Galicia busca o seu Sant Jordi

Editores optan por potenciar as celebracións con motivo do Día das Letras

Retrato Sant Jordi
Retrato Sant Jordi
Naceron noutro contexto social, económico pero tamén cultural. As feiras do libro son un tradicional escaparate da literatura e unha ventá a maiores para o negocio. É certo que venden pero libreiros e editores, os principais afectados, avogan por perfeccionar o modelo, ao tempo que buscan potenciar iniciativas arredor das letras con máis tirón de vendas e máis calado social.

Hai varias cousas nas que todos os sectores implicados na industria do libro coinciden: as feiras do libro son un modelo esgotado. Pero sen embargo venden. Non hai máis que que botar un vistazo á da Coruña, que rematou esta fin de semana para decatarmos de que, con todo, funcionan.

Un modelo esgotado que vende ¿unha contradición?
Para Alfonso García Sanmartín, presidente da Asociación Galega de Editores, “creo que reflicte unha certa intensificación das campañas de lectura que comezan a ter resultados”. Vai un pouco máis alá ao dicir que “debemos referencialo máis con ese aspecto que co da ganancia do libro”. Sexa correcta ou non esta interpretación, o certo é que non todas as feiras do libro son iguais. A da Coruña manexa unhas cifras titánicas para un acontecemento deste tipo: 52 casetas, 100.000 visitantes e un bo número de vendas. Malia que non temos cifras desta edición que acaba de rematar, o seu coordinador, Antonio Fernández, asegura que “nos manexamos nos mesmos rexistros que noutros anos”.

Pero non podemos tomar a Feira do Libro da Coruña como un referente para este tipo de acontecementos literarios porque non é unha máis. Para esta feira hai librarías que pechan as súas portas nos seus emprazamentos habituais para poder asistir, é a máis antiga e ademais, rexistra maior volume de vendas. Aínda que isto só pasa na Coruña, nos últimos anos asistimos imparables á multiplicación deste tipo de eventos. Para Alfonso García Sanmartín “houbo unha época en que a escaseza de vendas se tentou subsanar coa ampliación dos puntos de venda (a creación de novas feiras). E por iso as feiras perderon parte do seu sentido, foise esgotando o modelo e con el o propio esforzo dos libreiros”. Por todas estas razóns, o presidente dos editores xustifica que “o certo é que para o esforzo non era rendible e de aí que se cuestionase a presenza de editores e libreiros”

Outro reto: o libro galego
Aos problemas xa enumerados había que engadirlle un novo, que é o da escasa presenza do libro galego neste tipo de eventos. Antonio Fernández coordinador da feira da Coruña aseguraba que nesta celebración sempre se vende máis libro en castelán que en galego e que, ademais, teñen previsto intensificar os seus esforzos para incrementar a presenza do libro galego. “Estou dacordo que a presenza do libro non foi tan significativa como nos gustaría. Agora ben, había 12 stands, con presenza específica noutros espazos pero nós queremos que en todas as librarías haxa unha representación significativa” afirmou.

Os comezos do cambio
“A cuestión é que as feiras do libro son moi repetitivas” afirma Antonio Fernández. “Nisto sí que coincidimos todos pero queremos introducir algunhas novidades. O esquema básico vaise manter pero se incorporarán unha serie de alicientes e se farán modificacións en canto a número de participantes, xunto con cambios como o de engadir algún pabillón específico con cousas relacionadas coa tecnoloxía. Iso sí, sempre no esquema tradiciónal da Coruña cunha presenza alta de escritores e de autores galegos, mentres buscamos reforzar a presenza de escritores de ámbito internacional”.

Para o presidente da Asociación Galega de Editores “entendemos que é necesario unha reformulación das feiras. Vemos que van mellorando algúns aspectos que criticabamos (a pouca relevancia do libro galego) pero creo que cómpre unha reflexión profunda de todo o sector”. Para os editores “o que temos que ser é mais imaxinativos en elementos que sirvan de atractivo para a xente. Está ben que haxa presentacións pero debería optarse cara outros incentivos para o novo público, xa que as actividades que se organizan están máis pensadas para os que xa son lectores e, ademais, fanse todo o ano”. Por este motivo, avogan máis por conciliar o concepto de ferias con celebracións puntuais. Nese sentido a súa aposta pasa por “recuperar o valor da semana e do Día das Letras Galegas e iniciativas arredor do libro nesas datas”. Pero para Alfonso García Sanmartín “Iso implicaría facer unha rede de redes que permitise que o libro estea presente no maior número de núcleos de población pero priorizando certos aspectos de feira con outros de presenza real”.

Cando ollan cara fóra, os editores constatan que outras realidades literarias non acaban de atopar un modelo de feira claro. "Este ano chamounos a atención que a feira do libro de Almería tentou converterse en monográfica; vemos como van as cousas en Cataluña onde cada ano ensaian un novo modelo... é un problema de carácter xeral". En todo caso, con respecto a Cataluña, Alfonso García si puntualiza que "deberíamos facer algo semellante ao Sant Jordi" polo seu calado social e a súa repercusión.

En todo caso, o que queda claro é que editores, libreiros e escritores deberán poñerse dacordo no futuro para optar por un modelo que unifique as diferentes posturas arredor das feiras do libro. Pola banda dos editores, Alfonso García confirma que a súa xunta directiva ten prevista unha xuntanza na que entre outras cousas, se abordará este tema.