Dez grupos dos 60 volven tocar xuntos para recuperar a memoria do Vigo Ye-yé

O disco reivindica a música pop e rock na cidade antes da movida dos oitenta

A vigorosa escena musical de Vigo dos anos sesenta queda representada agora no CD, DVD e libreto editados por PAI Música baixo o título Vigo Ye-Ye. Corenta anos e pico despois, aquela xeración de adolescentes volveron reunirse para colaborar na creación dun traballo discográfico que rende tributo a toda unha época. Los Condors, Los German´s, Los Golpes, Los Lejanos, Los Stags, Los Temples, Los Watios, Los Zuecos, Carlos Mateo e o grupo que integran compoñentes dos anos 60 e que seguen activos actualmente, La Comisaría, pasaron polo estudio coas súas formacións completas ou non para deixar pegada musical nun CD con vinte temas orixinais de diversa cor musical, e un DVD con dez vídeoclips. O traballo presentarase hoxe ás 13 horas na cervexería Estrella Galicia na Plaza Compostela da cidade olívica, mentres que ás 19:30 terá lugar a presentación do libro Crónicas de un Vigo Ye-Yé de Fernando Ferreira no Museo do Mar (Alcabre). O CD- DVD distribuirase este domingo co xornal Faro de Vigo e unha parte dos beneficios xerados polo disco serán destinados a AMENCER-ASPACE (Asociación de Parálisis Cerebral). O vindeiro luns á tarde en El Corte Ingles de Vigo terán lugar sinaturas do disco e unha charla, e posteriormente un “guateque” na Sala A!