O coro Toxos e Froles de Ferrol celebra o seu oitenta e sete aniversario

Aniversario da música popular

O día vintenove de maio cúmprense oitenta e sete anos da primeira actuación do Real Coro Toxos e Froles, a máis antiga formación deste tipo que existe en Galicia. As celebracións comezan xa a véspera, é dicir, hoxe mesmo no colexio ferrolán Tirso de Molina e continuarán ata o sábado. E onda a máis veterá, a formación máis nova. A Banda de Música de Touro realizou o domingo a súa primeira actuación.

Toxos e Froles


O vintenove de maio de 1915 no teatro Jofre de Ferrol realizábase a primeira actuación do Coro Toxos e Froles. Mañá esta mesma formación, declarada "Real Coro" en 1928, iniciará os actos de celebración do seu oitenta e sete aniversario. O primeiro dos actos será unha conferencia a cargo de Xosé Lois Foxo, director da Banda de Gaitas de Ourense, sobre "A gaita como soporte da música a través dos tempos", será no colexio Tirso de Molina.
Mañá presentarase no auditorio do FIMO a última agrupación incluída na organziación do coro, a compañía de teatro Luis Amor Soto, que, baixo a dirección de Belén Roca porá en escea tres pezas das representadas polo coro nos seus comezos. A entrada será gratuíta.
Finalmente, o vindeiro sábado a Coral de Ruada achegarase ata Ferrol para recibir o premio Manuel Lorenzo que outorga o Toxos e Froles en recoñecemento ó seu labor a prol do idioma e pola súa calidade artística.
O Real Coro Toxos e Froles inclúe na súa organización grupos de instrumentos tradicionais, danza, palillado e cantareiras entre outros. Desde a súa creación ten gravado diferentes discos e realizado varias xiras de carácter internacional.












Música de Touro



Touro conta desde o domingo coa súa propia banda de música. Corenta e seis intérpretes deron ese día o seu primeiro concerto no que interpretaron pasodobles clásicos, coma a "Alborada galega" de Pascual Veiga, onda unha selección de éxitos do Beatles e outras pezas.
A creación da Banda Escola de Música Isabel II de Touro xestouse hai dous anos por iniciativa do Concello, que espuxo a idea ás asociación locais. Xosé Iglesias Neira foi elexido presidente da Escola de Música, e iniciáronse as clases no Colexio Público ata chegar ós sesenta e cinco alumnos da actualidade. A formación que debutou hai dous días contaba coa participación de membros da desaparecida banda de Fao, do mesmo concello de Touro. A formación sostense a medias entre o Concello de Touro e os pais dos alumnos, sendo o orzamento anual da banda de doce mil euros.