Un estudio sitúa a Galicia no último lugar do Estado en tecnoloxías da información

O atraso dixital

O estudio sobre o desenvolvemento da Sociedade da Información que vén de presentar a Fundación do Grupo de Telecomunicacións AUNA sinala que Galicia ocupa o último lugar neste eido a nivel estatal. Tamén sinala o noso atraso en canto a tecnoloxías de comunicación o libroi "Información, tecnoloxía e territorio: Galicia fronte á sociedade do coñecemento", que se presentou onte no Consello da Cultura Galega.

Último posto


A Fundación do Grupo de Telecomunicacións AUNA presentou onte un estudio no que analiza o desenvolvemento da Sociedade da Información no Estado Español. Para realizar este estudio tivéronse en conta vinteoito indicadores que, segundo os promotores, "miden o xeito en que as distintas autonomías reaccionan e se adaptan ós retos e necesidades da nova era dixital". Así, tense en conta desde a porcentaxe de empresas e empregados no secto das tecnoloxías da comunicación ata a dotación destes eidos nos fogares e o emprego que fan deles os cidadáns. Segundo estes indicadores, Galicia é a última comunidade do Estado en desenvolvemento de tecnoloxías da comunicación, cun índice de cincuenta e tres puntos sobre os cen que corresoponden a Madrid, a comunidade máis desenvolvida neste eido.
Segundo sinalaron os promotores do estudio, o atraso galego débese a "déficits históricos en materia de innovación, capacidades empresariales e capital humano". O informe sinala tamén que o Estado Español atópase só por riba de Grecia, Noruega e Islandia na implantación destas tecnoloxías a nivel europeo.













Galicia e a sociedade do coñecemento



O Consello da Cultura Galega acolleu onte a presentación do libro "Información, tecnoloxía e territorio: Galicia fronte á sociedade do coñecemento", unha obra coordinada por Xosé Carlos Arias na que se recollen as exposicións dos participantes nun seminario que sobre esta cuestión se celebrou na Universidade de Vigo.
Neste libro abórdanse cuestións coma o escaso emprego de Internet en Galicia, cinco puntos inferior á media estatal, a falta de estructura empresarial no eido das novas tecnoloxías ou a pouca penetarción do cabo.
A este respecto o profesor de Ciencias da Comunicación Víctor Freixanes salientou que, pese ó seu atraso "Galicia non está no terceiro mundo senón no primeiro". Ademais, salientou que a actual situación do país entre "a sociedade da información e a do coñecemento" danos "a oportunidade de colocarnos na vangarda". Así, sinalou que para preservar a identidade galega nesta nova situación cómpre acadar un pacto que promova investimentos en infraestructuras de comuicación, ademais de formar usuarios que poidan aproveitar ó máximo as posibilidades destas tecnoloxías e formar capital humano que desenvolva este sector.