Preséntase en Ribadavia unha escolma de música tradicional gravada en 1952

Éxitos populares dos 50

| Santiago. Redacción | Seccións: Música
Compartir:

Un disco que recolle unha escolma de música tradicional galega gravada por un americano en 1952. Ribadavia acolle hoxe a presentacióin de "Galicia. The Spanish Recordings", un disco editado polo arquivo Lomax, un dos máis importantes de música tradicional do mundo. As orixes deste disco están na viaxe que o propio Lomax fixo por Galicia durante un duro inverno de hai cincuenta anos, recollendo cancións e imaxes do país.

Alan Lomax

Fillo dun dos primeiros folcloristas da historia dos Estados Unidos a afección de Lomax pola música tradicional veulle desde moi pequeno. Entre os anos trinta e corenta realizou unha incansable actividade de recollida e difusión do legado folclórico americano, desenvolvendo traballos de musicólogo, productor, locutor radiofónico e outras actividades relacionadas coa música popular. O seu traballo valeulle ser considerado o pai do renacer folk de Estados Unidos e un dos principais impulsores deste xénero músical no Reino Unido, descubrindo e gravando moitas figuras consideradas de culto entre os afeccionados a este xénero. Un dos seus últimos proxectos, a comezos dos anos noventa foi a creación da Jukebox Global, unha base de datos que recolle información e pezas folclóricas e musicais de todo o mundo. Lomax, retirado en 1996, vive na actualidade en Florida e o seu arquivo é un dos máis importantes de músicas populares e étnicas de todo mundo.


Lomax en Galicia

Alan Lomax realizou durante os anos cincuenta varios viaxes por Europa para recoller cancións populares. Inglaterra, Italia, Irlanda e España. Dentro do seu periplo español que o levou entre 1952 e 1953 por Aragón, Baleares, Asturias, Andalucía, Lerón e Euskadi visitou Galicia durante o inverno de 1952, que semella que foi esecialmente duro. Lomax chegou á península logo de contactar con Julio Caro Baroja, Eduardo Toner e o Museo de Pontevedra. Chegado ó noso país, Lomax visitou once localidades: A Coruña, Corcubión, Fisterra, Pontevedra, Soutoxustre, Hío, A Cañiza, Ourense, Avión, Ribadavia e Solveira.
O seu traballo de recollida pretendía dar a coñecer a variedade musical da zona, practicamente inexplorada neste eido por musicólogos e antropólogos. Lomax interesouse, ademais de polos instrumentos tradicionais, polas pezas musicais vencelladas a traballos concretos, coma a espadela do liño.

O disco

O Centro de Estudios Medievais de Ribadavia, e mais concretamente Xosé Ramón Pousa, tentaron nos últimos anos rescatar as cancións galegas, das que ata o de agora só se editaran seis pezas en 1999 dentro do disco dedicado a España. Finalmente, o pasado ano e mediante a intercesión da canadiana Judith Cohen, vencellada a este centro, a filla de Lomax accedeu a que trinta pezas galegas do arquivo do seu pai fosen editadas en disco polo selo Rounder Records. Agora, e mediante a distribuidora Karonte, chegan ó noso país sons de hai cincuenta anos. O disco inclúe un libreto con textos de Luis Costa e de Judith Cohen contextualizando as pezas e as letras en galego e en inglés, identificando o lugar, a data e o nome de cada informante. Pódense oír así desde os toques de chifre dos afiadores ata cantares de arrieiro, de Nadal ou coplas.

Que che parece esta nova?
27 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Ribadavia, Xénero, Xosé Ramón Pousa, Folk...