jackets

Fonte: The Royal Green Jackets

Fonte: The Royal Green Jackets

Fonte: The Royal Green Jackets

Fonte: The Royal Green Jackets

Fonte: The Royal Green Jackets

Programa batalla 200 aniversario.