O traballo de libreiro fixo de Xosé María Álvarez Blázquez un pioneiro no estudo dos Séculos Escuros

A primeira candea na escuridade

Durante moitos anos foran simplemente un espazo em branco (ou, quizais, en negro) nas historia da nosa literatura. O período coñecido coma Século Escuros, entre o esplendor medieval e o Rexurdimento, considerábase un ermo para a creación en galego. A mediados do século XX Xosé María Álvarez Blázquez, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras, acendía unha das primeiras luces neste período.

Dentro das múltiplas facetas de Xosé María Álvarez Blázquez, hai dúas que inciden especialmente no seu traballo encol dos Séculos Escuros. Debemos falar aquí do investigador, empeñado en dar a coñecer o pasado das nosas letras, pero tamén do libreiro anticuario, acostumado a seguirlle a pista a vellos volumes e a buscar neles valores ignotos. Debemos pensar que naquel momento as investigacións sobre este período pouco coñecido das nosas letras debía facerse, maioritariamente, atendendo ás fontes directas e seguindo referencias cruzadas entre diferentes autores ou listados bibliográficos da época para localizar os pequenos textos en galego que se conservaron desde aquela. “Moitas veces un libreiro de vello non repara no que atopa nos volumes que manexa, pero téñense dado casos de libreiros que prestaron inmenso servizos á recuperación cultural pola súa sensibilidade”,explica Darío Xohán Cabana, amigo persoal de Álvarez Blázquez e autor dunha recente obra sobre a figura do homenaxeado.

Rastrexar libros
É desde o seu traballo na libraría Monterrei que o noso home accedeu a un bo feixe de materiais que lle servirían despois para completar esta investigación. “Hai que pensar que nos últimos anos corenta e mais nos cincuenta el viaxou por todo o país cunha furgoneta que xa fixera a Segunda Guerra Mundial, do bando dos aliados”, lembra Cabana. “Ía mercando libros por onde podía. Pazos, casas burguesas, restos de mosteiros e outras librarías”. Foi daquela que este investigador fixo achados coma a “Égloga de Belmiro e Benigno” que atribuiu a Nicomedes Pastor Díaz e que está datada con anterioridade a 1830. “Foi unha achega de grande importancia, máis nuns tempos de miseria. Así o que era considerado príncipe dos poetas españois do seu tempo, pasaba a ser tamén un poeta en lingua galega con importancia. Antes só se lle coñecía a `Alborada´ na nosa lingua”, explica Xohán Cabana. De xeito semellante apareceu tamén un poema escolar de Aurelio Aguirre entre outros textos.

Máis dos séculos
O traballo de Álvarez Blázquez permitiu tamén achados do comezo dos Séculos Escuros, a finais do século XV. “O seu discurso de ingreso da Real Academia, dedicouno a rastrexar un suposto `Cantar de Compostela´ que está prosificado na Crónica de Santa María de Iria. Ten tamén a reconstrución de parte do que supón un longo romance sobre a figura de Pardo de Cela”, lembra Cabana, que sería orixinario do século XVI e que de novo estaba conservado en forma de prosa. “O traballo de bibliófilo foi completamente esencial. Textos coma a Égloga de Aguirre e outros atopounos casualmente, pero había unha busca consciente”, explica Xohán Cabana.

A escolma
Para alén de publicacións puntuais dalgúns destes traballos, coma os xa mentados títulos de Pastor Díaz, o investigador reuniu no segundo volume da súa “Escolma de poesía galega” a maior parte dos seus achados. “O segundo tomo da `Escolma de poesía galega´ é trascendental, toda unha novidade e unha auténtica Biblia literaria”, lembra Xohán Cabana. “Presentou ante un público pequeno pero de grande fervor que os séculos escuros non eran tan escuros. Manuel María saudouno con entusiasmo, e é que daquela sabíase que había algúns poemas do Cura de Fruime e mais dos Xogos Minervais de Compostela, pero isto era un volume de catrocentas páxinas que presentaba un panorama que, aínda pobre, non era tan cativo”. Para alén dos textos que el mesmo localizara, algúns nunca antes impresos de autores coma Francisca de la Isla, Castro e Neira ou Airas Teixeiro, a obra recuperaba moitos outros fragmentos que se sabían localizados pero que era dificilmente localizables naquel momento.


Sen publicar
A importancia do traballo de Álvarez Blázquez non se pode reducir ás obras que chegou a editar. “Dentro dese labor de esculca non está só o que publicou co seu nome”, e é que boa parte dos documentos que recuperou foron adquiridos por Fermín Penzol e fan parte hoxe do seu legado bibliográfico. “Penzol era o cliente inmediato, ademais de lle mercar, Xosé María tiña a seguridade de que o que fose á súa biblioteca había acabar no dominio público”. Alén das vendas, tamén houbo cesións desinteresadas de achados literarios. “El chegara a xuntar a obra de Francisco Añón e cedeulla a outra persoa que fixo a súa tese con ela”. Trátase de Fernando Bel Ortega, que segundo explica Cabana recoñeceu a débeda de xeito preferente en todos os seus traballos sobre esta cuestión. “Como di Ferrín, facía os traballos e esquecíase de asinalos. Eran tempos diferentes”, conclúe Cabana. O interese do autor homenaxeado mantívose mesmo logo de que todo este material vise a luz, e nos seus últimos anos preparaba a edición dunha grande obra, do que el chamaba “As fontes”, que afondaba precisamente nestes textos nados en anos onde escribir en galego era algo excepcional. A enfermidade e, finalmente, a morte, impedíronlle completar un traballo ao que se dedicaba con paixón.