O CCG acolle unhas xornadas sobre as relacións entre arte, industria e museos

O Foro Creación artística e identidades culturais trae a destacados expertos en creación e xestión cultural

Vai ser unha xuntanza de artistas, críticos, comisarios, xornalistas e museólogos que analizarán durante dous días a relación entre a produción artística e a industria da cultura no Consello da Cultura Galega. O Foro Creación artística e identidades culturais, enmarcado dentro dos actos dos XXV anos da creación do CCG, trae a Santiago a destacados especialistas nese ámbito.

[Texto da nota oficial] O Foro de debate “Creación artística e identidades culturais”, comezará o xoves, día 18 ás 10 horas no salón de actos do Consello da Cultura Galega e desenvolverase en sesións de mañá e tarde os días 18 e 19. O foro, que fai o número catro dos seis programados polo CCG para conmemorar os seus primeiros 25 anos (1983-2008), analizará as relacións entre a creación e a industria da cultura e abrirase co relatorio de Serge Guilbaut, profesor de Historia da Arte na University of British Columbia de Vancouver (Canadá).

Artistas, críticos, comisarios, xornalistas e directores de museos debatirán sobre tres espazos de reflexión: Musealización, industria cultural e espectáculo; o traballo de artistas e as institucións e, arte e cultura nos medios de comunicación.
María Luísa Sobrino, coordinadora do foro, catedrática da Universidade de Santiago e vocal do Plenario do CCG, salientou durante a presentación o feito de que en Galicia, desde 1995, xurdiron vinte novos espazos, públicos e privados, para a expresión artística e falou tamén do que considerou “papel positivo” da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, campus de Pontevedra. “Esta Facultade contribuiu a normalizar a creación artística en Galicia e propiciou a activa presenza da muller nestas actividades”, dixo.

O PROGRAMA

O foro abrirase o 18 de setembro ás 10 horas coa intervención de Serge Guilbaut, profesor de Historia da Arte na University of British Columbia de Vancouver (Canadá), a quen retrucarán o comisario Juan de Nieves e o arquitecto Alfonso Penela.

Seguirán o relatorio de Gloria Picazo, directora do Centre d´Art La Panera (Lleida) e as visións de Marina Núñez e Silvia García, artistas visuais e profesoras da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Na sesión da tarde intervirá como relator o xornalista e escritor Camilo Franco, xunto cos retrucantes Miguel Anxo Rodríguez, profesor da Facultade de Hisotira da Uuniversidade de Santiago e o xornalista e escritor Antón Lopo.
O día 19 ás 10 horas será o turno dos artistas visuais Pedro G. Romero, Carme Nogueira e Chiu Longina.

Ás 12´15 horas intervirá Guillermo Solano, conservador-xefe do museo Thyssen-Bornemisza, que terá como retrucantes e Manuel Segade, do departamento de exposicións do Centro Galego de Arte Contemporánea e a Pedro de Llano Neira, crítico de arte, comisario de exposicións e secretario do Foro.
Na sexta e última sesión, a partir das 16´30 horas, a relatora será Ángela Molina, crítica de arte e os retrucantes o crítico Alberto Sánchez Balmisa e o comisario Pablo Fanego.