É o primeiro libro de fotografías de La fábrica de chocolate club. Cento cincuenta imaxes de actuacións en directo que se desenvolveron neste local vigués. A asinalas un só nome, Janie Fotografía, un estudio que está a se especializar en retratar músicos en acción. O proxecto xorde con base a un traballo de certo tempo. Pensamos que había público e material, que as fotos eran agradecidas, xuntamos uns cartiños e sacámolo, explica o propio Janite. Nas imaxes mestúranse grupos galegos e foráneos, aínda que o fotógrafo recoñece que se observan diferencias na estética entre uns e outros. Cada un vai un pouco do seu xeito, varía moito Eladio que os High Sierras. Pero está claro que a estética que se sigue en Estados Unidos non se leva aquí. Os alcoianos levan unha onda, os ingleses outra e os galegos outra. Non existe unha estética específica de grupos galegos, pero é coma ir pola rúa, podes distinguir máis ou menos se alguén é inglés, marroquí ou galego, sinala o fotógrafo que, no entanto, non se anima a definir características propias na imaxe dos nosos grupos.
Diferenzas estéticas
Para alén de distintos estilos estéticos, é evidente que tamén existen diferentes grados de preocupación polo aspecto entre os nosos músicos. Á hora de coidar a imaxe hai de todo. Non hai fronteiras para a imaxe, hai quen sae descalzo e quen sae con camisas a raias, lembra Janite. A este respecto destaca que The Homens son un grupo que coida moito a súa imaxe. Están relacionados co medio tamén, Xocas vén do teatro, Martiño ven do xornalismo e Roi é deseñador gráfico, e iso vese no escenario, no seu web ou nas fotos que eu lles fixen. Pero é só un exemplo, logo hai xente que leva unha imaxe máis gótica ou máis roqueira, resulta importante para eles e para min tamén é máis agradecido.
Retratar o ambiente
Encol do seu traballo como fotógrafo en concertos, recoñece a dificultade de retratar o ambiente do directo. Penso que o segredo está en agardar e estar atento. Ter a luz controlada, saber onde te moves e despois vivir un pouco o concerto coma se foses un espectador máis, só que mentres outra persoa está cunha cervexa e un cigarro na man ti tes a cámara. Tes que estar escoitando tamén, porque así tamén sabes cando vén un punteo ou cando acaba unha canción, apunta. Ao mellor agardas ao final do concerto, cando está o tema máis quente e tentas resumir o que aconteceu. Entre as peculiaridades do seu traballo está o empeño por traballar sen flash, procurando captar a iluminación da propia sala.
Oportunidades laborais
Como cabe supor, unha profesión tan específica coma a de Janite fai que non haxa moitas oportunidades laborais. Este é un traballo que a nivel estatal fan catro persoas como quen di. Entón en Galicia non hai moitas posibilidades en canto a publicacións, a maioría das revistas musicais están en Madrid e Barcelona e os traballos fannos xente de alí. Aquí hai algo máis de traballo por produtoras, estanse facendo moitas cousas e hai moitos festivais. De calquera xeito, este fotógrafo combina a música con outros traballos fotográficos para poder manterse.
Traballo de estudio
Canda ao directo, Janite traballa tamén os retratos de músicos en estudio. Segundo recoñece, nesta modalidade o traballo de estudio e moito máis creativo e moito máis complicado, porque tes que amosar o grupo en si. Cando fas fotos para un grupo tentas marcar a imaxe que quere dar cara a fóra. Entón hai que escoitar a súa música, ler as súas letras, coñecelos, estar con eles, buscar localizacións. A min gústame mudar un pouco o habitual de pór a xente con cara de malos e unha parede cun graffiti no fondo. Eu quero que dun golpe de imaxe o grupo chame atención na foto, e que ao tempo estea de acordo a imaxe coa súa personalidade e coa súa música. Neste campo ten traballado con nomes coma Samesugas, Elodio y los Seres Queridos, o Seminario de Jazz de Pontevedra, The Homens, Creole Kings, High Sierras ou Pacific, entre outros.
Entre os seus vindeiros proxectos, está retratar nada menos a que AC/DC na que será a súa última xira, un proxecto que, recoñece, faime moita ilusión. Para comezos do vindeiro ano anuncia a súa intención de desenvolver un novo proxecto. Estou tentando facer algo con músicos relevantes. Fotos de estudio con xente coma Julián Hernández ou Silvia Superstar.
Mostra de fotos de Janite Fotografía
Dj Juan de Pablos "Un mitico de Radio 3 que nos pon a todos a bailar cada vez que vén". Foto: Janite
Los Peyotes
"Trouxeron toda a rabia contida dende o seu Buenos Aires querido para descargárnola toda xunta no I Chocolate Beat". Foto: Janite
Javier Krahe
"É tamén moi querido por todos, sempre cun público do maís variado". Foto: Janite
Marky Ramone
"Sempre coa sua colección de fans. !Hey Ou, Lets Go!!!! " Foto: Janite
Micah P.Hinson
"Veu un domingo moi cedo para deslumbranos a todos. Vinte e oito anos e parece que ten 50 (por todo) parece un gran tipo." Foto: Janite
Texas Terri
"Tampouco defrauda nunca, garaxe mesturado cunha gran dose de moito xenio subido de tono". Foto: Janite
Toni Lomba e Elio dos Santos
"Se nunca viches a Toni Lomba e Elio dos Santos, non sei a que esperas, porque son dos mellores e máis divertidos shows que se poden cociñar en Galicia. Dúas horas de risa". Foto: Janite