O Clúster do Produto Gráfico presenta as súas iniciativas de promoción e investigación

En 2009 convocarase a primeira edición do Premio do Deseño e do Produto Gráfico

Traballar no ámbito do I+D+i é o obxectivo da Plataforma Tecnolóxica que hoxe presentou en Compostela o Clúster do Libro Galego. Entre os proxectos nos que xa está a traballar este departamento, está o denominado Amazon galego. A iniciativa pretende ser unha plataforma de distribución de contidos en liña que permita a impresión baixo demanda de libros feitos en Galicia en calquera punto do mundo. O proxecto, en desenvolvemento, quere darse a coñecer na primavera de 2009.



A nivel de promoción pública, o Clúster anuncia para outono a presentación do primeiro premio de Deseño e do Produto Gráfico, que será convocado por primeira vez en 2009. Na mesma liña, quérese implantar a marca Garantía Gráfica Galega que distinga a calidade dos traballos do sector desenvolvidos no país.

Desde a Plataforma Tecnolóxica, trabállase tamén nunha liña menos espectacular pero tamén de grande importancia como é o traballo na estandarización dos tratamentos da cor entre diferentes empresas. Segundo explicou o presidente da Plataforma Tecnolóxica, Jacobo Bermejo, este paso é fundamental de cara a conseguir que as imprentas galegas poidan abordar en conxunto grandes proxectos que na actualidade se teñen que desenvolver fóra do país.

A outra grande liña que está a abordar a Plataforma é o traballo en procesos de packaging, unha actividade que ten especial importancia no ámbito da conserveiras. A principal iniciativa neste campo é desenvolver un sistema de radiofrecuencia asociado aos envoltorios que facilite o procesamento de grandes cantidades de material, reducindo os custos para as empresas de distribución e venda.