O noso folk chega ó norte de Europa mentres se consolida o proxecto Deluxe

Música para o mundo

Semana de viaxe para a música galega. Mentres Susana Seivane achega ós Países Baixos o seu último disco, "Alma de buxo", os grupo Os Cempés achégase a Noruega para participar en dous concertos. Mentres, a banda coruñesa Deluxe, que participou recentemente no festival Actual de Logroño, ofreceu onte un concerto para Radio 3 que foi tamén retransmitido a través de La2 de TVE.

Susana Seivane


Gante (Bélxica) e Tilbur (Holanda) serán as cidades que poderán escoitar a Susana Seivane os días 25 e 26 deste mes. O concerto de Gante celebrarase na sala Groenzaal, unha das máis importantes da cidade, e o de Tilburg desenvolverase no marco do International Folk Festival que se celebra nesta localidade.
Estes concertos enmárcanse dentro da xira de promoción de "Alma de buxo", o seu último traballo discográfico.












Os Cempés



Máis ó norte chegan Os Cempés, grupo folk que ofrecerá dous concertos en Noruega. A primeira desta actuación desenvolverase no marco do Stieftelsen Nordlysfestiyalen Tromso, un destacado festival que celebra a chegada do novo sol logo do inverno. Dase a circunstancia de que entre o público asistente estará o príncipe Haakon.
O outro concerto dos Cempés será na cidade pesqueira de Sommaroy, onde se celebra unha popular festa do salmón.




Deluxe


O proxecto en solitario do coruñés Xoel López, Deluxe, realizou onte un concerto retransmitido por Radio3 e por La2 de TVE. Este concerto retransmitiuse dentro do ciclo "Los conciertos de Radio3", e supón un novo paso na meteórica carreira deste proxecto, que acadou situar o seu primeiro single entre o máis vendidos do estado e participou recentemente no festival Actual de Logroño.