Dúas candidaturas desputarán a dirección da Mesa pola Normalización

Propostas para a Mesa

Crear unha fundación, profesionalizar o traballo interno, intensificar as relacións coa lusofonía, colaborar con empresas... Son algunhas das ideas que apunta a candidatura de Carlos Callón para renovar a Mesa pola Normalización Lingüística. Na outra banda, Emilio Ínsua incide na necesidade dun grande Pacto Social pola Língua e no diálogo con todas as entidades interesadas na normalización, seguindo as liñas marcadas no recente Encontro Nacional sobre Língua. Mentres, Concha Costas, a demisionaria presidenta da Mesa, reclama que a renovación non se pode realizar a partir de xente que xa desempeñou cargos na organización con anterioridade. A "Revista das Letras" de "O Correo Galego" presenta hoxe, día seis de xuño, un monográfico sobre este debate. O vindeiro día quince de xuño coñecerase o resultado da que promete ser a Asemblea Extraordinaria máis movida da historia da Mesa.


A proposta da renovación


Logo de presentar publicamente onte a súa candidatura á presidencia da Mesa pola Normalización no compostelán café Rúa Nova, Carlos Callón amosa hoxe nun artigo na "Revista das Letras" as liñas que seguirá de dirixir a organización.
No seu texto, Callón sinala a importancia da perda de falantes e a ruptura da transmisión interxeracional do idioma e o incumprimento da lexislación sobre o idioma. Ademais, denuncia a existencia dunha política de "conmemoración lingüística" e "homenaxe" que absorve un recursos públicos que, segundo el, non son empregados de xeito efectivo em tarefas de normalización. Pola banda das organizacións que traballan a prol da normalización do idioma, Callón recoñece unha "excesiva timidez" e laxitude no traballo desenvolvido os últimos anos.
Os eixes de traballo que propón Callón son, por unha banda, traballar nos campos da normalización que aínda fican abertos desde a Transición, como pode ser o da toponimia en galego. Tamén reclama un abandono da "política de homenaxe" e, finalmente unha aproximación práctica ó mundo lusófono "para alén de disquisicións normativas".
Concretando algunhas destas propostas, Xosé Manuel Sarille, compañeiro de candidatura de Callón propón que desde a Mesa se cre unha Fundación desde a que promover novas liñas de traballo. Sarille sinala que esa fundación dbería constituirse co apoio de cinco empresas galegas e cinco portuguesas que estean interesadas no intercambio económico entre Galcia e Portugal. Tamén propón unha descentralización da directiva e unha maior formación dos cadros da mesa, creando unha escola para formar os encargados da dirección e da normalización.
Finalmente, reclama que o incremento de relacións coa lusofonía se realice á parte das reivindicacións de normalización aínda que dentro do entramado da Mesa.
Os dous artigos están directamente desglosados do programa desta candidatura que se pode ler na canle galego.org de Vieiros.













A renovación natural



Emilio Ínsua propón, desde a "Revista das Letras" incidir na recuperación da "tensión normalizadora" a respecto do idioma e en realizar un Plano Xeral de Normalización Lingüística no que estexan implicados todos os colectivos interesados neste eido, tanto cívicos coma institucionais. A intención é que este plano remate sendo finalmente aceptado pola Administración, á que acusa de "fracaso estrepitoso" en Política Lingüística. No seu artigo incide na necesidade de realizar un grande Pacto Social pola Lingua ó abeiro do recente Encontro Nacional sobre Língua, insistindo no acordo e coordinación entre todas as entidades normalizadoras do país para garantir o respecto ó dereitos lingüísticos dos galegofalantes en todos os ámbitos e a intensificación do esforzo normalizador en áreas coma o ensino, a Igrexa, os medios de comunicación ou Internet. Todo isto buscando o acordo entre os colectivos que traballan a prol da lingua en Galicia.
Apoiando a candidatura de Insua, Concha Costas achega un artigo no reclama a necesidade de que a renovación necesaria na mesa se realice a través de persoas que non teñan desenvolvido xa cargos de importancia na organización. A este respecto lembra as declaracións de Sarille na súa demisión coma presidente desta organización hai cinco anos sinalando que "once anos na dirección é demasiado tempo". Concha Costas, presidena demisionaria desta organización, denuncia que tanto Callón coma Sarille xa desempeñaran cargos na Mesa o que ó seu ver, non os fai moi axeitados para dirixir unha renovación, sinalando ademais que "resulta difícil non ver intereses persoais e mesmo certa perversidade non intento de presentar este retorno como unha renovación". Neste sentido, apoia a candidatura de Insua como a "renovación natural" na directiva. Costas repasa algunhas das actuacións máis destacadas da Mesa nos úlitmos anos e reclama a importancia da asociación coma aglutinadora e coordinadora de esforzos e de vontades en todo o país.













A asemblea


O vindeiro día quince de xuño celebrarase en Compostela a Asemblea Extraordinaria da Mesa, na que os socios que estén ó corrente no pago da súas cotas e que acudan axeitadamente identificados poderán escoller entre as dúas candidaturas á presidencia. Foi o pasado xoves cando o xornal "A Nosa Terra" fixo pública a existencia de dúas listas rivais por primeira vez nos dezaseis anos de existencia desta institución. A convocatoria da Asemblea Extraordinaria realizouse a petición de corenta membros da mesa, encabezados polo propio Carlos Callón.