A RAG realizará un único acto dividido entre Pontevedra e Vilafranca

Sarmiento para todos

A Real Academia Galega (RAG) celebrará un único acto de homenaxe a Frei Martín Sarmiento, ainda que será en dúas sesións: unha o 17 de maio en Pontevedra e outra o 18 en Vilafranca do Bierzo. Aínda que esta decisión non coincide exactamente coa proposta dos partidarios de compartir as celebracións, os promotores do manifesto realizado neste sentido xa amosaron a súa conformidade. Ademais de decidir sobre esta cuestión, a RAG admitiu onte como membro ó escritor Camilo Gonsar. E xa o venres comezaron os actos de homenaxe a Sarmiento coa apertura dunha mostra e a presentación dun libro por parte do Consello da Cultura Galega.


A decisión de compartir




O plenario da Real Academia Galega reunido o sábado na Coruña acordou, por catorce votos e favor e tres abstencións dos dezasete académicos presentes, realizar un único acto en homenaxe a Frei Martín Sarmiento co gallo do Día das Letras. Para rematar coa polémica sobre o lugar da celebración, a RAG decidiu que este acto se celebrase en dúas sesións, unha primeira en Pontevedra o día 17 de maio e outra en Vilafranca o sábado 18. Segundo Xosé Ramón Barreiro, presidente da RAG, as dúas sesións "terán a mesma solemnidade e a mesma liturxia". A decisión sobre os actos concretos a celebrar quedou en mans dunha comisión de académicos.
Aínda que esta proposta non coincidía exactamente coa realizada o pasado mércores por representantes de Pontevedra e de Vilafranca e apoiado polo manifesto que se publicou desde Vieiros.com, os promotores desta proposta amosáronse de acordo coa idea. Segundo eles, o feito de que a celebración en Vilafranca coincida nun sábado permitirá unha maior participación dos habitantes da zona nos actos.




Máis desde a RAG


Ademais de decidir sobre a celebración do Día das Letras, o plenario do sábado na RAG serviu para decidir a entrada nesta institucion do escritor Camilo Gonsar dentro da ampliación de membros da Academia de vintecatro a trinta. O nome de Camilo Gonsar xa viña sonando coma candidato desde hai varios meses como un dos principais representantes da Nova Narrativa Galega. Ademais, tamén se realizou a presentación do sexto tomo da Enciclopedia Galega Universal que vén editando Ir Indo. Segundo anunciou Bieito Ledo, director da empresa, o sétimo volume estará á venda en maio e en dous ou tres anos completaranse os catorce tomos da enciclopedia.












Máis sobre Sarmiento





















Os actos de homenaxe a Frei Martín Sarmiento comezaron o venres coa inauguración da mostra "O padre Sarmiento e a Galicia do seu tempo", organizada polo Consello da Cultura Galega e coa presentación do libro "Frei Martín Sarmiento" editado polo Instituto de Estudios GalegosPadre Sarmiento.
A exposición, elaborada con ocasión do terceiro centenario do nacemento de Sarmiento en 1995, fai un repaso da vida e obra de Frei Martín Sarmiento contextualizándoas na súa época. A mostra pode verse na sede do Instituto Padre Sarmiento en Comostela, e está previsto que o 18 de maio chegue a Vilafranca do Bierzo.
No acto de inauguración presentose o libro "Frei Martín Sarmiento", realizado por Isidro García Tato e por Ana María Suárz e publicado polo Insituto Padre Sarmiento, que realiza unha achega biográfica a este autor e analiza o seu pensamento.