O escritor ferrolán Xesús Constela ven de resultar gañador do XX Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) do Concello da Estrada ao acadar coa obra Á espera do lusco fusco a maioría dos votos do xurado. O galardón ten unha dotación de 9015 euros e a publicación da obra na editorial Galaxia. Segundo o fallo do xurado a novela gañadora é especialmente valorable por tratarse dun monólogo narrativo, escrito cunha linguaxe coloquial que utiliza recursos rítmicos como a repetición con fins paródicos. A novela é unha metáfora burlesca da literatura que pon en entredito a ficción tradicional como convención e xoga coa tradición literaria de Shakespeare e Cervantes a Blanco Amor, para acabar constituíndo un divertimento en busca da liberdade literaria e da esencia da escrita. Constela gañou o Premio Torrente Ballester de 2003 co seu primeiro libro As humanas proporcións.