A música clásica e o folk tenden pontes entre os intérpretes de Galicia e Portugal

O violinista sobre o Miño

As conexións musicais entre Galicia e portugal están de actualidade estes días. Por unha banda, a Orquestra Sinfónica de Viana do Castelo abrirá en Ourense o programa de intercambios que vén de pór en marcha o conservatorio desta localidade. Tamén serán portuguesas varias das agrupacións que se achegarán ó Carballiño con ocasión do festival de grupos folclóricos que se celebrará nesta localidade o vindeiro abril. E para rematar, esta fin de semana celebrouse en Arbo un serán, unha festa tradicional na que participaron músicos vidos do outro lado do Miño.

Intercambio entre conservatorios



O conservatorio de Ourense iniciou recentemente un programa de intercambios de intercambio de alumnos que achegará á Cidade das Burgas orquestras de diferentes centros de España e Portugal.
A actividade inaugural deste programa será o concerto da Orquestra Sinfónica de Viana do Castelo que se celebrará este venres no propio conservatorio. Ademais de escoitar a música que interpretarán os portugueses, os membros do conservatorio poderán coñecer o sistema de ensino musical portugués. Así, o conservatorio de Viana do Castelo, é un centro integrado no que se imparten todas as materias do bacharelato ademais da formación musical. A comezos de abril serán os ourensáns os que visiten Portugal. Ós estudiantes portugueses seguirán os franceses do conservatorio de Lorient.












Festival de folk ibérico



A agrupación Vila do Orcellón do Carballiño organiza para o vindeiro mes de abril un festival de grupos folclóricos de España e Portugal. A este festivalacudirán grupos de toda a Península, incluídos varios grupos folclóricos portugueses. O sábado 27 de abril será cando actúen todos os grupos participantes na praza maior de Carballiño. Os grupos que participen neste encontro participarán o día anterior nun roteiro por distintos lugares da vila.




Serán en Arbo


Arbo recuperou esta pasada fin de semana a tradición festiva e musical do serán, unha celebración que se realizaba hai arredor de sesenta anos e na que participaban músicos vidos de Portugal.
Nesta nova edición, organizada pola asociación "Barca de Loimil", participaron dous grupos de música popular portuguesa onda os veciños de Arbo, que animaron a noite coa súa música ata ben entrada a madrugada. A tradición de traer músicos portugueses comezou polos bos acordeonistas que había no Alén Miño e que eran contratados para amenizar as festas dos mozos e das mozas de Arbo. Co tempo foise insitucionalizando este encontro ata que, coa aparición das discotecas e da música enlatada foi caendo no esquecemento ata esta recuperación.
É o segundo serán consecutivo que organiza a asociación Barca de Loimil, aínda que xa se celebraran varios de xeito esporádico desde a década dos oitenta.