Unha editora coruñesa publica unha serie de libros sobre o mar en oito idiomas

Dos libros, dos mares e das illas

Nada menos que vintetres títulos tratando os máis diversos aspectos do mar. Desde os diferentes habitantes do fondo marino ata as profesións relacionadas con este medio, a colección "A vida na mar salgada" que presentou onte a editora coruñesa Primerapersona quere achegar este mundo a rapaces de todo o mundo editando cada volume en oito idiomas. Tamén do mar, e máis concretamente das Illas Baleares, chéganos o último lanzamento de Espiral Maior. Unha antoloxía de poesía balear en edición bilingüe que recolle os poemas de vinte autores deste arquipélago.


Falando desde o mar




A colección "A vida na mar salgada" consta de vintetres títulos dezaoito dos cales están dedicado a un animal mariño e outros cinco a oficios relacionados co mar. Os protagonistas de cada volume explican en primeira persoa o seu xeito de vida no mar e as súas peculiaridades.
Seis destes títulos xa están dispoñibles en inglés, castelán e catalán, e a editora Primerapersona agarda publicar en breve as versións en portugués, francés, italiano, alemán e euskera. Os dereitos da versión en galego, segundo sinalaron onte os directivos da editorial na presentación da colección, están en mans dunha entidade pública que ata o de agora non amosou interese na súa publicación.
Desde Primerapersona agardan que esta colección chegue a toda Europa. Os libros pretenden ser un material complementario de apoio nas aulas, e contan non abondosas ilustracións e fotografías para transmitir ós máis pequenos valores coma a educación ambiental ou o consumo responsable.
A editorial Primerapersona xurdiu recentemente na Coruña coa perspectiva de publicar textos que estivesen narrados exclusivamente en primeira persoa.



Poetas baleares

A editorial Espiral Maior trae desde o Mediterráneo o seu último lanzamento. "Vinte poetas das Baleares" é umha escolma que recolle máis de cen composicións en edición bilingüe. A escolma fai un percorrido pola poesía destas illas desde 1885 ata os nosos días. A traducción destes poemas correu a cargo de Xabier Rodríguez Baixeras e a selección de autores foi realizada por Pere Roselló, profesor da Universitat de les Illes Balears. Coa súa selección, Roselló pretendeu represetnar os diferentes movementos polos que veu pasando a poesía balear desde a súa reucperación no século XIX. A escolma de poemas vén acompañada dunha introducción sobre a tradición poética das illas.