Novas iniciativas prometen revolucionar o teatro social e educativo en Galicia

Aprender as táboas

Alén do que acontece sobre as táboas, o feito teatral posúe unhas implicacións sociais importantes. Á incidencia dos propios colectivos escénicos, tanto profesionais coma afeccionados, súmanse as posibilidades educativas e de integración social desta arte. Novas propostas que se están a xerar no noso país prometen multiplicar a presenza educativa das táboas.

A Escola Superior de Arte Dramática, en Vigo, é un dos focos que ameaza con provocar unha revolución no emprego social das táboas. Segundo explica o seu director, Manuel F. Vieites, “O teatro foi sempre unha ferramenta de intervención que tivo unha dimensión social. As necesidades actuais evidencian que hai que afondar nesa dimensión e buscar xeitos sobre como, alén de arte, facer del unha ferramenta para traballar sobre a exclusión ou a violencia, e fornecer respostas para moitos problemas, actuando coma foro de debate”. Nese sentido, recoñece que “en Galicia, España e Portugal tense avanzado bastante neste campo, hai moitas experiencias pero son pouco coñecidas, e en xeral son propostas vinculadas a espazos socioculturais concretos que non dan lugar a unha reflexión”.

A xira que vén
A situación neste campo promete mudar nos vindeiros meses. A propia Escola presentará, esta mesma primavera, un Obradoiro de Teatro Social. “Entendemos que os titulados que imos levar ao mercado laboral poden desempeñar, ademais da súa función artística, un traballo coma artistas implicados na sociedade do país”, explica o director. “Este é un campo profesional emerxente, e pódese traballar desde a implicación na escola, no tecido asociativo ou coma terapia”. A intención é que para ao vindeiro ano, a partir do traballo metodolóxico, teórico e práctico que se desenvolva neste espazo, se poña en marcha un espectáculo itinerante de carácter social. “A idea é que a obra percorra un bo número de vilas a buscar o debate entre actores e público para animar á pobocación a actuar sobre diferentes problemas”. Temas coma a marxinalidade, a violencia, a discriminación ou o medio ambiente terán un tratamento escénico. “Imos empregar diferentes rexistros estilísticos e estamos moi ilusionados co proxecto. Chamámoslle Teatracción, facendo xogo de palabras entre teatro, acción e atracción”, completa Vieites. Malia a que nun comezo a actividade está dirixida a profesores e alumnos da escola, a intención deste centro é abrir con posterioridade o proceso a outras persoas para que se impliquen. “Podemos facer formación para xente interesada, e queremos servir como punto de encontro para quen desenvolva experiencias destes tipo”. Para alén de espectáculos, Vieites anuncia a intención de conseguir desenvolvementos teóricos a partir deste traballo e editar materiais neste sentido. “Esta é unha iniciativa con moito futuro” conclúe.

Teatro para as aulas
Outra iniciativa que está a buscar unha maior presenza das táboas na educación chega da facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela. O centro acolleu ao longo deste mes de abril as xornadas “Teatro (é) educación”, unha iniciativa pioneira na que se analizan e presentan diferentes iniciativas de traballo nas táboas e as súas posibilidades educativas. “O encontro xurdiu ao ver que na Facultade non había ningunha vinculación directa co teatro”, explica Estefania Pena, unha das responsables do evento. “Non existía un grupo propio nin antecedente, e tanto o Decatano coma o Departamento de Didáctica apostaron por organizar este encontro, orientado máis cara á educación non formal do que para a formal”. Deste xeito, o programa céntrase no traballo que se desenvolve en concellos, e en asociacións xuvenís ou de xente maior. “Todas as conferencias e as obras que se representan teñen en común o seren teatro que se fai en aldeas e vilas con poucos medios”. Deste xeito, grupos de Vedra, Cervo ou Burela amosaron os seus traballos no encontro. “Están moi implicados, funcionan con moi poucos medios e amosan que nas experiencias teatrais pódese facer moito con pouco, e que non é tan importante o resultado coma o proceso”.

Posibilidades concretas
“Como pedagoga moi interesada nese nexo entre teatro e educación, penso que é unha ferramenta que está sen aproveitar, tanto no ámbito formal coma noutros contextos. Si hai antecedentes en ámbitos coma a psicoloxía con traballos coma o psicodrama ou os roles, e tamén en ámbitos de eduación social. Pero na educación en si, non hai reflexo de experiencias teatrais” lembra Pena. “Pensamos que este traballo contribúe ao desenvolvemento integral da persoa e abre as posibilidades educativas a outras artes”, completa, “dalgún xeito explóranse moitas posibilidades educativas e abre campos a traballar coa literatura, o movemento, as literatura, o corpo ou a voz, e queremos potencialo neste sentido”. No entanto, esta pedagoga apunta que non existe formación específica para os ensinantes neste campo. “Hai moitas carencias, non tanto a nivel didáctico coma falando de mellorar a calidade do ensino. O teatro pode empregarse coma un xogo ou para mellorar a calidade do ensino coma unha ferramenta máis”, lembra. Deste xeito, na aprendizaxe de linguas, a escenificación de diálogos facilita desenvolver diferentes rexistros na fala e mesmo incorporar mellor os contidos ao vencellalos ao movemento corporal. “Permite que os rapaces aprendan de xeito máis lúdico e que comprendan mellor os contidos dos libros, que poden ser moi herméticos. No lugar de ler desde o pupitre pódese facer teatro lido nas aulas nas clases de Lingua e Literatura, e en Historia poden escenificarse cousas. Cos máis pequenos permite que xoguen, que se desinhiban, que se comuniquen e melloren a fala ou a atención”.

A importancia asociativa
Para alén das posibilidades puramente educativas do teatro, debemos pensar na grande importancia que esta arte ten a nivel de cultura de base no noso país. Por toda a xeografía, desde concellos, institutos ou asociacións, grupos de teatro de todo tipo desenvolven a diario o seu traballo, conformando un tecido asociativo destacado. “En case todos os concellos hai algún grupo, e a pé de rúa a toda a xente lle interesa, pero logo é unha afección algo precaria e os teatros non se enchen”, lembra Pena. O encontro conseguiu un grande éxito na súa convocatoria, con máis de trescentos inscritos e lista de agarda, o que anima á organización a continuar o proxecto en vindeiras convocatorias, ampliando mesmo o período no que se desenvolve e coa posibilidade de que deveña unha convocatoria anual.

Pódese prever entón para os vindeiros tempos, un crecemento e unha maior integración das iniciativas teatrais que, ata o de agora, estaban a se desenvolver de xeito máis ou menos illados. A presenza do teatro nas aulas, na rúa, nos debates, nos hospitais, nas cadeas, nas residencias da terceira idade e en todo tipo de centros poida que deixe de nos resultar estraño en breve.