Talía Teatro cumpre vinte anos fiel ao compromiso social

Ademais das montaxes, a compañía ten unha escola e organiza unha mostra de teatro

Son unha das compañías de teatro profesional máis consolidadas do país. Pero ese nunca foi o seu soño, naceron como un grupo afeccionado, ao abeiro dunha asociación local pero o seu saber facer foise consolidando co tempo facendo propostas para nenos, adultos e, últimamente, para o público adolescente. Repasamos con Artur Trillo estes vinte anos de traballo.

“Talía Teatro nace no ano 1988, como unha proposta a un proxecto afeccionado no seo dunha Asociación Cultural Domingo Antonio de Andrade. E así nacía un grupo de teatro afeccionado que, en principio, non tiña grandes espectativas” asegura Artur Trillo. A alma máter deste proxecto que comezou, como se tal cousa, poñendo en escena O Rei aborrecido de Xesús Pisón. Con el estaba Estevo Creus, Chelo Romero, Severiano Pérez e tantos outros que se foron unindo (pero tamén separando) nesta xa longa traxectoria.

Así, a montaxe por ano foron pasando Aquí non paga ninguén, O crime da aldea vella ata Gaivotas subterráneas coa que chegaron ás 21 funcións. “Foi nese momento cando francisco Lestón mais eu comezamos a ver cal era o ritmo da compañía, e tiraba a unha dinámica afeccionada pero cunha certa constancia e vimos que isto ía a máis” afirmaba un Trillo que tres anos despois viu que era necesario dar un salto e pasar ao teatro profesional. “Non foi un salto que nos ambicionaramos, senón que era o seu lugar, a súa consecuencia lóxica” asegura. Malia que o público non apreciou grandes diferencias, con “A secreta obscenidade de cada día”, Talía Teatro pasou a ser unha compañía profesional. “A evolución foi como se nos deramos conta, a nivel burocrático había unhas obrigas fiscais, porque eras unha empresa”

A liña social
Pero pasar a unha empresa non supuxo un cambio, de feito Talía Teatro non se moveu un ápice da súa orientación, tal e como asegura Artur que di que “a nosa liña é facermos espectáculos dunha certa carga social que non eran só para entreter, senón para dicir algo”. Por exemplo, en A secreta obscenidade de cada día era un texto político, retén denunciaba a mili, Marsal, marsal era un texto que criticaba o consumismo dunha maneira decidida. “Eran espectácuos cunha vocación social, de levar un mínimo recado” resume.

Pero despois aínda chegaron novos cambios. Foi no ano 2000 cando a compañía decidiu sair dúas vías: dunha banda teatro infantil e doutra a de adultos. “Con teatro infantil fixemos Menos lobos que segue en cartel despois de tres anos de parón (leva unhas 150 funcións)” afirma Trillo. Xa situados na verea do teatro infantil, esa dirección completaríase en abril de 2003 con Bicos con lingua que os puxo no camiño do teatro xuvenil, de aí Quero ser grande .

Por último, Artur Trillo quere destacar outro gran punto de inflexión na súa traxectoria, que foi o que trazou Soños dun sedutor que “nos deu un salto a espectáculo e gran formato”.


O labor sociocultural
De xeito paralelo á práctica teatral, Talía Teatro tamén desenvolveu un abondoso labor cultural vencellado, principalmente, ao seu lugar denacemento. Foi en Cee onde crearon unha mostra de teatro que compartiu estrutura e recursos coa compañía. “Ás veces tivo que recurrir á compañía para ser financiada pero mantívose porque é o noso referente anual” afirma Trillo.

Ademais, a finais dos 90 este concello aceptou un proxecto de Talía de crear unha escola de teatro. “Realmente é un taller que depende totalmente do concello, pero que é bastante estable porque a xente é moi fiel á actividade teatral” asegura Trillo que tamén da clases noutras localidades: Muxía, Boiro..

Por último, a principios do 2000 abriron un proxecto de colección de textos teatrais que acabou quedando aparcado por falta de tempo. Tres números que autoeditaron e que distribuiron de xeito “moi caseiro” entre diferentes librerías que serviron para completar un proxecto teatral.

Artur Trillo asume que aínda quedan numerosas vías por abrir e iniciativas que retomar e, mentres tanto, estes días están a traballar na distribución de E ti, quen ves sendo? con texto de Cándido Pazó.