Cando o arroaz Gaspar se chamaba ‘Jean Floch’

Presentan en Irlanda unha cronoloxía dos arroaces solitarios galegos

Non se coñecen as causas, pero de cando en vez os arroaces abandonan o seu comportamento social e convértense en animais solitarios que viven nas proximidades dos portos e espertan unha gran curiosidade nas poboacións locais, que axiña lles poñen nomes. A bióloga Paula Méndez presentou entre o 12 e o 14 de maio a historia dos dez arroaces solitarios que visitaron os portos galegos a partir dos 70. O último aínda segue entre nós, Gaspar.

Entre eles, figura Gaspar, o último arroaz solitario que chegou á costa galega, procedente das costas bretonas, onde viviu entre o 2004 e o 2007 e os habitantes locais alcumaron como Jean Floch. Gaspar apareceu no porto de Cangas en decembro de 2007 e axiña foi rebautizado pola xente. Desde hai meses, o arroz vaga pola costa galega e ten querencia polos portos –onde atopa refuxio e alimento doado–, pasando moito tempo no de Ribeira, ante a expectación local. A Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA) conta con técnicos que vixían o comportamento e a saúde de Gaspar e mesmo contan cun blog (http://www.blogoteca.com/cemma/) para informar do seu estado de saúde.


LISTA DE ARROACES SOLITARIOS DE GALICIA (texto orixinal de CEMMA)

Nos anos 70 apareceu Nina en Lorbé. Visitado por Félix Rodriguez de la Fuente e Jacques Cousteau. Posteriormente aparece Julia en Baiona e a falta de datos concretos descoñécese se puidera tratarse do mesmo exemplar.

No ano 1988 houbo dous arroaces na desembocadura do río Tambre, un deles
permaneceu durante un mes alí e logo parece que foi atopado morto.

No ano 1994 Enol e Ercina chegan a Asturies, no ano 1997 pasan a Galicia e de xuño a setembro Enol navega entre A Coruña e Cariño, alí establécese durante un mes e logo vaise. Era un macho de 3 metros moi sociable, con comportamentos agresivos cando a xente lle perdeu o respecto.

No ano 2000 houbo un arroaz na Ría de Vigo durante un mes antes do verán, Jaimito Mercurio, sobre todo na Enseada de Baiona, non contactaba coa xente nin se deixaba acercar, logo foise.

Nos anos 2005-2006 viviu un arroaz na Ría de Ferrol, Pías, curioso coas embarcacións pero pouco sociable.

Ademais dos casos galegos, levou información de Pakito, entre 1998 e 2005 pakito viviu en na costa de Euskadi, aparecendo morto em Pasaia.

Finalmente Paula expuso o caso de Gaspar, completando a información que
Sanda Guiomar aportou do mesmo arroaz, entre os anos 2004-2007, cando era
coñecido como Jean Floch na costa de Francia.