O cine por Clemens Von Wedemeyer

A exposición está composta por cinco pezas que evidencian como o cine condiciona a nosa percepción

O Centro Galego de Arte Contemporánea acolle ata o vindeiro 11 de xaneiro unha exposición que trata do efecto que as imaxes fílmicas teñen sobre a percepción. Xogando cos diferentes xéneros cinematográficos amosa ao público como o cine crea narracións que condicionan a nosa percepción da realidade. En cinco proxectos recupera unha década de investigación sobre a hisotria e a teoría do medio fílmico. Aquí che ofrecemos unha escolma das imaxes con comentarios do comisario da mostra, Manuel Segade, sacados do catálogo.

Occupation, 2001-2002

Occupation

Occupation, 2001-2002
35 mm / 8 min / V.O. con subtítulos en inglés



(…) A instalación central da mostra é unha sala de cine na que se proxecta Occupation (Ocupación, 2002), unha peza en 35 mm realizada en Leipzig sobre un festwiese, un patio construído en época nazi para todo tipo de actividade pública, nunha filmación pública en 2001. Os douscentos extras participantes non coñecían o programa de rodaxe nin o guión: acudiron sen saber exactamente cal sería o seu papel ante a cámara. O filme reproduce a interacción entre o equipo de filmación, interpretado por actores profesionais, e o grupo de extras, que seguen as súas ordes confusas. Os extras son situados de modo que ocupen un espazo rectangular pintado sobre o céspede, un equivalente ao espazo dunha pantalla cinematográfica: un espazo fílmico ilusorio que se xera durante a rodaxe mesma da película.



Rien du tout, 2006

Rien du tout, 2006

Coautora: Maya Schweizer / vídeo dixital e 35 mm transferido a vídeo HD / 30 min / V.O. con subtítulos en inglés



Rien du tout (Nada de vez, 2006), escrita e dirixida xunto a Maya Schweizer (Maisons-Alfort, Francia, 1976) constitúe un comentario ou incluso o reverso da peza anterior. Trátase da posta en escena da obra Catastrophe de Samuel Beckett, unha peza sobre o poder despótico dun director de escena –aquí interpretado por unha muller– fronte ao seu asistente e ao actor que preparan para interpretar un condenado nun ambiente medieval. Os adolescentes que acoden ao casting incorporan a súa espera e os seus diálogos cotiáns á obra. A realidade non cinematográfica dos extras pouco a pouco transfórmase no cinematográfico: coma nunha festa popular, os actores aprópianse do aparcadoiro exterior para realizaren alí a verdadeira peza de teatro.


A catástrofe son as revoltas da Banlieue, que acontecían simultaneamente á rodaxe do filme en París. O filme realizouse por invitación do CAC Brétigny, nos mesmos arrabaldes de París, coincidindo coa exposición de Wedemeyer no centro. O casting para a peza realizouse o día de inauguración. A rodaxe, que utiliza como escenario o teatro e o aparcadoiro do CAC, planeouse para as horas de apertura do centro, provocando a reunión confusa de espectadores, actores e equipo técnico, cunha proposta próxima das propostas das estéticas relacionais. Neste experimento social, os visitantes entran no medio da acción, a carón da xente que espera para ser convertida cine, e son eles os que provocan a película por encima da narrativa guionizada. En certo modo, neste filme inclúese veladamente o seu propio making of: Aínda carecendo de datos, gradualmente a súa narrativa vólvese a contraria do que apuntaba; dóbrase sobre si mesma até a escena final, un tableau vivant público que constitúe o verdadeiro teatro filmado.


Big Business, 2002

Big Business, 2002

Vídeo dixital / 27 min / película muda


Big Business (Gran negocio, 2002) é un remake dunha comedia de Laurel e Hardy do ano 1929, un paradigma do humor amargo do primeiro Hollywood. A versión do gordo e o fraco comeza cun texto: “The Story of a Man who Turned the Other Chick and Got Punched in the Nose”. A historia dun home que puxo a outra meixela e, en consecuencia, non só recibiu outro golpe, senón un máis doloroso. Os protagonistas do filme venden porta a porta en Los Angeles árbores de Nadal durante o verán. Un dos posibles clientes enfádase pola súa insistencia e esnaquiza un dos abetos á venda. Así comeza unha sucesión de gags en que a violencia funciona como un diálogo: mentres un desfai o coche e as árbores dos vendedores, os outros destrúen ritmicamente o fogar do cliente malhumorado. Un aspecto clave é a presenza dun policía, un representante da lei e a orde, que simplemente contempla abraiado a violencia consensuada. Desde unha perspectiva actual, é interesante constatar cómo se trasladan no cine ao terreo simbólico da propiedade allea a violencia e o clima de crispación da crise do 29.


A versión de Clemens von Wedemeyer realízase na prisión alemá de JVA Waldheim. Alí, os presos constrúen, como adestramento para a reinserción futura, pequenas vivendas que logo destrúen para volver a comezar o exercicio unha e outra vez. O cárcere é un espazo á marxe da sociedade cunha orde pechada, pero tamén un lugar lexible cinematograficamente falando; incluso existe un xénero de cine carcerario.

Metropolis, Report from China, 2004-2006

Metropolis, Report from China, 2004-2006

Documentación, diapositivas e carteis


Metropolis / Report from China(Metropolis / Informe desde China, 2007) é un proxecto aberto máis amplo que unha película, codirixida de novo con Maya Schweizer. Trátase dun proceso de documentación acerca da posibilidade de realizar na China actual un remake de Metropolis, o clásicode Fritz Lang de 1927.


Lang viaxou a Nova York invitado pola Ufa para intentar comprender os modos de produción estadounidenses. O filme foi a primeira película en ser incluída en 2001 no Rexistro Memoria do Mundo da UNESCO, pola súa brillantez lingüística pero tamén pola súa capacidade para reconstruír unha ideoloxía e un modo de pensar sobre a realidade social do seu momento. Na versión de Wedemeyer e Schweizer, investíganse posibles paralelos entre o clásico do cine e a realidade do xigante oriental, xa sexa desde o punto de vista da similitude estética xa sexa narrando desde o plano documental as relacións entre os traballadores da construción coa súa realidade inmediata. Investigan as condicións de produción da metrópole desde varios puntos de vista. O seu exercicio transvasa a mirada fílmica a outro lugar nunha posibilidade que encobre a decepción da imposibilidade do seu proxecto, porque a máis terreo investigado máis diferenza co filme orixinal e máis superada queda a realidade pola ficción. O soño roto da utopía narrada por Lang é o mesmo que o da reconstrución dunha forma cinematográfica imaxinaria a partir do real. O que o cine constrúe é unha máquina que fai lexible o mundo fotograma a fotograma; pero, á parte das posibles identificacións entre escenografías, o catálogo de traballadores ao modo de August Sander ou a documentación en formato de entrevistas para pensar a cidade, o exercicio de sutura calibrarase entre as referencias e a impactante realidade social á que se enfronta o público occidental. A metodoloxía cinematográfica do remake acaba sendo válida para informar sobre China, a partir dun guión previo e o seu desequilibrio coa realidade, máis alá do orientalismo e máis preto da complexidade inintelixible do lugar.


Die Probe, 2008

Die Probe, 2008

Vídeo HD en bucle / 12 min  / V.O. con subtítulos en galego


O seu último filme, Die probe (A proba, 2008), xoga coa teatralidade para despregar un contido político nunha forma clásica. Está formulada como un plano fixo e un loop continuo, sen principio ni final. Mostra o espazo entre bastidores dun auditorio onde un político recibe a aclamación dos seus achegados despois da súa vitoria nas eleccións. Cando queda só co seu equipo máis directo, prepárano para o seu primeiro discurso como candidato electo. Mentres ensaia texto, facéndose con el, o espectador entende pouco a pouco que se trata dun rexeitamento ao posto lexitimamente obtido. A película comeza unha e outra vez a cada entrada do político a recitar su papel.