Un estudio de Caixa Galicia revela o retraso do país no emprego de Internet

Un ano por detrás

Só doce de cada cen galegos empregaron Internet no último ano, e a terceira parte da poboación non accede nunca á rede. Son os datos que se desprenden do informe "Galicia e a Sociedade da Información" publicado pola Fundación Caixa Galicia e que se presentou onte en Compostela.

O estudio

O informe "Galicia e a Sociedade da Información" de Caixa Galicia baséase nunha enquisa realizada polos sociólogos Víctor Pérez Díaz e Juan Carlos Rodríguez a cincuentas persoas menores de sesenta e seis anos e que completaron a súa formación secundaria.
Partindo desta mostra, os investigadores concluíron que penetración de internet no noso país é so dun 12%, é dicir, só doce de cada cen galegos empregaron a rede no último mes. Este dato sitúa a nosa comunidade no mesmo índice de emprego que se rexistraba o pasado ano no conxunto do Estado. Con este doce por cento, Galicia sitúase só por diante de Castela a Mancha no emprego desta tecnoloxía en España.
Ademais, o estudio de Caixa Galicia sinala que as diferencias entre Galicia e España neste eido incrementáronse en catro puntos desde 1999, e que a tendencia continúa no mesmo sentido.
No mesmo sentido, a porcentaxe de ordenadores nos fogares é de vintasete por cada cen habitantes, fronte ó 35% de media estatal.











Onde e como e para que



Segundo os datos manexados por Caixa Galicia, un 10% dos galegos só emprega Internet no traballo ou no centro de estudios, un 25% faino só no tempo libre e un 32% nos dous casos. O emprego principal, un 91% dos casos, é a navegación por páxinas sobre afeccións propias. A este emprego ségueo cun 87% o correo electrónico, e aínda un 85% indaga pola rede para informarse sobre productos e servicios que quere adquirir. Sen embargo, só un 16% dos internautas fixeron algunha compra por Internet.
A conexión doméstica increméntase coa renda familiar e entre os habitantes da cidades, situándose nunha media do 52% dos usuarios que navegan no seu tempo libre. Destes, un 33% acceden á rede desde cibercafés e un 12% desde fogares de amigos e familiares.