A sala Bacabú de Lugo bota o peche mentres as mostras enchen o país

A sala pecha, as exposicións continúan

A sala de exposicións Bacabú de Lugo pecharaá as súas portas en xaneiro do 2002 logo de tres anos de actividade. As causas deste peche non se deben tanto a razóns económicas como á rutinización do traballo que denuncian os promotores do proxecto. E mentres unha sala bota o peche, as exposicións sucédense. Así o hostal do Reis Católicos acollerá obras de artistas galegos coma Cándido Pazos, Jorge Castillo ou Abreu Bastos nunha mostra benéfica. E chégannos noticias de dúas novas artistas que comezan a destacar. Trátase de Marta Prieto, que participa nunha mostra en Ibiza, e de Andrea Cambiero, gañadora do Certame Galego de Artes Plásticas na categoría de entre 13 e 17 anos.

Pechar a galería




A sala de exposicións "Bacabú", que abrira as súas portas en 1998, pecharáas en xaneiro do 2002, aínda que non se descarta unha continuación da súa actividade en mans doutros responsables.
A galería, que naceu sen ánimo de lucro por iniciativa dos artistas Quique Bordell, Honorio, Espiral, Santiago Catalán e Germán Refojo, ocupaba a primeira pranta dunha casa de pedra no Campo de Lugo e ofrecíase gratuítamente ós artistas da zona para que puidesen amosar o seu traballo. Desde 1998 desenvolvéronse neste espacio máis de cincuenta mostras, sendo a última a da gravadora escocesa Diana Atichison e o fotógrafo Fernando Cabezón que se pode ver ata o día quince.

Segundo os promotores, a continuidade do proxecto "non é un problema de cartos, si máis ben de rutina", xa que nunca buscaron acadar beneficios con este proxecto. Agora buscan persoas que queiran continuar co proxecto mantendo o seu espírito de achegar a arte á xente eliminando os intermediarios e evitando o encarecemento da obra.












Mostras

O Hostal dos Reis Católicos de Compostela acolle desde hoxe e ata o vindeiro día quince unha mostra con traballos de creadores galegos tan destacados coma Cándido Pazos, Jorge Castillo e Abreu Bastos. As esculturas panteístas e naturalistas do Santiagués Cándido Pazos convivirán coa pinturas do pontevedrés Jorge Castillo e as do vigués Abreu Bastos, Medalla Galicia do ano 2001. Esta mostra pretende recadar fondos para a organización Aldeas Infantiles.
Pola súa banda, o Centro Torrente Ballester de Ferrol acolle desde o sábado unha mostra dos vinteoito mellores gravados presentados ó XV Premio Internacional de Gravado Máximo Ramos.







Novos valores

A artista Marta Prieto achegará a súa arte a Fuerteventura nunha maleta formando parte dunha mostra que ten este obxecto como centro. A idea xurdiu dunha mostra na que a propia Marta xogaba con este obxecto e que impresionou vivamente a Miro Casares, comisario da mostra que se porá en marcha o vindeiro día oito en Fuerteventura.

Outra nova artista que comeza a destacar é a noiesa Andrea Cambeiro, que se vén de facer o primeiro premio do Certame Galego de Artes Plásticas Xuventude 2001 cun gravado titulado "Cordón Umbilical". Andrea leva cinco anos facendo gravado e é segunda vez que acada este premio.