Cadriños e pantallas

As posibilidades creativas da banda deseñada penetran con forza no sector audiovisual

Nos últimos anos estamos afeitos a ver continuas adaptacións de títulos de cómic á pantalla grande, especialmente coas versións cinematográficas de superheroes. Alén de Hollywood, tamén en Galicia está a ser dar nos últimos anos un certo trasvase dos cadriños ao audiovisual. Ben sexa por interese polo medio ou ben coma un xeito de gañar o xornal, os préstamos de argumentos, creadores ou temas son cada vez maiores e revelan de novo o potencial da novena arte.

Hai xa anos que un bo feixe de autores de banda deseñada galega amosan a importancia de saber narrar en cadriños desenvolvendo story-boards para diferentes producións audiovisuais. Na publicidade por exemplo, atopamos a experiencia de Tirso Cons en Madrid ou en longametraxes o traballo de Manel Cráneo en O lapis do carpinteiro. E é que a capacidade para reducir argumentos a planos concretos e enfialos nunha secuencia fixo que a nosa industria audiovisual se fixase nestes nomes para facer este traballo previo á rodaxe. O outro grande espazo que aproveitou o talento dos nosos debuxantes foi, como non a animación. Tanto no deseño de personaxes, coma no traballo directo de animar, creadores coma Fran Bueno, Marcos Calo, Daniel Montero ou Miguel Robledo compaxinaron páxinas e celuloide en firmas coma o Estudio Tangaraño, Limaía ou Bren, entre outras. O caso máis destacado é o de David Rubín, que logo de participar noutras producións de Dygra chegou a codirixir o último filme de animación da factoría, O espírito do bosque..

Do story board á dirección
Segundo explica Robledo, “eu empecei facendo story, pero acabei facendo tamén algo de guión e de deseño conceptual. En Dygra empecei tamén con concept art, que é establecer a referencia a nivel gráfico do que será unha produción xa a nivel de luz ou de cores para comezar a desenvolver bonecos e escenarios en xeral”. Segundo recoñece, “a banda deseñada ten unha especial conexión co story-board. Hai partes que son moi parecidas, aínda que tamén aparecen cuestións que fan que teñas que te adaptar á narración audiovisual. Por exemplo os movementos de cámara son máis complexos do que na BD”, explica. “Na banda deseñada pásame moitas veces que comezas a deseñar unha páxina e cando acabas os cadriños moves o tamaño das cousas pensando na composición da páxina ou da dobre páxina. E no story pasas a un formato fixo que é o da pantalla de televisión ou o panorámico do cine. Tamén tes que partir sempre duns escenarios que xa existen e traballar con ángulos de cámara que sexan posibles. Ao traballar en tres dimensións axuda moito a ver volumes e perspectivas, unha cuestión que en banda deseñada tes que extrapolar e imaxinar como se faría”. Cunha experiencia que, alén dos ámbitos xa mentados chegou mesmo á dirección con O espírito do bosque, David Rubín salienta que a experiencia na BD non supón garantía ningunha para se lanzar ao cinema. “Comic e cine non son o mesmo. O cómic dáche unhas bases de cara a prepararte para o cine, pero son medios moi diferentes. Que fagas bos tebeos non quere dicir que sexas bo cineasta, hai que facer e aprender moito mais. Ademais, o comic non é un camiño cara o cine; o cómic é unha cousa, o cine outra”. Rubín, coma director, e Robledo no equipo artístico, traballan actualmente en Holy Night o novo título da factoría Dygra.

Conexións recíprocas
Encol do xeito en que se relaciona o traballo nestas dúas artes, tanto Rubín coma Robledo inciden no enriquecemento creativo que supón. “Nese sentido, este traballo poida que complete o que ten a banda deseñada ou a ilustración”, explica Robledo. “Hai partes máis mecánicas que che obrigan a afondar nunha estética e o traballo é máis lento. Hai un labor de documentación e de investigación bastante serio, é un xeito diferente de traballar pero compleméntase ben un con outro. Estou moi contento con este traballo, penso que estou aprendendo moito e que as seguintes BDs que faga sairán beneficiadas”. Tamén Rubín sinala no seu gusto polo traballo audiovisual. “Disfruto de cada unha das facetas. Tanto concept art, coma story, os estudos de cor das secuencias, a realización, os retoques de guión, dirixir os actores, tratar co equipo, falar cos músicos... non podería escoller unha en concreto”. E engade que todo isto supón unha importante achega artística. “Aprendes continuamente. Axúdache a mellorar cada día a capacidade de planificación ou a amplitude de miras. Traballar con equipos tan grandes de xente fai que cando voltas ao traballo persoal o vexas doutro xeito e evoluciones”.

Arte e economía
Pódese apuntar que son as escasas oportunidades industriais no campo da BD as que empurran a moitos dos nosos autores cara a colaborar de xeito máis ou menos habitual co audiovisual, e efectivamente nalgúns casos os creadores teñen claro que prefiren levar a súa carrera pola narración gráfica. Nese sentido, hai xa casos de creadores coma Fran Bueno (que fixo animación no Estudio Tangaraño) ou Tirso Cons que optaron por abandonar este campo para se dedicar exclusivamente ao papel. No entanto, non é estraño que os intereses dos autores de BD transcendan xéneros e que, con máis ou menos recursos, autores da cómic vexan na animación un campo creativo máis. Manel Cráneo, Kiko da Silva, Bernal, Diego Blanco ou Roque Romero son algúns autores que desenvolveron iniciativas puntuais neste ámbito. Pola súa banda, Mariano Casas, gañador do último premio Castelao, transita habitualmente entre cadriños e pantallas, con varias curtas de imaxe real e historias que pasaron da páxina á animación. Con máis recursos, tamén o traballo dun creador consagrado coma Miguelanxo Prado co seu De Profundis, ou a implicación de Fausto Isorna nas producións O labirinto dos soños e Ventura na illa de hipnos son outros exemplos do interese dos debuxantes por se adentrar en novos campos. Nos últimos anos estamos a ver outra tendencia que irmana as dúas artes. Autores coma Kike Benlloch (en colaboración con Manel Cráneo e Alberto Vázquez, contan con trailers audiovisuais de obras coma Freda e Dámsmitt, ou David Braña, que empregou este método para promocionar o seu DOS.

O guión
Non só os debuxantes aproveitan as pontes que existen entre banda deseñada e mais audiovisual. A última novela gráfica de Carlos Portela, A conta atrás, unha historia en flashback sobre a catástrofe do Prestige, foi antes do que libro un guión cinematográfico. De feito a idea mesmo conseguiu unha axuda de 11.000 euros da Axencia Audiovisual Galega para desenvolver este argumento, que se ben non rematou nas salas comerciais está dispoñible actualmente nos andeis das librarías. Portela advirte que “hai unha semellanza no métodos de traballo, pero as linguaxes son completamente diferentes. A historieta é unha linguaxe completamente elíptica, mentres que o audiovisual, aínda que ten elipses, non o é, é case todo o contrario. Do mesmo xeito tampouco son iguais cine e televisión en canto a prazos, equipo, orzamentos ou continuidade”, explica. “Outra cousa é a nivel de planos. En historieta non tes ningún tipo de restrición nese sentido, o que non ten por qué ser necesariamente bo”. De xeito máis concreto, apunta que “á hora de adaptar A conta atrás houbo que modificar o texto e engadir escenas. Dáche un ritmo diferente. Ademais na BD ti e mais o debuxante sodes o director, o actor e todo. Cada un dos medios ten as súas cousas”. Este autor tamén recoñece, malia ás diverxencias, unha certa reciprocidade no traballo entre os medios. “A verdade é que para escribir historieta si que me resultou moi interesante traballar en televisión. Estrutúrache moito a cabeza e axúdache a nivel de resolver problemas serios e dun xeito rápido. Tamén che axuda a manexar argumentos e guións. O que pasa é que son difíciles de compatibilizar, aínda que se che vai ben, sempre queres facer máis cousas”, explica este guionista da que, agora mesmo é unha das series máis vistas da televisión en Galicia e da serie de cómics que está a rachar as marcas de vendas no panorama estatal (Padre Casares e Las nuevas aventuras de Esther, respectivamente).

Outros guións
O camiño inverso fixo, en certo xeito, Alberto Vázquez coa súa obra Psiconautas. Logo de conseguir o unánime recoñecemento da crítica por esta historia intimista e psicodélica, o autor lograba en 2008 a axuda para desenvolver o guión da versión animada desta historia. Tamén foi unha axuda para desenvolvemento de guión o que obtivo Diego Ameixeiras para o documental A muller do eternauta. O filme pretende facer un retrato de Elsa Sánchez, filla de galegos e viúva do guionista arxentino Hector Germán Oesterheld, autor da recoñecida saga O eternauta e desaparecido durante a dictadura no seu país. Algo máis avanzado está o proxecto de Estigmas. Esta produción que dirixe Xosé Zapata aproveita o argumento da BD homónima de Lorenzo Mattotti (desta volta non é un autor galego) para desenvolver toda unha longametraxe.

Cine sobre banda deseñada
Fora das conexións máis ou menos agardables, atopamos nos últimos dous anos outras tantas producións que aproveitan a BD coma eixe temático. Por unha banda, en maio de 2008 presentábase 35 anos de historieta galega, un documental que aproveitaba a exposición homónima para amosar a evolución da novena arte neste tempo. Da man de Gemma Sesar e a través das declaracións dos seus protagonistas, o filme amosa unha aproximación ao difícil e lento camiño da novena arte. Tamén documental, pero centrado desta volta no aspecto creativo dos cadriños, de Marcos Nine, achega á pantalla o xeito en que crean David Rubín, Alberto Vázquez, Kike Benlloch e mais Diego Blanco. O proxecto, que está previsto saia para finais deste mesmo ano, amosa as diferentes fases e métodos polos que se vai dando forma a unha historia secuencial relacionándoas coas actividades dos autores. Como complemento do propio produto audiovisual, sairá un volume no que se poderán ler as mesmas historias das que o film nos amosa a xestación. Segundo explica Nine, “sempre me interesou a banda deseñada e cando me propuxeron o proxecto pareceume moi interesante”. Na actualidade, rematada a primeira fase de rodaxe, está en proceso o visionado das sesenta horas de material recompilado e a preparación da segunda parte. “Eu quero facer unha especie de espello, que desde o documental se vexa o comic e desde o cómic se vexa o documental. En cada unha das historias vai haber referencias ao feito de que fai un filme sobre este traballo”. Para este autor, a converxencia de artes que aborda no seu traballo é unha vía a seguir. “A min encántanme os híbridos e penso que deberiamos dedicarnos as explorar máis. Non hai que restrinxirse á BD, pódese facer con música ou con todas as artes”.

Dun xeito ou doutro, semella bastante claro que as nosas pantallas teñen de onde tirar no que a BD se refire. É posible que non dea para facer Spider-man, pero hai historias, creadores e potencial para moito.