Flis-fli-ris-flás

Un proxecto explora múltiples formatos para promover a lectura e o galego

Ret 13029
Ret 13029
Un conto, actividades para facer na casa, un xogo interactivo e mais unha obra de teatro. O proxecto Flis-fli-ris-flás, que presentaba a pasada semana Galaxia, é unha anovadora iniciativa que amosa as posibilidades da integración de diferentes soportes arredor do libro. A proposta, que se estrea hoxe, vai percorrer Galicia ao longo deste outono dentro da campaña de dinamización do galego que coordinou a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais oito editoras galegas para os máis novos.

O pai de Martiño cóntalle cada noite un conto antes de durmir. A partir de aí, o rapaz métese nun mundo de soños e de aventuras onde enfronta retos e corre perigos. Este sinxelo fío argumental é a base de Flis-fli-ris-flás, un produto multimedia no que se integra un libro ilustrado, actividades arredor do mesmo, unha aventura gráfica, xogos multimedia e unha obra de teatro. Segundo explica Francisco Castro, coordinador deste proxecto na editorial Galaxia, “o proxecto conxuga varios soportes. Está a obra de teatro, o libro coa historia e mais coas actividades para desenvolver na casa e logo o CD Rom interactivo que ten case cen actividades lúdicas para, ao tempo que se segue unha aventura, fomentar o amor polos libros e mais pola lingua”.

Por orde, a iniciativa comeza coa asistencia dos rapaces á obra de teatro, para o que terán oportunidades nalgunha das 75 representacións que a compañía Matapiollos fará ao longo deste outono en diferentes concellos de Galicia, no marco do xa mentado plan de dinamización de Política lingüística. “É un proxecto moi ambicioso que vai chegar a uns 45.000 nenos e nenas e seis e sete anos de toda Galicia”, lembra Castro. “Martiño é o protagonista da obra, do conto e mais do xogo interactivo, e é o que unifica o proxecto. Ao ver a obra, os rapaces van recibir unha bolsa na que teñen o libro e mais o CD-ROM. Cando logo na casa traballan con este material xa coñecen o personaxe, e saben o papel dos libros na súa historia”. A obra de teatro de Matapiollos, que dirixe Jorge coira, ten como escenario unha cama e emprega recursos coma a luz negra para crear novos mundos e conta con cancións compostas para a ocasión. En canto ás actividades, a partir do feito de contar o conto a viva voz, o libro propón escenificacións de diálogos, invención de rimas ou coreografías entre outras, a desenvolver polos propios nenos e mais polas súas familias. “Penso que estas propostas van sorprender moito”, adianta Castro.

Foron arredor de cinco meses a bo ritmo a elaboración do proxecto, que partiu do texto de Araceli Gonda no que se baseiou a montaxe de Matapiollos. “A partir de aí entrou Galaxia, que engrandeceu o proxecto”, lembra Castro. “Nós tiñamos claro que queriamos editar o libro para que acompañase a obra, pero tamén queriamos facer algo máis. Entón apareceu Francisco Díaz Rei, o asesor pedagóxico que deseñou todas as actividades para facer na casa. Despois eu mesmo actuei como guionista da aventura gráfica coa axuda técnica de José Luís Orge. Alí contamos a historia de Martiño, o protagonista do libro, que ten que superar unha serie de probas para completar a biblioteca da auga. E logo Xosé Tomás encargouse da ilustración de todo o proxecto”.

Castro destaca o enriquecedor deste proceso creativo. “Como creador, debo sinalar que foi realmente fermosa a interacción con tantas persoas chegadas de mundos distintos. A combinación dunha escritora, alguén do mundo da educación, o ilustrador que facía propostas tamén que melloraban moito a idea inicial. Penso que é un exemplo de como moitas mentes creativas traballando xuntas acadan un produto que mellora cada día no proceso”. Nese sentido, asegura que “desde Galaxia este tipo de proxectos é algo que queriamos asumir desde hai tempo, xa estamos a traballar en novos produtos neste sentido”. Polo momento, podemos ir coñecendo as aventuras de Martiño, que tamén estarán dispoñibles a través do web da Secretaría Xeral de Polítcia Lingüística.

Flis-fli-ris-flás

Flis-fli-ris-flás

Flis-fli-ris-flás

Flis-fli-ris-flás