Consternación na cultura galega pola morte de Ramiro Fonte

Os actos de despedida celebraranse esta tarde en Pontedeume

Sucédense as mostras de pesar polo falecemento, o pasado sábado de Ramiro Fonte, poeta, escritor, académico e director do Instituo Cervantes de Lisboa. O ministro de Cultura, César Antonio Molina, anunciou a súa presenza nas honras fúnebres, previstas para esta tarde ás 16:30 en Pontedeume. Molina destacou que o finado “foi dos máis grandes autores da lingua galega”. Coincidiu con el o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, quen lamentou nun comunicado o pasamento e incidiu en que “as letras e a lingua galega están de loito porque Galicia perdeu unha das voces máis lúcidas da nosa literatura”. Pola súa banda, a titular de Cultura, Ánxela Bugallo, calificou de “perda irreparable” a desaparición deste autor.

Desde a Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos salientou que Fonte “foi fundamentalmente un gran poeta. Dáse o paradoxo de que máis xente o coñece polas súas memorias, pero por riba de todo foi un poeta”. Para Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, “abandonounos un amigo de lealdade inquebrantable e un dos grandes, grandes, escritores galegos universais de todos os tempos”. Pola súa banda, Iolanda Díaz, concelleira de Cultura de Ferrol, lembrou que o autor “soubo renovar magnificamente a literatura e a poética no noso país". Carme Caffarel, directora do Instituto Cervantes, transmitiu tamén a súa “consternación” polo falecemento do escritor de 51 anos.